Adolphe Jean-Marie Mouron –coñecido co nome de Cassandre– centrou a súa carreira na imaxe pública de medios de transportes e produtos. Este deseñador gráfico e cartelista ofreceu nos seus cartaces o potencial da publicidade e os anuncios cunha extrema intelixencia. Pero Cassandre foi quen de elevar a cartelería máis alá do consumo básico. O que fixo foi relacionar o produto cun contido con personalidade, cultura, valioso, referencial, único e irremplazable.
Un dos seus cartaces relevantes foi o destinado ao tren do Nord-Express (fig. 1). Que escollera un primeiro plano da locomotora para anunciar as vantaxes que supoñía era un acerto. O cinema fixera natural ver o tren en movemento. Unha cita esencial é o filme A chegada dun tren á estación de La Ciotat de Auguste Marie Luis Nicolas e Louis Jean Lumiére. A célebre escena do tren tomada de fronte é considerada un feito cultural pioneiro. William Turner fora, en 1844, o primeiro en experimentar con este enfoque no cadro Choiva, vapor e velocidade (fig. 2). Pero os Irmáns Lumiére entre 1895 e 1896 amplificaron tal perspectiva co cinema ao incorporar movemento a profundidade no filme (fig. 3). Logo, unha vez que o cinema avanzou, apareceron as marabillosas escenas de Berlín. Sinfonía dunha grande cidade (1927, Walter Ruttmann). Nela adicáronse os seus primeiro minutos do filme ao tren percorrendo as vías cun eufórico dinamismo (fig. 4).
Fig. 3. A chegada dun tren á estación de La Ciotat. 1895-1896. Auguste Marie Luis Nicolas e Louis Jean Lumiére.
A forma na que Cassandre trasladou estas mesmas impresións ao cartaz foi coa énfase na horizontalidade. Dispuxo así de dúas liñas colocadas nunha altura media, trasladando o ritmo seguido e constante que marca un tren nas vías. Os círculos na parte inferior serven para dar unha impresión de fluidez, mentres que a grande liña diagonal da parte superior dota de dinamismo. Isto serve á vez para restar un exceso de horizontalidade. Cassandre colocou o nome (“Nord-Express”) no centro, na mesma posición que as rodas, mantendo unha orde e unha proporción dos espazos.
Fig. 4. Berlín. Sinfonía dunha grande cidade. 1927. Dirección de Walter Ruttmann. Guión de Carl Mayer e Karl Freund.
O cromatismo tamén ten un papel relevante. A paleta concéntrase en tres cores: negro d´avorio, branco transparente e Rosso di Venezia. A cor escura está esparcida polo cartaz, sendo matizada polas outras dúas tonalidades. As gradacións traballan as texturas. A luz deslízase pola superficie en movemento, producindo toda clase de efectos escintilantes. Os cubos e círculos están reverberados, creando figuras reflectidas que producen á vez reflexos (branco) e sombras (negro). Estes aparecen cortados, duplicados, escurecidos e resucitados. A luz igualmente reflicte nos distintos ángulos das rodas facendo que brillen. Tanto, que relocen do lume que desprenden coa alta velocidade que son capaces de xerar. O cartaz ten un aspecto activo grazas os efectos unitarios das diagonais cruzadas e a simultaneidade espacial, que é arquitectónica. É, en suma, unha imaxe comunicativa sen chegar a ser abrasiva, elegante pero non superficial.
Este senso do equilibrio, cadencia e cohesión é froito do estudo da síntese e experimentación do Constructivismo ruso e do deseño industrial integrado no Art Déco. Os proun de El Lissitzky plasmaban a máxima expresión na forma máis mínima con entre dúas e tres cores (fig. 5). Malevich impulsou unha pintura sólida, metálica e limpa. Existe ritmo, simetría e estrutura nas súas formas e figuras humanas. A cita máis clara de Cassandre a Lissitzky vese na estruturación, mentres que Malevich identifícase na estética puída, o contraste de superficies con gradacións e cortes precisos con cores duplas (fig. 6). Cassandre non foi o único en considerar o valor gráfico, a precisión e o marco emocional do toque creativo que proporcionaba a arte rusa contemporánea. A xoiería francesa (fig. 7) tamén aludiu á dita linguaxe confluíndo con cartaces como o presente, o cal pon de manifesto a transcendencia deste estilo.
A enérxica obra de Cassandre, coa súa visión grandiosa da máquina está en liña coa revolución comezada polo Futurismo dende 1909 (fig. 8). Nel o bulir disruptivo desta vangarda é real, pero a sua harmonía accesible, cálida atmosfera e pulcro acabado magnificaba o cartaz. Vese o decisivo que foi niso o xiro cara aos valores da arte académica que propulsou André Lothe na arte francesa a partir de 1922.
En Tamara de Lempicka –discípula súa– vese unha definición igual a Cassandre. Na súa pintura poden contemplarse ambientes modernos plasmados con mestría. Nela renace o Cubismo, o Futurismo e o Expresionismo cun senso do estilo tan analítico como desbordante de vida. As súas radiantes superficies son transparentes, con luxosas cores ácidas e composicións perfectamente elaboradas e lexibles. Figuras monumentais, corpos elásticos de pel brillante, actitude, desexos escenificados e poses carismáticas (fig. 9). A tradición de Ingres coa ambientación de Metrópolis (1927, Fritz Lang), retratos renacentistas coa incandescencia das estrelas do cinema (fig. 10). Iso é Lempicka. Razón pola que –como Cassandre– é parte do Déco, a columna vertebral dos anos 30.
As décadas dos anos 20 e 30 foron, para moitos artistas e deseñadores gráficos, o arranque da auténtica concepción da modernidade. Non é de estrañar que Luís Seoane tivera libros como Art Déco Fashion. French designers 1908-1925 e Les années 30 où l ´on inventait aujourd´hui (1969). A conciencia da súa relevancia, e dos autores que nel sobresaíron, foi masivo (fig. 11 e 12). Cassandre sostivo o seu prestixio ata o punto de que Yves Saint Laurent encargoulle o deseño do seu logo en 1961 (fig. 12). Foran cartaces como os do seu Nord Express –ver encabezamento– os que converteran os anuncios das rúas das cidades en follas de libros, edificando os ollos e a mente ata a actualidade.
Bibliografía:
Franziska BOLSZ: Art Déco. Colonia, Könemann, 2016.
Alastair DUNCAN: El Art Déco. Londres – Barcelona, Thames and Hudson – Ediciones Destino, 1994.
Material audiovisual:
Inezita GAY-ECKEL (conferenciante) – Gislain AUCREMANNE (conferenciante): Understanding Art Deco jewels. Francia, L’ÉCOLE, School of Jewelry Arts, Van Cleef & Arpels (productora), 2021.
Gilles RAGOT (conferenciante): L’Architecture Art Déco: l’autre modernité de l’entre-deux-guerres. Francia, Bibliothèque francophone multimédia de Limoges, 2021.
***
Consulta da biblioteca de Luís Seoane na Real Academia Galega, xullo do 2022.