A elaboración do actual estatuto galego (1977-1981)

Brais Ferreiro Ares

Os primeiros pasos

As actitudes dos diferentes partidos ante o nacente Estatuto poden resumirse en tres: por unha banda, os dirixentes de Alianza Popular (AP) repetían a frase “autonomía, la menos posible”. Por outra, Unión de Centro Democrático (UCD), Partido Socialista Obrero Español (PSOE), Partido Socialista Popular (PSP), Partido Comunista de Galicia (PCG) e o galeguismo de centro defendían o Estatuto do 1936 ou un similar. En último lugar, o nacionalismo de esquerdas só aceptaba o dereito de autodeterminación1.

A diferenza dos casos catalán e vasco, o Goberno ucedista empregou unha “táctica dilatoria” co Estatuto galego2. Por isto, as principais forzas políticas (agás a UPG), convocaron manifestacións nas principais cidades o 4 do Nadal do 1977. O Goberno central tomou nota e púxose en contacto coa Asemblea de Parlamentarios de Galiza (constituída o 25 de xullo dese ano) para trasladarlle a promesa de avanzar no proceso.

Manifestación do 4 do Nadal en Vigo. Fonte: Praza.gal

O seguinte paso foi a constitución da Xunta de Galiza preautonómica (18 de abril de 1978). Tras varios meses buscando un presidente que contentase (teoricamente) tanto á UCD como ao resto de grupos, o escollido foi Antonio Rosón.

A fórmula e a tramitación

Cando a Constitución foi aprobada despexáronse as dúbidas arredor da maneira de proceder coa elaboración do Estatuto: a disposición transitoria segunda da Carta Magna situaba implicitamente Galiza entre as comunidades que podían acollerse á “vía rápida”3.

Nesta liña, o 15 de decembro do 1978 reuniuse a Asemblea de Parlamentarios e acordou nomear unha comisión formada por representantes de todas as forzas políticas: tanto as representadas (UCD, PSOE, AP, PCG) como aquelas extraparlamentarias que aceptasen (só o fan Partido Obreiro Galego —POG—, Partido Galeguista —PG— e Partido do Traballo de Galicia —PTG—). O 10 de xaneiro do 1979 constituíuse a Comisión dos 16, cuxos representantes estaban distribuídos da seguinte maneira: 8 de UCD, 2 de AP, 2 do PSOE e 1 do PCG, 1 do POG, 1 do PG e 1 do PTG4.

Foto de grupo da Comisión dos 16. Fonte: Arquivo do Parlamento de Galicia.

A comisión finalizou os seus traballos o 7 de abril e dous días despois facilitoulle o texto ao presidente da Xunta. Porén, era o suficientemente avanzado como para que non gustase ao aparato de UCD5. En parte temía que Rosón buscase prolongar o seu liderado grazas ás concesións aos galeguistas, así que a Asemblea de Parlamentarios non asumiu como propio o texto da Comisión (era á Asemblea a quen lle competía constitucionalmente redactar o texto) e nomeou outra comisión de só nove membros (6 de UCD, 2 do PSOE e 1 de AP). Ademais, destituíron a Rosón en beneficio de José Quiroga Suárez, o cal consideraban máis manexable. A diferenza do que se temía, o Estatuto enviado a Cortes non sufriu grandes modificacións6.

O seguinte paso era a tramitación en Madrid. Tras cumprir os trámites establecidos, constituíuse unha comisión de 26 membros (13 da Comisión Constitucional e 13 da Asemblea de Parlamentarios) que recortou considerablemente o texto, o cal provocou que os medios de comunicación e o colectivo de intelectuais Realidade Galega (RG) mobilizaran a sociedade contra a “aldraxe” e conseguiron parar a tramitación nove meses7. Precisamente desenvolvéronse novas manifestación o 4 do Nadal do 1979.

Iso acabou conducindo ao Pacto do Hostal entre UCD, AP, PG, PSOE e PCG (29 de setembro de 1980), o cal sentou as bases dun novo texto. Este foi apoiado pola Asemblea de Parlamentarios, primeiro, e pola Comisión Constitucional e a Delegación da Asemblea de Parlamentarios, despois, aínda que era un texto con importantes modificacións con respecto ao texto orixinal8.

A campaña e o plebiscito

A campaña electoral comezou o 4 de decembro de 1980: o “si” apoiábano UCD, PSOE, AP, PCG, PG, PSOE-histórico, Partido Carlista de Galicia e Partido Comunista Unificado. O “non” defendíano BN-PG, Partido Socialista Galego (PSG), Movemento Comunista de Galicia (MCG), Liga Comunista Revolucionaria (LCR), Partido Socialista de los Trabajadores (PST) e Fuerza Nueva (FN). A “abstención” foi defendida por Falange e o POG non mantivo unha postura firme entre o “non” e a “abstención”9.

Exemplos de diferentes posturas perante o referendo do Estatuto. Fonte: Dipòsit Digital de Documents de la Universitat Autònoma de Barcelona. Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General. CEDOC (https://ddd.uab.cat/record/41529?ln=ca e https://ddd.uab.cat/record/41137?ln=ca).

O 21 de decembro dese ano, 450.556 votantes optaron polo “si” (73,35%) fronte aos 121.448 que se inclinaron polo “non” (19,17%). Porén, o dato verdadeiramente rechamante deste referendo é a altísima abstención rexistrada, que alcanzou o 71,73% (1.558.680 galegas e galegos)10. Para Beramendi isto debeuse a que o nacionalismo de esquerdas pediu o voto negativo, AP e UCD non mobilizaron o electorado e PSOE, PCG e o nacionalismo moderado foron os únicos en facer campaña polo “si” cando non eran moi numerosos nesa altura11.

*A imaxe de cabaceira correspóndense cun dos moitos carteis que editou a Xunta de Galiza co gallo do referendo estatutario. Fonte: https://www.flickr.com/photos/bppmgonzalezgarces_carteis2/6880702957/in/album-72157629327278749/

BIBLIOGRAFÍA

Justo BERAMENDI GONZÁLEZ: De provincia a nación: historia do galeguismo político. Vigo, Edicións Xerais, 2007

Julio PRADA RODRÍGUEZ: “La Transición política en Galicia. Una aproximación”, La transición a la democracia en España: actas de las VI Jornadas de Castilla-La Mancha sobre Investigación en Archivos: Guadalajara, 4-7 noviembre 2003, 2 (2004).

“Referéndum sobre el proyecto de Estatuto de Autonomía para Galicia. 21 de diciembre de 1980”, Congreso de los Diputados. Dispoñible en http://www.congreso.es/consti/elecciones/referendos/ref_gali.htm (consultado o 12/04/2021).

Notas ao pé

  1. Justo BERAMENDI GONZÁLEZ: De provincia a nación: historia do galeguismo político. Vigo, Edicións Xerais, 2007, p. 1102. []
  2. Julio PRADA RODRÍGUEZ: “La Transición política en Galicia. Una aproximación”, La transición a la democracia en España: actas de las VI Jornadas de Castilla-La Mancha sobre Investigación en Archivos: Guadalajara, 4-7 noviembre 2003, 2 (2004), p. 15. []
  3. A Constitución actual, a diferenza da republicana, estableceu a existencia das autonomías “por defecto” a través de tres opcións: a vía “lenta” (art. 143), a vía “especial” (art. 144) e a vía “rápida” (art. 151). Realmente Galiza, Euskadi e Cataluña acolléronse tamén á disposición transitoria segunda, pensada para axilizar os trámites a aqueles territorios que plebiscitasen proxectos de estatuto de autonomía “no pasado” e contasen no momento de promulgarse a vixente Constitución con réximes provisionais de autonomía. []
  4. Julio PRADA RODRÍGUEZ, op. cit. (2004), pp. 16-17. []
  5. Por exemplo, buscaba baleirar de competencias as deputacións en beneficio da parroquia, do concello e da comarca; non esixía unha porcentaxe mínima de voto sobre o censo para obter representación parlamentaria; e, en definitiva, perseguía obter o maior número de competencias posibles permitidas pola Constitución. Ibid., pp. 17-18. []
  6. Ibid. []
  7. Ibid., pp. 18-19. []
  8. Entre outras, diminuíuse o número de deputadas/os e estableceuse a necesidade de acadar un mínimo dun 3% dos votos sobre o censo para obter representación parlamentaria. Ibid., p. 19. []
  9. Ibid. []
  10. Referéndum sobre el proyecto de Estatuto de Autonomía para Galicia. 21 de diciembre de 1980”, Congreso de los Diputados. Dispoñible en http://www.congreso.es/consti/elecciones/referendos/ref_gali.htm (consultado o 12/04/2021). []
  11. Justo BERAMENDI GONZÁLEZ, op. cit. (2007), p. 1107. []
Máis artigos

Redondela, 1996. Graduado en Historia (2018), máster en Historia Contemporánea (2019) e máster en Profesorado (2020) pola USC. Tiven a sorte de publicar algúns artigos sobre a Transición dende o punto de vista municipal e local, tema ao cal dediquei as investigacións que realicei ata o momento, especialmente para Redondela. Actualmente oposito a profesor de Xeografía e Historia e xestiono, xunto á miña familia, o proxecto de recuperación da vida e a obra do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade