As protestas anti-Vietnam (II)

Sara Penide de la Torre

Retomamos esta segunda e definitiva parte no momento onde deixamos o primeiro artigo: na ofensiva do Tet. A partires desta comezaron dous procesos: a derrota militar de EEUU en Vietnam, e os anos dourados da posguerra. Ámbolos dous supuxeron un déficit fiscal permanente que minaba o sustento do estado de benestar. Para o ano 1968, a guerra costaba 30 mil millóns de dólares anuais e o déficit na balanza de pagos chegaba aos 3.600 millóns, estando financiada coas reservas de ouro, a opinión publica era cada vez máis crítica co presidente, momento no que incluso protestantes se reuniían cada día diante da Casa Branca para cantar “Hey, hey, LBJ, How many kids Kills today? Ante estas presións Johnson decidiu non volver a presentarse as próximas eleccións, sendo a primeira vítima da protesta. Sucedeulle Richard Nixon, quen ante todas estas críticas pedira unha Paz con honra.

En contraposición, o sector crítico ás marchas foi o que Nixon alcumou a Maioría Silenciosa, os grupos conservadores que se organizaron en contra de dereitos civís defendidos polo movemento dos sesenta, reforzando os valores estadounidenses no seo da familia e da relixión de maneira tradicional. Estes terminarán de imporse nos oitenta, caracterizando o movemento anti -Vietnam como uns “comunistas traidores á patria”. Emporiso, produciuse unha polarización social no seo da sociedade estadounidense, sendo unha boa mostra deste suceso que en 1969 un 55% da sociedade consideraba a guerra coma un erro.

Sobre a evolución dos medios, Vietnam foi a primeira guerra televisada en directo. A sociedade co paso dos meses tendeu a criticar esta guerra pola difusión de fotos, artigos periodísticos e reportaxes televisivas que daban conta das atrocidades que as autoridades caracterizaban de aliadas. Ademais non todos os mozos eran tan activos, as universidades do sur e dos entornos rurais tendían a mobilizarse en menor medida pola guerra. Por outra banda, mentres o asasinato de lideres como King e Kennedy, e a radicalización do sector extremista do SDS que deu lugar a organización terrorista Weathermen, foron manchando a imaxe do movemento de maioría pacifista, debilitando unha protesta espontánea e caracterizada pola autorganización das bases, non de partidos nin ideoloxías.

Outro dos elementos máis salientables deste episodio histórico foi o Festival de Woodstock. Este serviu como elemento crítico desta rama extremista, creando espazos de convivencia pacífica. Sumado as imaxes de terror que se ían facendo publicas -a masacre de Mi Lai, que supuxo un impacto na opinión pública- fíxose posible a reorganización de grupos pacifistas, convocando unha protesta pacifica para o 15 de outubro de 1969. Este día seleccionado foi bautizado como o Vietnam Moratorium Day, onde se realizaron misas pola paz, marchas en silencio e actos simbólicos como a lectura dos desaparecidos e mortos en Vietnam. Os integrantes desta xornada foron alcumados como os Mobes, os cales convocaron marchas como a de Washington, a máis grande da historia de EEUU, poñendo como principal foco o edificio do Departamento de Xustiza onde se enfrontaron a Garda Nacional.

O desengano das promesas de Nixon sobre un posible fin da Guerra deu lugar a unha política de Vietnamización con actos como a expansión cara Camboia. A  partir das mesmas xurdiron protesta, destacando a sucedida na Universidade de Kent onde as duras represións deron lugar a catro mortes sen responsabilidades. Esta ola de protestas universitarias saldouse co peche ou a ocupación militar de moitas delas, converténdose os asasinatos de Kent en escenarios de diversas protestas.

Con todo este conglomerado de escándalos públicos, a protesta que inicialmente fora dos mozos xeneralizouse aos adultos e para 1970 as principais voces discordantes estaban no congreso e na prensa que destapou os Documentos do Pentágono en referencia ao manexo deshonesto militar en Vietnam. O movemento da contracultura foi perdendo peso, a raíz do xuízo dos Oito de Chicago que deu lugar a marxinación do movemento Hippie e a Coalición Nacional de Acción pola paz foise opoñendo a unha posible alianza electoral cos sectores antibelicos. Hai que destacar a participación de personalidades coñecidas nas protestas como Jane Fonda e Donald Sutherland, que crearon o Free the Army en 1970, creando producións artísticas en apoio dos soldados.

Así, novas forzas irromperon na protesta como o Vietnam Veterans Against the War. Debido a impopularidade da guerra os soldados que voltaban non eran recoñecidos publicamente, os conservadores culpabilizándoos da derrota e os progresistas de participar na guerra. Non foi ata 1980 que alcanzaron un recoñecemento social, construíuse o Memorial aos veteranos en Washington e a Asociación Americana de Psiquiatría diagnosticou o estrés post-traumático que moitos padecían como enfermidade o que facilitou o seu tratamento.

Este cambio de trato pódese ver na industria do cine, nos setenta trataban de restaurar o orgullo norteamericano, culpabilizando aos lideres políticos do acontecido en Vietnam, un exemplo é Apocalypse Now ou Rambo, nos oitenta deuse un trato máis humano ao conflito e aos veteranos con películas como Platoon. O tema foi variando ata alcanzar unha mensaxe antibelica ata o noso século con obras como Cuando éramos soldados.

Os veteranos realizaban protestas, montaban teatros nas rúas simulando os terrores das operacións militares da guerrilla, facían barricadas nas rúas e queimaban as súas condecoracións, tamén contaban as atrocidades de Vietnam e intentaban abortar misións, o seu principal lugar de reunión foron as cafetarías, converténdose en símbolos antimilitares e moitas foron pechadas e incluso queimadas. En 1970 as protestas protagonizadas polos veteranos deron lugar a unha revisión da normativa para o Draft.

A partires de 1972 Nixon anunciou o cese do lume, retiro gradual das tropas en seis meses e a devolución dos prisioneiros de guerra, polo que para as protestas en contra dos bombardeos de Hanoi e Haifong as protestas eran poucas e ailladas. Aínda que a acción de Nixon foi debida a presión exercida polo movemento anti Vietnam. O 29 de marzo de 1973 xa non quedaba ningún soldado norteamericano en Vietnam, rematando a guerra e a protesta a grande escala. Aínda así ata 1975 sucedéronse protestas a favor do cumprimento dos acordos de París e a amnistía para os norteamericanos que evadiran o servizo militar.

Conclusión

A pesares de que non era a primeira vez que a sociedade estadounidense saía ás rúas para queixarse da intervención estranxeira como en Corea, Vietnam alcanzou maior transcendencia e por primeira vez unha oposición masiva e visible estendeuse e intensificouse con marchas masivas nas rúas.

Podemos dicir que a mobilización en contra de Vietnam baseábase na defensa das vidas norteamericanas e a oposición era por razóns nacionalistas, pragmáticas e realistas. Ata 1968 as protestas non se xeralizaron, momento onde se atopa o punto máis álxido das mortes estadounidenses, con 300 mortos cada semana. Mais deixou unha serie de legados importantes, o primeiro foi a construción dos símbolos que marcarían a toda unha xeración e a súa posterior comercialización e absorción por parte do capitalismo e o Establishment.

O movemento desenvolveu novos mecanismos de participación popular na política e plantexou interrogantes sobre os valores nacionais e puxo en cuestión o que EEUU significa como nación. Ademais serviu como forza disuasoria para futuras intervencións internacionais, o chamado síndrome de Vietnam por medo a opinión pública, tamén axudou a atopar a acción non violenta como alternativa ás guerras. Influíron na creación de leis que consagraron liberdades políticas, medidas de igualdade laboral e social. Abriron á sociedade unha nova perspectiva de tolerancia e pluralidade.

Ao mesmo tempo EEUU quedou en evidencia mundial pola derrota e os anos vindeiros de crises económicas e a conflitividade social aumentaría. Sen embargo na década dos 80 voltaria o conservadurismo ás políticas estadounidense, polo que o espiritu da contra contracultura foise diluindo, non acadando a maioria social.

Bibliografía

Bruno, Diego. “La lucha popular en los Estados Unidos de los 60 y la ofensiva del Tet”, XII Jornadas Interescuelas-Departamentos de Historia, Departamento de Historia, Facultad de Humanidades y Centro Regional Universitario Bariloche, Universidad Nacional de Comahue, San Carlos de Bariloche, 2009, 1-15.

De los Ríos, Patricio. “Los movimientos sociales de los años sesenta en Estados Unidos: un legado contradictorio”, Sociológica, núm. 38, vol. 13, 1998, 13-30.

García, Daniel. “Protesta y política: los movimientos anti-guerra Estados Unidos, 1965-1975”, Historia Crítica, núm. 1, 1989, 33-67.

Zunes, Stephen e Laird, Jesse. “The US Anti-Vietnam War Movement (1964-1973)”, International Center on Non Violent Conflict (INCN), 2016, 1-6.

Máis artigos

Vilagarcía de Arousa, 1996. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster de Historia Contemporánea na mesma universidade e Máster en profesorado na UVigo. Os meus intereses son a historia de xénero e a historia social.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade