Lucía Veciño Souto
A piques de rematarse o mes de maio e após 51 anos daquel movemento poliédrico que xuntou ao seu redor á clase obreira e ao estudantado francés e que nos dias que seguiron escaparía das fronteiras do hexágono, gostaría de facer unha mínima lembranza do que supuxo a primavera do 68 no noso país. Un maio que non foi nin a versión galega nin un episodio galego do Maio francés, pois mentres que en Francia se cuestionaba a estrutura dos sistema e os modos de produción, en Galiza a loita orbitaba ao redor do Franquismo e da recuperación da identidade galega.
En Galiza, concretamente na Universidade de Santiago de Compostela, o fenómeno tivo lugar uns meses antes. En novembro de 1967 tiveron lugar as eleccións na Universidade, coa vitoria do Sindicato Democrático Libre, que comezaba a dinamizar con algunha actividade a vida universitaria. Mais dende este sindicato atopouse con moitos obstáculos, entre eles o decano da Facultade de Ciencias, Joaquín Ocón. O 24 de decembro varios estudantes foron detidos e postos á disposición do TOP (Tribunal de Orden Pública). E o 15 de xaneiro de 1968 comezaría unha folga estudantil que remataría coa manifestación que incluíu a queima de exemplares de El Correo Gallego, como protesta da manipulación da prensa que existía no momento sobre o movemento estudantil. Unha folga que nos seus días iría acompañada de folgas obreiras en Vigo e cortes de tráfico, así como os habituais enfrontamentos coa policía na cidade de Compostela, que se saldarían con novas detencións de estudantes.
En marzo as protestas intensificáronse. O 9 de marzo o estudantado iniciou un peche de tres días no reitorado, esixindo a destitución de Ocón, considerado ao decano como o principal instigador da represión contra o movemento estudantil. Nos días seguintes organizáronse asembleas, con participacións multitudinarias e a represión comezou a ser máis dura: sete alumnos foron expulsados e outros seis perderon a matrícula. As cargas policiais acabarían enviando a ducias de feridos ao hospital, ao tempo que oito estudantes rematarían no cárcere da Coruña.
Neste contexto nacería o 26 de abril Voces Ceibes na Facultade de Medicina. Aquel día Benedicto García cantou Eu son a voz do pobo, Loitemos ou Carta a Fuco Buxán entre outras moitas máis. Cancións cun claro carácter social, nacional e cultural diante de máis de 2 mil persoas que enchían o paraninfo da facultade. Aquela data non foi unha anécdota, foi o inicio dun movemento moi fondo. A partir daquel momento os boletíns da Coordenadora do Movemento Estudantil comezaron a facerse en galego e a canción galega comezou a coller outros tintes.
Miro Casabella, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas, Xulio Formoso, Xoan Rubia, Guillermo Rojo e Xavier González déronlle outro enfoque identitario a unha canción que estaba moi desvirtuada pola Sección Femenina, e que a partir do 26 de abril deu en coñecerse como a Nova Canción Galega.
Ao redor do 1º de Maio, o estudantado universitario comeza a ver os froitos das súas movilizacións ao conseguirse varios dos seus obxectivos, entre eles a dimisión de Ocón e a anulación de boa parte das sancións impostas.
Malia ao carácter emancipador das mulleres que existe ao redor do Maio do 68, no caso galego non foi de todo así. Camiño Noia, activista da época nalgunha das súas reflexión xa comentou que aquelas movilizacións non foron acompañadas de grandes avances para as mulleres. Malia ao compromiso político dun amplo grupo de universitarias, as revoltas eran sempre lideradas polos homes.
O que non quere dicir que non fose un movemento orixinal e que respondeu dalgunha forma á dialéctica endóxena da formación social galega. Cunhas demandas da sociedade que respondían a reivindicacións concretas ligadas ás problemáticas da falta de dereitos e liberdades. Unhas movilizacións cun marcado carácter obreiro e popular.
Estes días e feitos prenderon a chama dunha nova conciencia galega que se materializará nos anos 70, converténdose nun amplo movemento de masas e de carácter galeguizador. Ás veces, relacionase o tardofranquismo cun relaxamento da represión, cunha situación de ditabranda sen liberdades democráticas pero cun menor sufrimento. Algo semellante sucede cos anos da Transición. Pero o certo é que en 1968 estaba aí o TOP, creado en 1963, a Lei de Prensa de 1966 de Manuel Fraga que seguía impoñendo a censura con mecanismos máis eficaces que a lexislación anterior. O Consello de Guerra de Burgos celebrouse en 1970 e en 1972 mataron aos dous sindicalistas galegos, Amador e Daniel. As torturas nas comisarías eran habituais. Cómpre lembralo para termos en conta o contexto no que xurdiron ese Maio en Galiza e con el iniciativas tan necesarias para a nosa identidade como a de Voces Ceibes.
Bibliografía:
- GURRIARÁN, RICARDO Inmunda Escoria, Xerais, Santiago de Compostela, 2010.
- AA, Coord. ERMIDA MEILÁN, X.R Galiza 1968, A conciencia avivada Sermos Galiza S.A, Santiago de Compostela. 2018.
Ponteceso, 1991. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2013). Ano no que comecei o mestrado de Educación, Igualdade e Xénero na mesma universidade, especializándome na Historia de Xénero contemporánea. Teño un especial interese polas liñas de investigación da memoria histórica, historia de xénero e a historia agraria bretoa e galega. A día de hoxe son técnica administrativa da Fundación Galiza Sempre e compaxino esta labor escribindo artigos para algún xornal e revista tanto da Bretaña como de Galiza.
2 comentarios en “Unha pequena achega ao Maio do 68 na Universidade de Compostela”
Voces Ceibes, con todo o seu mérito, naceu xa ben avanzadas as folgas. Había uns dirixentes claros e outros máis na sombra. Os primeiros eran os que organizaban e dirixíans as Asambleias de Distrito Universitario. Lembro neste momento algún nome como Branca Caamaño, Álvarez Areces, despois Presidente de Asturias, Doménech, etc. Sinto non ter na miña mente máis nomes na miña mente neste momento.
Por certo, a millor colección de planfletos de aqueles días pensó que a ten Xosé Manoel Sánchez Chouza.
Si, en canto ao nacemento de Voces Ceibes, se entendemos a súa aparición como a primeira actuación pública que fixeron foi o 26 de abril do 68. As movilizacións é certo que comezaran case medio ano antes, mais foi neste contexto.
Obrigada polo comentario, os nomes, e a referencia ao arquivo.