O nacionalismo galego na Transición (II): as eleccións (1977-1982) e os referendos (1978 e 1980)

Brais Ferreiro Ares

As eleccións xerais de 1977

Froito dunha redefinición da estratexia da UPG ante o inminente triunfo da reforma, xorde o Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG, 1977), integrado por UPG e AN-PG, quen decidirán presentarse ás eleccións baixo ese paraugas. Isto provocou críticas e expulsións, coma a de Ferrín, quen consideraba que a UPG claudicara ante a reforma e impulsou UPG-liña proletaria primeiro (1977), e Partido Galego do Proletariado (PGP, 1978) despois[1].

Cartel do BN-PG do 1977. Fonte: Dipòsit Digital de Documents de la Universitat Autònoma de Barcelona. Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General. CEDOC (https://ddd.uab.cat/).

Nestas elección o nacionalismo galego concorreu por separado: BN-PG e PSG. Os resultados foron desastrosos, xa que PSG quedou en sexto lugar e obtivo tan só 27.197 votos (2,41%) e BN-PG ficou na oitava praza con 22.771 votos (2,02%), non obtendo en ningún caso representación. Estes resultados tiveron consecuencias tanto no PSG, xa que Beiras retirouse temporalmente e unha serie de militantes defendían a unión co PSOE, polo que foron expulsados, coma na UPG, onde Camilo Nogueira encabezará outra escisión da que nacerá o Partido Obreiro Galego (POG)[2].

O referendo da Constitución de 1978

O nacionalismo galego rexeitou a Constitución española principalmente  porque non recoñecía a Galiza como nación e non contemplaba o dereito de autodeterminación. Porén, a postura ante o referendo foi variada: BN-PG pediu o non, PSG a abstención e POG o voto en branco[3].

As eleccións xerais e municipais de 1979

Tras a aprobación da Constitución, foron convocadas eleccións xerais en marzo e eleccións municipais en abril. En ambas, o nacionalismo galego volverá a presentarse por separado: BN-PG e Unidade Galega (UG). Esta última coalición estaba formada por PSG, POG e o Partido Galeguista (PG), refundado no 1978 e enmarcado no nacionalismo autonomista e de centro.

Cartel electoral do BN-PG (1979) e logotipo de UG. Fonte: Dipòsit Digital de Documents de la Universitat Autònoma de Barcelona. Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General. CEDOC (https://ddd.uab.cat/) e Wikipedia (https://gl.wikipedia.org/).

Nas xerais o resultado para o nacionalismo galego foi mellor: o BN-PG foi cuarta forza con 60.889 votos (5,95%) e UG foi quinta con 55.555 (5,43%), aínda que ningunha acadou representación. En abril, os resultados foron mellores: BN-PG cuarta forza con 78.216 votos (7,32%), 258 concelleiros e 9 alcaldías, e UG quinta con 68.392 (6,4%), 139 concelleiros e tamén 9 alcaldías. Debemos ter en conta que o BN-PG presentouse no 52,5% dos concellos, mentres que UG tan só no 13,7%, pero pese a iso os seu resultados foron bastante semellantes.

O referendo do Estatuto de Autonomía de 1980

O nacionalismo galego non mantivo a mesma postura ante a redacción do Estatuto de Autonomía. A órbita de UPG e PSG nunca participou na redacción do Estatuto, mais non así PG e POG. Estes dous participaron da primeira comisión que redactou unha proposta estatutaria: a Comisión dos 16. Este non foi o Estatuto definitivo; o texto final saíu impulsado dun novo Pacto do Hostal (1980) entre UCD, AP, PG, PSOE e PCG (xa non participa o POG)[4].

Postura de BNPG-PSG ante o Estauto e cartel institucional do Referendo. Fonte: Dipòsit Digital de Documents de la Universitat Autònoma de Barcelona. Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General. CEDOC (https://ddd.uab.cat/) e Flickr (https://www.flickr.com/).

O nacionalismo galego novamente non mantivo a mesma posición ante o plebiscito: PG pediu o si, BN-PG e PSG fixeron campaña conxunta polo non no marco da Mesa de Forzas Políticas Galegas[5] e o POG non mantivo unha postura firme entre o “non” e a “abstención”[6].

