Brais Ferreiro Ares
Cando falamos de Transición normalmente aludimos aos grandes acontecementos ou aos grandes feitos. Porén, apenas nos detemos no estudo do proceso a nivel local, obviando a esfera máis próxima ao cidadán. E dentro disto apenas prestamos atención ao papel xogado polas mulleres na chegada da democracia aos municipios. Unha boa forma de facelo é analizando a presenza (e ausencia) de mulleres nos dous procesos electorais da Transición (1979 e 1983) poñendo á provincia de Pontevedra como estudo de caso. Vaia por diante que a cronoloxía deste artigo está en concordancia coa idea de Mónica Fernández Amador e Rafael Quirosa-Cheyrouze y Muñoz pola cal se establece o final da Transición entre finais de 1982 e comezos de 1983, xa que, entre outros motivos, se completa o primeiro mandato democrático tras a Ditadura (1979-1983).
En ambos procesos a participación das mulleres como candidatas foi reducida. No 1979 apenas había 355 mulleres dentro dun total de 4131 candidatos e candidatas, é dicir, un 8,59%. Pero obviamente esta cifra debe ser matizada analizando os datos dende moitos puntos de vista.
Un deles é as diferenzas entre partidos. A esquerda minoritaria é quen presenta un maior número de mulleres candidatas (ORT 56%, LCR 44%, MCG 37% e PTG 26%) seguido do PCG (13%), da esquerda nacionalista (BNPG 10% e UG 9%), do PSOE (7%) e finalmente os partidos de centro-dereita e independentes (Independentes –IND– e Agrupacións de Electores –AE– 5%, CD 5% e UCD 4%). Aínda que son estas cifras relativas as que nos permiten establecer comparacións entre todos os partidos, non debemos deixar de atender ás cifras absolutas, onde podemos ver o diferente grado de implantación dos partidos. Isto explica que partidos como ORT e LCR, que apenas se presentan en 2 e 1 concellos respectivamente, alcancen cifras relativas de participación feminina tan altas: se en poucas candidaturas presentan moitas mulleres é máis sinxelo chegar a porcentaxes altos. De maneira máis xeral, podemos concluír que a esquerda é quen máis mulleres presenta (13%) seguidos de IND/AE (5%), da dereita (5%) e do centro (4%). Para finalizar a análise por partidos debemos fixarnos nun dato moi interesante: o número de listas sen mulleres. De xeito global, 118 de 262 listas non tiñan mulleres (45%). Por partidos os resultados son practicamente iguais aos comentados: a maioría da esquerda minoritaria é quen menos listas sen mulleres ten (MCG, LCR e ORT 0%), idéntico resultado de PCG (0%), seguido de PTG (17%), da esquerda nacionalista (UG 30% e BNPG 34%), do PSOE (38%) e por último UCD (54%), IND/AE (61%) e CD (62%) presentan máis listas sen mulleres que con elas. Ademais, en toda a provincia non hai ningunha lista con só mulleres, pero si hai tres con máis mulleres que homes, que son as da ORT en Mos e no Porriño e a do PTG en Pontecesures.
O outro grande aspecto que podemos analizar son os datos por concello. Para comezar podemos deternos na media de homes e mulleres por concello, que se sitúan en 67,72, dos cales só un 5,82 son mulleres, é dicir, un 7,13%. En termos absolutos, os concellos con máis mulleres son Vigo (56/270), Pontevedra (40/225), Vilagarcía de Arousa (21/126), Cangas (15/105) e Mos (14/136), e en termos relativos, Pontecesures (33%), Vigo (21%), Pontevedra (18%), Vilagarcía de Arousa (17%) e Marín (17%). A maioría deles pertencen ao ámbito urbano e/ou costeiro e están encadrados no que hoxe coñecemos como Eixo Atlántico, tendencia que podemos apreciar no mapa aínda que non de xeito claro. Finalmente, houbo sete concellos nos que non se presentou nin unha soa muller: Barro, Forcarei, A Guarda, Mondariz, As Neves, Portas e Rodeiro.
Porcentaxe de mulleres candidatas por concello no ano 1979 [Elaboración propia]
No 1983 a situación a nivel global é moi similar: de 4091 candidatas e candidatos, só 354 son mulleres (8,65%).
Os partidos á esquerda do PSOE son os que máis mulleres presentan en termos relativos (PSG 52%, PST 33%, EG 22%, BNG 17% e PCE 13%), seguido de parte do centro (PG 10% e CDS 7%), de IND/AE (7%), do PSOE (6%), da dereita (PDL 6% e CP –na que estaba AP– 5%) e por último CG-CIGA cun contundente 2%. Se atendemos ás ideoloxías, novamente a esquerda é quen máis mulleres presenta en termos relativos (12%) seguidos de IND/AE (7%), dereita (5%) e centro (5%)*. Con respecto ao número de listas sen mulleres, neste proceso a cifra sitúase en 115 de 253 listas (45%). Cinco partidos non presentan ningunha lista sen mulleres: PSG, UP, PST, PDL e EG. Tras eles, atopámonos co BNG (9%) seguido de PCE (20%), PSOE (43%), CDS (43%), PG (46%), e tres partidos con máis listas sen mulleres ca con elas (IND/AE 53%, CP 60% e CG-CIGA 72%). Por último, neste período volvemos atoparnos con listas con máis mulleres ca homes: PSG en Pontevedra e de maneira máis sorprendente unha candidatura independente de Mondariz-Balneario chamada “Mujeres Independientes”, conformada por só mulleres.
Nestas eleccións a media de candidatas/os descendeu lixeiramente (67 por concello), dos cales 61 son homes (93%) e 6 son mulleres (7%). Os concellos que máis mulleres presentan en cifras absolutas son Pontevedra (46/227), Vigo (44/270), Cangas (28/129), Vilagarcía de Arousa (25/147) e Marín (18/109), mentres que en cifras relativas son Mondariz-Balneario (57%), Cangas (22%), Pontevedra (20%), Vilagarcía de Arousa (17%) e Marín (17%). Novamente a maioría destes concellos están vinculados ao ámbito urbano e costeiro, mais non se tratan de cidades, senón que son vilas costeiras próximas a núcleos urbanos, algo que desta volta si podemos ver máis claramente no mapa. Por último, novamente nos atopamos con varios concellos nos que non hai nin unha soa muller candidata. Son dez: Agolada, Arbo, Dozón, A Lama, Mondariz, As Neves, Portas, Rodeiro, O Rosal e Vilanova de Arousa.
Porcentaxe de mulleres candidatas por concello no ano 1983 [Elaboración propia]
Se comparamos ambas eleccións descubrimos que a situación de ambos procesos é practicamente a mesma e non se produce ningún avance substancial. Entre outros datos, no cómputo global apenas participan un 0,1% máis de mulleres no 1983, aumenta un 2,27% a porcentaxe de listas sen mulleres, increméntanse nun 0,08% a media de mulleres candidatas por concello e aumentou o número de concellos sen mulleres de 6 a 10. De todos xeitos, aínda que estas cifras de participación feminina son baixas se o miramos dende o presente, as cifras son realmente propias de época: no 1979, por exemplo, as candidatas representaron un 8,4% do total galego, e nas eleccións xerais celebradas un mes antes (marzo de 1979) as candidatas a nivel de Estado representaban un 12,12%, cifras similares ás ofrecidas para a provincia de Pontevedra.
* Omítese desta análise a candidatura “UP” xa que nunhas fontes aparece como “Unión Pontevedresa” e noutras como “Unidade Popular” e non foi posible determinar a súa ideoloxía. A súa porcentaxe é dun 27% de mulleres.
BIBLIOGRAFÍA E FONTES
- Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra:
- Tomo I (1979), sábado 3 de marzo, pp. 2-22, e luns 5 de marzo, pp. 3-16. Accesible na Biblioteca Antonio Odriozola (Pontevedra).
- Tomo II (1983), 13 de abril, pp. 3-33. Accesible na Biblioteca Xeral da USC.
- Fernández Amador, M. e Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R (2010). Poder local y transición a la democracia en España. Granada: CEMCI.
- Márquez Cruz, G. (1993). “La Transición Local en Galicia. Continuidad de las élites políticas del franquismo y renovación de los gobiernos locales”, Revista de estudios políticos. Nº 80, pp. 39-120.
- Salas, M. et al. (1999). Españolas en la transición: de excluidas a protagonistas, 1973-1982. Madrid: Biblioteca Nueva.
Redondela, 1996. Graduado en Historia (2018), máster en Historia Contemporánea (2019) e máster en Profesorado (2020) pola USC. Tiven a sorte de publicar algúns artigos sobre a Transición dende o punto de vista municipal e local, tema ao cal dediquei as investigacións que realicei ata o momento, especialmente para Redondela. Actualmente oposito a profesor de Xeografía e Historia e xestiono, xunto á miña familia, o proxecto de recuperación da vida e a obra do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó.