O papel da muller durante as dúas guerras mundiais: a muller soviética

   Sara Penide de la Torre

A I Guerra Mundial supuxo a incorporación da muller na esfera pública, en substitución dos homes combatentes. As nacións comezaron a formar á muller ante esta nova necesidade, aínda que sempre baixo o espírito da no competitividade co home. Así, transformarase a organización social e as estruturas xerárquicas, rachando cos roles de xénero mentres dure a contenda1.

Ocuparon postos dentro do sector primario no campo, alimentando á poboación, ou como traballadoras nas minas2. No sector secundario: dentro das fábricas, e no sector terciario, nos servicios administrativos como as transmisións, sendo condutoras nos transportes públicos ou madriñas de guerra3. A súa entrada no mundo laboral estaba mal pagada e estigmatizada polos tabús da feminidade da época.

A excepción das soviéticas, as mulleres do resto de países combatentes ocuparon postos auxiliares dentro do exército. Foron condutoras, cociñeiras, mecánicas e, sobre todo, enfermeiras4. As soviéticas loitaron, aínda que non estaba permitido, polo que se disfrazaban. Esta prohibición levantouse trala Revolución de 1917, pero combateron en unidades separadas5. Creáronse así unidades militares femininas como resposta ante a desmoralización dos soldados, dentro dos  batallóns da morte. Serán disoltas en novembro de 1917. A pesares disto, a muller soviética acadou un status social máis avanzado que as mulleres das sociedades capitalistas.

A participación da muller na  Gran Guerra foi crucial para o recoñecemento do voto feminino, ao demostrar as súas capacidades. Namentres os homes conseguiron dereito a sufraxio despois da contenda, as mulleres seguiron a ter restricións de idade.

Co inicio da Segunda Guerra Mundial, o papel da muller, especialmente a soviética, tórnase máis activo. Estímase que dous millóns de mulleres foron mobilizadas (cifra está en discusión),  desta vez de forma lexítima6 grazas á orde do 8 de outubro de 19417. Apuntábanse a cursos da oficina de recrutamento, onde as preparaban para a vida castrense. Mentres que os homes dende que son nenos ían asumindo que o seu lugar estaba na defensa da patria, as mulleres aprenden que o fogar será o seu, por iso atoparon toda unha serie de barreiras durante a Guerra.

Os superiores dirixíanse a elas con paternalismo e rexeitábanas nas súas filas alegando cuestións de inferioridade biolóxica. Os que as aceptaban, mandábanas a postos auxiliares; o exército non estaba acondicionado para as súas necesidades. Entregábanlles uniformes de corte masculino e non había roupa interior para elas, provocando consecuencias como infeccións. As mulleres remataron confeccionando a ropupa por si mesmas8. A menstruación era un estigma, cando tiñan a regra apartábanse do grupo, ou procuraban ríos para asearse, onde moitas morreron ao ficar desprotexidas. Asemade, a presión da guerra provocou que moitas tiveran faltas e incluso unha vez finalizada a contenda, non puideron ter fillos.

Outro medo era a mutilación. Con esta condición dificilmente poderían casarse, estaban moi condicionadas ao seu rol. A pesares de que existiran subsidios por mutilación, moitas rexeitábanos para non figurar con ese estigma. Outras, viviron escondidas nunha residencia, preferindo que as deran por mortas. A propaganda rusa non falaba de mulleres combatentes, senón de hermafroditas; sufriron un duro estigma polos seus corpos. Se eran feridas en combate en lugares íntimos, ocultábanas por vergoña. Outras sufriron acoso e violacións9. Como consecuencia, algunhas quedaron embarazadas de fillos ilexítimos ou repudiados.

 Ser nai previamente tamén supuña un obstáculo. Algunhas deixaban aos meniños con familiares que logo non llos devolvían, e outras, como as partisanas, levábanos á clandestinidade, expoñéndoos a toda clase de perigos. As partisanas facían múltiples tarefas: saídas de recoñecemento, pasar polas armas aos inimigos ou capturar presos. Ao ser mulleres pensaban que o inimigo non as mataría, polo que estaban máis expostas; nada máis lonxe diso. Moitas non só remetan sendo prisioneiras senón que foron torturadas, mutiladas, violadas, fusiladas e paseadas ante as tropas inimigas. Entre as mulleres combatentes, as que máis recoñecemento tiveron foron as que se integraron dentro da Forza Aérea Soviética, coñecidas como as bruxas da noite.

Coa vitoria, os homes foron uns heroes, pero elas foron estigmatizadas pola sociedade como as “putas da fronte”10, xa que consideraban que foran para ligar cos maridos doutras mulleres que quedaran no fogar. Se moitas namoraran durante a guerra, os homes non querían casarse con elas por este prexuízo social. Así convertéronse nunhas inadaptadas e moitas remataron solteiras en pisos compartidos.

Aínda que moitas regresaron sendo condecoradas, a sociedade non tomaba en serio os seus logros, sendo estes propiamente masculinos. Por iso, moitas optaron por agochar as súas medallas. Tiveron que pasar anos da fin da contenda ata que a periodista Vera Tkachenko publicara no xornal Pravda un artigo sobre a participación das mulleres na guerra. A raíz deste, a xente comezou a telas en conta. Tardaron trinta anos en invitalas a dar palestras e actos de homenaxe, para mostra, na celebración do trixésimo quinto aniversario da vitoria so asistiron tres mulleres. Na actualidade, autoras como Lyuba Vinagradova ou Svetlana Aleksiévich, traballan para dar visibilidade a este tema.

Fotografía de portada: Unslash

Bibliografía

Alexiévich, Svetlana. La Guerra no tiene rostro de mujer (Barcelona: Debate, 2013).

Blanco Corujo, Olivia. “Mujeres en la Primera Guerra Mundial. Vanguardia y retaguardia”, Revista Iberoaméricana de Cultura y Pensamiento, 4, (2019): 219-221.

García, Argelio. “Brujas de la noche: Las guerreras soviñeticas que hicieron temblar a Hitler”, sputniknews,  https://mundo.sputniknews.com/blogs/201701141066221168-pilotas-sovieticas-guerra-mundial/ (28/01/2020).

 García, Verónica. “La mujer en la Primera Guerra Mundial: rumbos y perspectivas”, Archivoshistoria,  https://archivoshistoria.com/la-mujer-en-la-primera-guerra-mundial-rumbos-y-perspectivas/ (28/01/2020).

 López Domínguez, Ismael. “La mujer en la URSS y el ejército Rojo (1922-1946)”, Archivoshistoria, https://archivoshistoria.com/miercoles-de-mujeres-la-mujer-en-la-urss-y-el-ejercito-rojo-1922-1946/ (28/01/2020).

Padilla Castillo Graciela e Rodríguez Torres, Javier. “La I Guerra Mundial en la retaguardia: la mujer protagonista”, Historia Y Comunicación Social, 18, (2013): 191-206.

 Sanabria, Lucy. “Las mujeres en la primera Guerra Mundial: del hogar a las fábricas y el campo”, sopitas.com,  https://www.sopitas.com/noticias/mujeres-primera-guerra-mundial/ (28/01/2020).

Notas ao pé

  1. Verónica García, “La mujer en la Primera Guerra Mundial: rumbos y perspectivas”, Archivoshistoria,  https://archivoshistoria.com/la-mujer-en-la-primera-guerra-mundial-rumbos-y-perspectivas/ (28/01/2020). []
  2. Graciela Padilla Castillo e Javier Rodríguez Torres. “La I Guerra Mundial en la retaguardia: la mujer protagonista”, Historia Y Comunicación Social, 18, (2013): 191-206. []
  3. Olivia Blanco Corujo. “Mujeres en la Primera Guerra Mundial. Vanguardia y retaguardia”, Revista Iberoaméricana de Cultura y Pensamiento, 4, (2019): 219-221. []
  4. ucy Sanabria, “Las mujeres en la primera Guerra Mundial: del hogar a las fábricas y el campo”, sopitas.com,  https://www.sopitas.com/noticias/mujeres-primera-guerra-mundial/ (28/01/2020). []
  5. Ismael López Domínguez, “La mujer en la URSS y el ejército Rojo (1922-1946)”, Archivoshistoria, https://archivoshistoria.com/miercoles-de-mujeres-la-mujer-en-la-urss-y-el-ejercito-rojo-1922-1946/ (28/01/2020). []
  6. Ibidem. []
  7. Argelio García, “Brujas de la noche: Las guerreras soviñeticas que hicieron temblar a Hitler”, sputniknews,  https://mundo.sputniknews.com/blogs/201701141066221168-pilotas-sovieticas-guerra-mundial/ (28/01/2020). []
  8. Svetlana Alexiévich. La Guerra no tiene rostro de mujer (Barcelona: Debate, 2013), 90-101. []
  9. Ibidem, 272. []
  10. Ibidem, 284. []
Máis artigos

Vilagarcía de Arousa, 1996. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster de Historia Contemporánea na mesma universidade e Máster en profesorado na UVigo. Os meus intereses son a historia de xénero e a historia social.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade