Na União das Freguesias de Real, Dume e Semelhe, no extrarradio da cidade de Braga, érguese probabelmente o máis senlleiro exemplo do patrimonio altomedieval do estado portugués: São Frutuoso de Montélios. Esta construción, de modestas dimensións, chegou ós nosos días anexa á igrexa de São Jerónimo de Real, de época barroca, e moi modificada respecto ó seu estado orixinal.
O adro da igrexa de Real ofrécenos a vista dun templo de cruz grega cun cruceiro elevado a modo de ciborio cuberto con cúpula sobre pendentes. A sinxela harmonía da sobriedade decorativa exterior, cuxa única concesión ó ornamento pasa pola sucesión de arquiños mitrados e de ferradura socavados no muro, contrasta co seu interior, articulado en base a unha tripla arcada de ferradura apoiada en columnas corintias, cun friso nos muros á súa mesma altura que imita estes motivos vexetais.
Como adoita se-lo caso ó falarmos do patrimonio altomedieval, son contadas as afirmacións fidedignas que podemos dar acerca de cuestións como a súa datación, función ou filiación estilística. Sexa como for, a capela foi re-descuberta no campo académico case finalizado o século XIX, cando diversos estudosos emprenderon a intricada tarefa de indagar nas orixes desta edificación. Para aquel intre, a capela formaba parte dun complexo monástico en estado ruinoso, tras ter sido froito dos procesos desamortizadores, e xa anexa á mencionada igrexa de Real1. Da fábrica altomedieval só restaba o cruceiro, que funcionaba como un nexo entre dúas ás do mosteiro. Malia que nun comezo autores como Korrodi sinalaban a posibilidade de que orixinalmente o que restaba da capela tería sido o cruceiro dunha igrexa de dimensións non tan modestas e planta basilical, a teoría que defendía a planta en cruz grega pronto gañou terreo, fundamentalmente a partir de 1919 cos traballos de Manuel de Aguiar Barreiros, que foi, ademais, o primeiro en propoñe-lo peche interior «en ferradura» das ábsidas2.
Neste contexto de crecente interese académico pasa a segunda década do pasado século, e en Portugal, após o golpe de estado do 28 de maio de 1926, instáurase un réxime ditatorial de corte fascista que foi chamado Estado Novo. Esta ditadura, con António de Oliveira Salazar á fronte, contou como unha das súas figuras fundamentais con António Ferro, director do SNP (Secretariado de Propaganda Nacional). Este home, herdeiro ideolóxico e seguidor convencido do fascismo italiano máis clásico, desenvolveu dende a súa posición a Política do Espírito, ca que pretendía, mediante unha narración da historia nacional terxiversada segundo os intereses do relato, crear e difundi-lo sentimento identitario nacionalista, ó conxuga-la narración das «vellas glorias» cun futuro ó que se miraba con esperanza. A nivel patrimonial, a política de Ferro plasmouse na DGEMN (Direção Geral dos Edifícios e Monumentos Nacionais), unha institución encargada de innumerábeis intervencións «restauradoras» que, inspiradas na, naquel intre xa superada, restauración en estilo de Viollet-le-Duc, desfiguraron irreparabelmente o tecido patrimonial luso buscando facelo concordar ca súa narrativa. Os monumentos eran vistos como meros lembretes físicos de fazañas concretas ou episodios salientábeis ou facilmente identificábeis con persoeiros relevantes3.
O caso de Montélios non foi unha excepción. Tradicionalmente considerada o mausoleo de san Frutuoso, bispo visigodo de Braga e fundador de incontábeis mosteiros por todo o noroeste peninsular, as intervencións na capela comezaron no ano 1930 baixo a dirección do arquitecto João de Moura Coutinho. Seguindo a tónica habitual das «restauracións» da DGEMN, nunha primeira fase elimináronse tódolos elementos que non pertencían á obra considerada orixinal, é dicir, só quedou o cruceiro coas súas arcadas. Posteriormente, procedeuse á construción das ábsidas, nas que se incluíu o arcosolio, un movemento que obedeceu á vontade do arquitecto máis que a unha análise científica. As labores de restauro detivéronse a mediados dos anos trinta por mor das dificultades no orzamento, e foron reanudadas en 1939, diante do malestar dos veciños polo prolongado dos traballos. Esta segunda fase estivo marcada pola urxencia por remata-lo proxecto, polo que abandonouse a idea de aboveda-las ábsidas e optouse pola solución da cuberta de madeira, e así ficou o edificio a partir de 1942, data oficial de finalización da restauración4.
Foi así como este monumento, de tal relevancia, chegou ós nosos días, deturpado, abandonado, inconcluso. O seu aspecto interno revela sen dificultade a présa coa que se realizaron os labores de restauración, así como o seu pouco rigor histórico-artístico, convertendo a capela non só nunha testemuña da realidade construtiva da alta Idade Media, senón tamén do aproveitamento interesado e irresponsábel que a ditadura de Salazar fixo do seu patrimonio.
A imaxe de cabeceira correspóndese co interior do templo de São Frutuoso de Montélios e foi tirada polo autor.
Notas ao pé:
1 Nidia PEREIRA TELES: “A Capela de São Frutuoso de Montélios: Princípios do seu desenho”, Incipit: Workshop de Estudos Medievais da Universidade do Porto, 6 (2018), pp. 77-90.
2 M. Mónica BRITO: “As fases do restauro da capela de São Frutuoso de Montélios”, Revista MVSEU ,10, Série IV (2001).
3 Paula ALMEIDA FERNANDES: “Forma Mentis. El valor del pasado medieval en el ideario del Estado Novo (1933-1974)”, en Francisco José Moreno Martín (coord.): El franquismo y la apropiación del pasado: el uso de la historia, la arqueología y la historia del arte para la legitimación de la dictadura. Madrid, Ed. Pablo Iglesias, 2017, pp. 235-252.
4 Antonio GÓMEZ VÁZQUEZ: Arquitectura altomedieval en Portugal. Construción e Reconstrución. Traballo de Fin de Grao, Universidade de Santiago de Compostela, 2022.
Vigo, 2000. Graduouse en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2022, e realizou na mesma universidade o Mestrado en Estudos Medievais Europeos: Imaxes, Textos e Contextos, que rematou en xullo de 2023. Realizou tanto o seu Traballo final de Grao como de Mestrado baixo a tutela de Marta Cendón Fernández, ambos enfocados na arquitectura altomedieval e a súa repercusión na ditadura salazarista. Actualmente está a realiza-la tese de doutoramento, dirixida por Marta Cendón Fernández e David Chao Castro, dentro do programa de doutoramento en Estudos Medievais, na que segue a mesma liña de investigación.
- Esta persoa non ten máis artigos