As eleccións autonómicas de 1981

A estas eleccións o nacionalismo volvía acudir por separado: BNPG-PSG (mantendo a alianza xurdida na MFPG), PG e Esquerda Galega (EG), refundación do POG tras a desaparición de UG[7]. Polo tanto, as alianzas dentro do nacionalismo mudan con respecto ás eleccións do 1979.

Os resultados determinaron que BNPG-PSG fose cuarta forza (61.870 votos, 6,27%) con tres deputados, EG quinta (33.497, 3,40%) cun deputado e PG sexta (32.623, 3,31%) sen representación. Estes resultados non foron demasiado alentadores, e por se fose pouco os tres deputados de BNPG-PSG (Bautista Álvarez, Claudio López Garrido e Lois Diéguez) foron expulsados do Parlamento en novembro de 1982 por negárense de xeito reiterado a acatar a Constitución e o Estatuto de Autonomía[8]. Quedáballe a Camilo Nogueira, único deputado de EG, a responsabilidade de ser a voz do nacionalismo no Parlamento Galego.

As eleccións xerais de 1982

Estas eleccións supuxeron un fracaso estrepitoso para as dúas forzas nacionalistas que concorreron: Bloque-PSG (38.437 votos, 2,96%) e EG (22.192, 1,71%). Novamente o nacionalismo non conseguía representación no Congreso e practicamente volvía á situación de partida das eleccións xerais de 1977. Entre os motivos podemos destacar o “voto útil” ao PSOE nun contexto marcado polo fracasado golpe de Estado do ano anterior, o que puido moderar as aspiracións electorais da poboación.

Evolución dos votos ás forzas nacionalistas galegas na Transición. Fonte: elaboración propia.

En conclusión

O nacionalismo galego non avanzou electoralmente na Transición, xa que tras tocar teito nas municipais de 1979, os resultados das xerais de 1982 foron similares aos de 1977. Ademais, apenas influíu nos resultados dos dous referendos sinalados, non conseguindo que triunfasen as súas posturas.

*A imaxe de portada correspóndese cun mural do BN-PG en contra da Constitución española. Fonte: Fundación Moncho Reboiras (https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/)

BIBLIOGRAFÍA

Beramendi, J. e Núñez Seixas, X.M. (1996). O nacionalismo galego. Vigo: Edicións A Nosa Terra.

Beramendi, J. (2007). De provincia a nación : historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Fernández Soldevilla, G. (2013). “Los nacionalismos radicales de la periferia durante la Transición española” en Quirosa-Cheyrouze y Muñoz, R. (ed.) (2013). Los partidos en la Transición: las organizaciones políticas en la construcción de la democracia española. Madrid: Biblioteca Nueva.

López Torre, R. (2011). Trinta anos do Parlamento de Galicia: 1981-2011. Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia.

Prada Rodríguez, J. (2004). “La Transición política en Galicia. Una aproximación” en La transición a la democracia en España: actas de las VI Jornadas de Castilla-La Mancha sobre Investigación en Archivos: Guadalajara, 4-7 noviembre 2003. Vol. 2, pp. 1-27.

NOTAS

[1] Beramendi e Núñez Seixas, 1996, p. 251.

[2] Ibid.

[3] Fernández Soldevilla, 2013, p. 353

[4] Prada Rodríguez, 2004, pp. 19-17 e 19.

[5] A MFPG foi unha plataforma creada arredor de UPG e PSG para procurar puntos de unión dentro do nacionalismo de esquerdas.

[6] Prada Rodríguez, 2004, p. 19.

[7] Beramendi, 2007, p. 1110.

[8] López Torre, 2011, p. 36.

Máis artigos

Redondela, 1996. Graduado en Historia (2018), máster en Historia Contemporánea (2019) e máster en Profesorado (2020) pola USC. Tiven a sorte de publicar algúns artigos sobre a Transición dende o punto de vista municipal e local, tema ao cal dediquei as investigacións que realicei ata o momento, especialmente para Redondela. Actualmente oposito a profesor de Xeografía e Historia e xestiono, xunto á miña familia, o proxecto de recuperación da vida e a obra do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

1 comentario en “O nacionalismo galego na Transición (II): as eleccións (1977-1982) e os referendos (1978 e 1980)”

  1. Os nacionalistas tiveron unha actitude neglixente ao non prometer a constitucion no parlamento. Desde xeito, perderon unha oportunidade de ouro para darse a coñecer no parlamento galego nos 80.

    Responder

Deixa un comentario

Publicidade