MEGA: Museo Estrella Galicia, máis que un museo de sitio

Clara Reigosa Lombao

En 1982, o Consello Internacional de Museos (ICOM) desenvolveu e publicou o concepto de “museo de sitio”, aqueles concebidos e organizados para protexer os bens culturais ou naturais mobles ou inmobles no seu sitio orixinal . En concreto, estes museos poderían darse en calquera sitio que “por su interés ecológico, sociológico, científico e, incluso, por el testimonio que da sobre la cultura y la historia de una comunidad humana, forma parte del patrimonio natural o cultural de dicha comunidad”. Porén, esta definición nacía pensada para excavacións arqueolóxicas musealizadas in situ. Hoxe en día, como indica Hernández, poderíanse incluir museos de sitio de carácter artístico ou industrial.

É nesta categoría de museos, e nesta última acepción, onde poderíamos incluir o Mundo Estrella Galicia (MEGA). Este “mundo”, que evita na súa nomenclatura principal a palabra museo, está construido nun extremo da fábrica da empresa no Polígono da Grela (A Coruña). Un novo espazo de máis de 2.500 metros cadrados, que aproveita a súa situación para mostrar ao público a historia da cervexeira galega. Dividido en 7 sectores diferenciados, orixes, materias primas, elaboración, envasado, distribución, publicidade e tenda, o museo aposta por unha experiencia persoal, cunha museografía novedosa, moderna e moi tecnolóxica. A gran maioría das salas do museo foron construidas ex novo para cumplir esta función, mais outras, como a sala de caldeiras respetan vellos espazos que sitúan ao visitante nos lugares orixinais.

A creación de salas do museo en espazos que foron lugares de traballo formula dúas cuestións. A importancia do patrimonio industrial, moitas veces destruido ou abandonado por carecer de relevancia social; e a utilidade que esta conservación pode ter para a experiencia cognitiva do visitante. Desta forma, se entendemos o museo como un espazo de comunicación no que o emisor é a propia institución, o receptor é o público e a mensaxe, o que se quere contar, os espazos orixinais e o conxunto de técnicas museográficas funcionan como a canle pola que transmitir a información. Nun museo non só importan as pezas ou o discurso, senón tamén a maneira na que se transmite a información, onde xoga un papel fundamental a expografía, isto é, o conxunto de elementos que fan que os obxectos expostos busquen “o seu mellor modo de expresión” .

Utilización do holograma como elemento
de exposición. Setembro, 2019.

Este mundo conta cos sistemas expográficos comúns: cartelas e paneis informativos, ilustracións explicativas, liñas do tempo, vitrinas e estanterías que suxeitan coleccións de botellas e etiquetas… Ademais dun sistema de sinaléctica claro, que permite un recorrido lineal no que o visitante atravesa os difentes espazos sen ter nunca unha sensación de perda. Pero se o Mundo Estrella Galicia destaca por algo é polos seus modernos sistemas de exposición, creados para que o público experimente cos sentidos e goce da tecnoloxía.

Tras a compra da entrada no museo, o visitante recibe unha braceira personalizada que lle dá entrada ao percorrido. Ademais de funcionar como billete, este aparello contén un chip cos teus datos persoais –nome e idioma–, e permite poñer en funcionamento as diferentes pantallas audovisuais que hai no museo. Pero isto é só un aperitivo do conxunto de sistemas tecnolóxicos intelixentes que se encontran no museo, dende proxeccións que se activan coa presenza de persoas ata un holograma que permite un encontro cun dos mestres cervexeiros.

Pero, quizáis, un dos aspectos máis interesantes do museo, pola novidade que supón e a idoneidade do produto que se musealiza é a utilización de elementos que estimulan a parte sensorial do visitante. Na parte dedicada ás materias primas hai un corredor que mostra os distintos tipos de lúpulos que a marca utiliza na fabricación das cervexas. Nel encóntranse diferentes máquinas dispensadoras que permiten cheirar e saborear as diferentes plantas. Pero, ademais, na sala de caldeiras, onde se explican os procesos de fabricación e maduración da cervexa, hai billas que permiten degustar a bebida nas diferentes fases.

 

Todas estas cuestións son posibles grazas a unha inversión de cerca de 10 millóns de euros en casi 6 anos de traballo. Un museo nado para recordar a historia da marca, para por en valor o traballo dunha familia e para crear unha experiencia única para o visitante. Mais tamén un lugar de recoñecemento social e publicidade dunha empresa galega. MEGA demostra que os museos poden ser mundos cheos de experiencias, lugares de aprendizaxe pero tamén de ocio. E, sobre todo, recorda que é posible aproveitar vellos espazos industriais e formular, coa axuda das novas museografías, lugares de innovación e coñecemento.

 

Bibliografía

– Desvallées, André & Mairesse, Françoise. Conceptos Claves de Museología. Paris: Armand Colin, 2010.

– Gándara Vázquez, Manuel & Pérez Castellanos, Leticia. “Museos de sitio y centros de interpretación: ¿excluyentes o complementarios?. Gaceta de museos, núm. 66 (Decembro 2016-marzo 2017): 12-21.

– Hernández Hernández, Francisca. “La museología ante los retos del siglo XXI”. Revista electrónica de patrimonio histórico, núm. 1 (decembro 2007): 333-358, https://revistadepatrimonio.es/index.php/erph/article/view/30 (Data de consulta: 15 de setembro de 2019).

– Hernández Hernández, Francisca. El museo como espacio de comunicación. Gijón: Trea, 1998.

– “Estrella Galicia abre en A Coruña MEGA, una nueva ‘catedral’ para los cerveceros”. Cinco Días, El País Economía, 19 de xuño de 2019, https://cincodias.elpais.com/cincodias/2019/06/19/companias/1560965946_644676.html (Data de consulta: 20 de setembro de 2019).

Máis artigos

Lugo, 1996. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018). Máster en Estudos Avanzados de Museos na Universidade Complutense de Madrid (2020). Actualmente realizo o M.A. en Museum Studies na New York University cunha beca de posgrao da Fundación Barrié. As miñas liñas de investigación céntranse en aspectos relacionados coa museoloxía e a museografía. Teño especial interese nas novas museoloxías e na concepción do museo como un espazo de educación e comunicación para todos os públicos.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

2 comentarios en “MEGA: Museo Estrella Galicia, máis que un museo de sitio”

  1. Ha sido muy grato colaborar en este trabajo con un equipo tan avezado en estos menesteres como Imandra Project. Un buen equipo y un buen cliente siempre logra un buen resultado. Gracias, por enviarme el enlace. Me ha gustado mucho el analisis y la consideracion de museo de sitio. Me apunto a Mazarelos.

    Responder

Deixa un comentario

Publicidade