As orixes dun 8 de marzo galego

Lucía Veciño Souto

   Fixamos as orixes internacionais do 8 de Marzo na II Conferencia de Mulleres Socialista, celebrada en Copenhague en 1910, nunha xornada na que se recolle esta data como referencia para unha movilización anual das mulleres, proposta que sairía de Clara Zetkin. Mais certo é que en numerosas ocasións sen ter en conta a grande influencia na consolidación desta data que tivo a Revolución Rusa de 1917, coa Revolta do Pan en Petrogardo, protagonizada por mulleres e que culminaría en outubro dese mesmo ano. O caso é que en Galiza temos tamén unha historia vencellada ás orixes do noso 8M que podemos situar polos acontecementos no  Marzal de 1918 en toda a provincia da Coruña, mais con especial incidencia na comarca de Ferrolterra.

   As revoltas ou motíns de subsistencia contra a carestía de alimentos básicos, ocorrían en Europa xa desde o século XVII, mais será a partir de 1916 coa suba nos prezos dos artigos de primeira necesidade cando darán orixe a graves problemas tanto na Galiza como no resto do Estado. De xeito histórico, na Galiza foron moitas as accións levadas a cabo pola na cuestión da subsistencia, desde milleiros de labregas e labregos que se erguen contra o pagamento dos foros até as leiteiras que se opoñen á suba de impostos pola venda das súas mercadoría. Mais a finais da segunda década do século pasado (a partir do verán de 1917 até á primavera de 1919) varias foron as revoltas populares que tiveron na Galiza unha forza especial. Ficaremos cun caso concreto, a Revolta das Mulleres ou a Revolta das Pedradas:

   Xa durante 1917 se produciran por toda a Galiza motíns aos que o goberno respondía con represión e censura. No verán dese ano en Compostela suspéndense as festas do Apóstolo e decrétase o estado de guerra que logo estenderían a toda a provincia da Coruña. A represión foi tal que na cidade da Coruña houbo máis de 170 persoas detidas. O día 18 de xaneiro de 1918 ten lugar na Coruña a primeira das revoltas sociais dese ano. Poderíase pensar que son accións espontáneas, mais o certo é que centos e centos de mulleres, nos peiraos, nas lonxas do centro, nos almacéns dos barrios… e case á mesma hora, deciden asaltar e repartir os alimentos que requisan.

   Nos primeiros meses de 1918 e en toda a Coruña  as mobilizacións agrarias e obreiras son unha realidade. Estamos nun contexto internacional marcado pola I Guerra Mundial e a Revolución Rusa, no estado español vívese unha etapa convulsa e en Galiza o movemento nacionalista comeza a estruturarse nas Irmandades da Fala a través das cales as mulleres reclámanse como suxeito político e comezan a organizarse, tamén en menor medida a través do mundo sindical e agrarista. O goberno español aproveita o contexto exterior para vender trigo e outras materias primas aos países en conflito, desabastecendo os mercados internos e provocando a proliferación dos chamados “acaparadores” que tentan lucrarse da situación subindo abusivamente os prezos dos produtos de primeira necesidade da época coma o pan, o carbón ou o aceite. Neste contexto, o gobernador da Coruña non autoriza a saída do trigo para Ferrol na primeira semana de marzo, polo que perigan postos de traballo e é case imposíbel adquirir mesmo pan.

   O 8 e 9 de marzo ten lugar unha folga na zona de Xuvia (nos concellos de Narón e Neda) encabezada polas mulleres da fábrica de téxtil. Intentan reunirse cos alcaldes da zona e ante a negativa, comezan as protestas nos comercios do lugar tirándolles pedras, fixando como obxectivos aos acaparadores e as vivendas da burguesía da comarca. O desenlace desas xornadas son a represión e as primeiras persoas asasinadas da Revolta Popular de marzo de 1918: Josefa Naval Luaces e  Rosa Tenreiro Ameijeiras. Este é o inicio dunha revolta que continuará durante todo o mes e onde a represión vai ser máxima (nove persoas mortas segundo datos oficiais e incontábeis feridas). Destes días xurdirán Comisións de Mulleres nos concellos en conflito, paros xerais nos estaleiros e no arsenal. As protestas seguirán en Xuvia, Ferrol ou Pontedeume, asaltos aos trens protagonizados por mulleres e requisando o que vai neles. As autoridades deciden declarar o Estado de Guerra. Organízase unha manifestación en Ferrol o día 10 que vai ser dispersada a tiros causando a morte dunha crianza máis un traballador do arsenal.  A Comisión de Mulleres do concello de Fene obriga o seu alcalde a asinar unha baixada de prezos, mais aínda é un caso illado.

   O desenlace definitivo do conflito verase o 13 de marzo na feira de Sedes (Narón). O ambiente está moi caldeado, toda a comarca está mobilizada ese día e nesa parroquia a garda civil de infantería e cabalería acoden á chamada do alcalde. Comezan as protestas diante da casa do alcalde e dispárase á “multitude” e, como consecuencia, caen sete persoas mortas e multitude de feridas. As protestas continuaron varios días, aínda que a revolta foi totalmente esmagada pola brutal actuación das autoridades. En abril houbo un cambio de Goberno no Estado e concedeuse unha amnistía, na que non se incluíron as persoas que estaban presas pola revolta ferrolterrá. Iso si, os alcaldes de Ferrol e Narón víronse obrigados a dimitir, xunto co xefe da garda municipal.

Imaxe de portada: traballadoras textís en Xuvia un ano despois da revolta (1919). Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Revolta_das_Pedradas#/media/Ficheiro:Jubia_(Coru%C3%B1a)_-_Talleres_de_Telares_de_la_F%C3%A1brica_de_Jubia.jpg 

BIBLIOGRAFÍA:

Rodríguez Sánchez, Francisco. “Trasancos 1918: Revolta Popular coas mulleres na vangarda” no monográfico De Nós. Rebeldía Galega contra a Inxustiza, editado por Sermos Galiza, Santiago de Compostela, 2018.

Veciño Souto, Lucía. “O falso mito da submisión galega: O caso das revoltas de 1918 en Ferrol” en II Congreso de Investigadorxs con perspectiva de Xénero, 2017 Universidade Carlos III de Madrid.

Marcos Pérez Pena. “99 Anos da revolta das Pedradas en Narón”. Praza Pública. 13 de marzo de 2017

Máis artigos

Ponteceso, 1991. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2013). Ano no que comecei o mestrado de Educación, Igualdade e Xénero na mesma universidade, especializándome na Historia de Xénero contemporánea. Teño un especial interese polas liñas de investigación da memoria histórica, historia de xénero e a historia agraria bretoa e galega. A día de hoxe son técnica administrativa da Fundación Galiza Sempre e compaxino esta labor escribindo artigos para algún xornal e revista tanto da Bretaña como de Galiza.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade