Unha achega ao feudalismo en Galicia

Cando un percorre as estradas de Galicia a paisaxe afirma o noso pasado. Os pequenos campos e aldeas dispersas, as cabeceiras de comarca e as cidades pequenas amosan unha ordenación do territorio moi nosa. A pesar de moitos vivirmos en cidades, aínda levamos a identidade parroquial na alma, pois é a identidade dos nosos avós e avoas, labregos e mariñeiros. É unha paisaxe construída desde hai mil anos… e non é un xeito de falar. 

A paisaxe agraria galega é un produto medieval, que se orixina coa consolidación en Galicia do modelo de sociedade feudal entre, aproximadamente, o ano 1000 e o 1200. O feudalismo é… moi difícil de definir, xa que case cada corrente de historiadores ten a súa idea propia. Isto é normal, xa que foi a forma de vida inmediatamente anterior á nosa sociedade capitalista e industrial, polo que caracterizar o noso pasado significa definirnos a nós mesmos. 

Hoxe en día acéptase o feudalismo como un sistema social, no que as persoas estaban unidas por lazos de dependencia verticais (é dicir, de abaixo cara a arriba) e no que a posesión da terra era a principal fonte de recursos. A maioría social campesiña traballaba para os señores feudais, fosen laicos (a nobreza) ou eclesiásticos (o clero). Desenvolveuse en Europa occidental, cunha orixe na Alta Idade Media (ss. V-X), o auxe do ano 1000 ó 1500, e foi substituído polo capitalismo e os réximes liberais entre a Idade Moderna e o s. XIX. 

Portada do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño (s. XII), O Saviñao. Fotografía do autor

O feudalismo foi á súa vez resultado dos cambios no mundo antigo herdado de Roma. O mellor exemplo é a desaparición dos escravos e dos pequenos campesiños libres, a maioría da poboación galega na Alta Idade Media. Estas dúas clases “uníronse” no estatus común do campesiñado dependente. Cada familia vivía nunha propiedade (a casa coas súas terras) que non era súa, senón do señor, a quen pagaba unha renda. As rendas eran a base da riqueza e o poder de nobres e cregos, pero sabemos máis dos segundos, pois a maioría dos escritos medievais gardáronos mosteiros e catedrais. Por iso tendemos a crer que aquí o clero era máis poderoso que a nobreza laica, a diferenza doutras partes de Europa. 

O clero reformouse, separándose dos laicos, potenciando as ordes monásticas como o Císter e regulando as costumes coa confesión e o matrimonio relixioso, cando ata o s. XI fora un contrato civil. Tamén potencian o modelo de familia nuclear (á vez explotación agraria e unión persoal) e a primoxenitura, pois que un só fillo mantivese enteira a propiedade arrendada favorecía ós señores.

Ademais da dominación económica cada persoa pasou a ser vasala e prestar servizos a cambio de favores e protección do señor. Este administraba xustiza, gozaba de privilexios, recrutaba milicias e cobraba impostos nas súas terras, que en Galicia chamamos coutos. Incluso acapararon os montes comunais. Os monarcas do reino de Galicia renunciaron ó poder público e sobreviviron entrando na rede de dependencias. Como os coutos, o reino privatizouse, unha propiedade máis dos reis que podían repartir ou unir. Así a poboación pasou de vivir nas villae (as aldeas de homes libres herdadas do mundo romano) aos casais e aldeas en dependencia señorial. A propia Galicia vaise restrinxindo ao territorio actual cando o condado portucalense se separa do reino no 1128. 

Castelo de Castrodouro (s. XV), Alfoz. Fotografía do autor

No feudalismo rexurdiron as cidades e as rutas comerciais atlánticas debido ao aumento da produción agraria, derivada á súa vez da mellora das técnicas (barbeito bienal/trienal, arados de veso…) e sobre todo da ampliación do espazo cultivado. Nesta ampliación destaca a construción de terrazas, desde as vitícolas da Ribeira Sacra ata as menos espectaculares de calquera val do país. Incluso aumentou a relación entre agricultura e gandaría, e no s. XIII era común que as familias labregas posuísen unha vaca. Compostela é o exemplo máis prematuro, con artesáns, privilexios para os veciños e muralla no s. X. As demais cidades aparecen na costa, no soar das sés episcopais e á beira do camiño de Santiago.

Non sabemos con certeza se o crecemento é causa ou consecuencia dos cambios sociais debido á escaseza de fontes. Tamén está unido á densificación da rede de comunidades rurais. Xorde a parroquia como nós a coñecemos, con aldeas dispersas formadas pola acumulación de familias nucleares (a casa, coas súas propiedades e dereitos comunais). Xorden puntos de referencia, mercados e centros de poder señorial, que se converten nas modernas vilas. 

O proceso de feudalización de Galicia nos ss. X-XIII foi endóxeno. Houbo influencias externas, como as chegadas polo Camiño de Santiago. Pero foi produto da sociedade galega antiga e do seu decorrido histórico, do mesmo xeito que noutras áreas de Europa desenvolveuse o feudalismo dunha forma ou outra, non habendo ningunha máis pura ca as demais. A familia, as herdanzas, a paisaxe, as cidades, o gando, a lingua incluso, son produtos medievais, desta sociedade feudal que nos une co mundo romano e da que somos herdeiros directos. 

A fotografía de portada foi extraída de Wikimedia Commons (cunha licenza CC BY 2.0 DEED) e é autoría de José Antonio Gil Martínez.

Bibliografía: 

Alain GUERREAU: El feudalismo, un horizonte teórico. Barcelona, Crítica, 1984. 

Amancio ISLA FREZ: La sociedad gallega en la Alta Edad Media. Madrid, CSIC, 1992.

Anselmo LÓPEZ CARREIRA: O reino medieval de Galicia: contribución a unha historia política. Vigo, Promocións Culturais Galegas, 2008.

María del Carmen PALLARES MÉNDEZ e Ermelindo PORTELA SILVA: A Gran Historia de Galicia. IV. Da Galicia antiga á Galicia feudal (séculos VIII-XI). A Coruña, La Voz de Galicia-Arrecife Edicións Galegas, 2007. 

María del Carmen PALLARES MÉNDEZ e Ermelindo PORTELA SILVA: A Gran Historia de Galicia. V. De Xelmírez aos Irmandiños. A Galicia Feudal (séculos XII-XIV). A Coruña, La Voz de Galicia-Arrecife Edicións Galegas, 2007. 

María Luz RÍOS RODRÍGUEZ: As orixes do foro na Galicia medieval. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1993. 

Máis artigos

Ourense, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e no Máster de Estudos Medievais Europeos na mesma. Actualmente profesor de ensino secundario. As investigacións que realicei centráronse nas relacións e conflitos sociais na Idade Media galega.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade