As Nacións Unidas e o cerco de Saraievo

Marcos Márquez Blanco

 En setembro de 1991, as Nacións Unidas, poucos meses antes do comezo do cerco de Saraievo e observando o panorama virulento que se sucedía ante a progresiva disolución de Iugoslavia, decidiron proceder ao embargo de armamentos e elementos militares que chegaban ao mar territorial iugoslavo mediante unha resolución do Consello de Seguridade1. Esta sería a primeira acción tomada pola ONU no marco do maior cerco xamáis visto, comezado o 5 de abril de 1992.

A feble e recente autoproclamada República de Bosnia-Hercegovina, agora sen armamentos e con apoio croata, dispúñase a loitar contra a Federación Iugoslava de Milosevic e unha República de Srpska -ambas as dúas de etnia maioritaria serbia- que mantiñan bloqueada a capital bosnia, provocando a falta de suministros básicos para a vida diaria de máis de medio millón de habitantes.

Nacións Unidas decidiu comezar dende ese instante a mobilizar cara Saraievo á “Forza de Protección de Nacións Unidas de mantemento da paz” ou UNPROFOR, co apoio de todos os países membros da organización. Un dos primeiros obxectivos era, unha vez os cascos azuis chegaran á capital bosnia, tomar o control do aeroporto da cidade que estaba controlado por tropas serbias dende o inicio da guerra. Mentres durou o bloqueo (1995), esta operación permitiu a chegada de 160.000 toneladas de alimentos, medicinas e outros materiais a a bordo de máis de 12.000 voos para unha poboación sen recursos2.

Así e todo, o papel da ONU no cerco de Saraievo non se circunscribía só a manter a paz e axudar á protección de todos os habitantes da cidade -de vital importancia foron os blindados da UNPROFOR en rúas como a Snajperska aleja, pois “permitiron” realizar as actividades cotiás aos saraievitas sen ser alcanzados por francotiradores-, senón tamén á evacuación do maior número posible de civís en estado de gravidade a través do aeroporto como consecuencia dos múltiples bombardeos que sacudiron a cidade, entre os que se atopan os do mercado de Markale en febreiro de 1994 e agosto de 1995, onde Nacións Unidas xogou un papel fundamental no rescate de feridos. Un exemplo é a coñecida “Operación Irma” por Irma Hadžimuratović, unha nena evacuada ao Reino Unido que faleceu ao pouco de chegar.

Estas tácticas levadas a cabo polos nacionalistas serbios, co obxectivo de erradicar símbolos relixiosos e culturais que remitiran a grupos étnicos non serbios, foron entendidas moitas veces como un mecanismo similar ás Damnatio memoriae romanas.

Unha das últimas actividades desempregadas pola ONU en Saraievo foi a que realizou a UNPROFOR xunto coa OTAN como resposta aos bombardeos de agosto de 1995 baixo o nome de “Forza Deliberada”. Esta tiña como obxectivo un ataque aéreo sobre almacéns e arenais das tropas serbias tanto de Iugoslavia como da República Srpska3.

Isto supuxo o principio do fin do cerco en setembro de 1995, ao conseguir non só o repregamento das tropas serbias e serbobosnias, senón tamén a firma dos denominados Acordos de Dayton (Dayton, Ohio novembro de 1995 e París decembro de 1995), entre o presidente de Bosnia A. Izetbegovic, o croata F. Tudjman, e o de Serbia, S. Milosevic, co diplomático estadounidense Richard Holbrooke como negociador. Deron lugar á reestruturación interna de Bosnia Hercegovina, conformada agora pola Federación de Bosnia, a República Srpska e o Distrito de Brcko4.

Non obstante, falar de Bosnia, da súa guerra e do cerco de Saraievo leva implícito falar sobre os dereitos humanos. A Corte Penal Internacional, órgano xudicial das NN.UU radicada na Haia, creou ad hoc un tribunal especial (Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia, 1993-2017) para xulgar os crimes cometidos nas contendas iugoslavas, sendo procesados no mesmo máis de 100 altos mandos. Foi o caso de Slobodan Milosevic, acusado de xenocidio contra a poboación non serbia en diversos puntos de Bosnia entre os que se atopa Saraievo, e Ratko Mladic, considerado o artífice das masacres de Srbrenica e do sitio de Saraievo, así como patícipe na orientación aos políticos serbios para levar a cabo unha limpeza étnica contra a poboación non serbia.

Finalmente, tamén foron xulgados Vaselin Vlahovic, coñecido como o “monstro de Grbavica”5, acusado de cometer máis de 100 asasinatos e violacións nese barrio da capital bosnia -algo habitual en conflitos armados, pois os delitos sexuais son empregados como arma de guerra- e Biljana Plavšić, presidenta da República Srpska (1996-1998) e única muller xulgada, sentenciada a 11 anos por persecución e terror táctico, así como pola liquidación dos non serbios6.

Bibliografía

Dayton Peace Agreement: “The General Framework Agreement for Peace in Bosnia and Herzegovina”, OSCE (21/11/1995). Dispoñible en: https://www.osce.org/files/f/documents/e/0/126173.pdf (consultado o 12/03/2021).

Melissa FLEMING: “Recordando el sitio de Sarajevo 20 años después”, UNHCR-ACNUR España (3/04/2012). Dispoñible en: https://www.acnur.org/noticias/briefing/2012/4/5b2b7439b/837-recordando-el-sitio-de-sarajevo-20-anos-despues.html. (consultado o 13/03/2021).

Esma KUCUKALIC IBRAHIMOVIC: “Las mujeres violadas en la Guerra de Bosnia, dobles víctimas del conflicto 20 años después”, Instituto Español de Estudios Estratégicos, Ministerio de Defensa (7/04/2014). Dispoñible en: http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_opinion/2014/DIEEEO35-2014_GuerraBosnia_DDHH_EsmaKucukalic.pdf (consultado o 13/03/2021).

Hugo Daniel KRAJN: La intervención de la OTAN en la Guerra de Bosnia (1992-1995). Traballo Final de Especialización, Universidad de la Defensa Nacional, 2018. Dispoñible en: http://www.cefadigital.edu.ar/bitstream/1847939/1240/1/TFI%20EHGC%202018%20K4I3_242.pdf. (consultado o 13/03/2021).

Consejo de Seguridad: “Resolución 713”, Organización de las Naciones Unidas (25/09/1991). Dispoñible en:  https://undocs.org/es/S/RES/713%20 (1991) (consultado o 12/03/2021).

Kateřina KRULISOVÁ: “Biljana Plavšić at the ICTY: A Feminist Analysis of Representations of the Self”, Journal of Perpetrator Research, 3 (2020) pp: 128-155. Dispoñible en: http://irep.ntu.ac.uk/id/eprint/39945/1/1323432_Krulisova.pdf (consultado o 14/03/2021).

Notas ao pé

  1. Cfr. Consello de Seguridade: Resolución 713, ONU, 1991, p. 2. []
  2. Cfr. Melissa FLEMING: Recordando el sitio de Sarajevo 20 años después, UNHCR-ACNUR España, 2012. []
  3. Hugo Daniel KRAJN:  La intervención de la OTAN en la Guerra de Bosnia (1992-1995), Bos Aires, Universidad de la Defensa Nacional, 2018, p. 61. []
  4. Dayton Peace Agreement: The General Framwork Agreement for Peace in Bosnia and Herzegovina, OSCE, 1995, p. 1. []
  5. Esma KUCUKALIC IBRAHIMOVIC: Las mujeres violadas en la Guerra de Bosnia, dobles víctimas del conflicto 20 años después, Instituto Español de Estudios Estratégicos, 2014, p. 10. []
  6. Kateřina KRULISOVÁ: Biljana Plavšić at the ICTY: A Feminist Analysis of Representations of the Self,  Journal of Perpetrator Research, 2020, p. 130. []
Máis artigos

Ponteareas, 1997. Graduado en Historia pola Universidade de
Santiago de Compostela e actualmente cursando o Máster en Estudos Internacionais pola mesma universidade. Os meus intereses radican na Historia contemporánea dos Balcáns Occidentais e a xeopolítica actual da zona, sobre todo vinculada coa Unión Europea e Rusia.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade