Republicanismo I: das orixes á modernidade

Filosofía a Pé de Rúa (FPR) ten como obxectivo principal a divulgación da Filosofía por distintas canles, sendo o medio audiovisual, os artigos de divulgación e os debates públicos as principais vías de comunicación. A idea do proxecto está baseada na crenza firme de que a filosofía é unha ferramenta crítica e de transformación social que pode contribuir ás inquedanzas e problemas da comunidade. Para iso, quenes facemos FPR cremos que é importante sacar a filosofía das paredes da academia e facelas chegar a un público alleo á disciplina en cuestión. Tanto a filosofía mesma, como a interactividade desta coas distintas Ciencias e as Artes, poden proporcionar puntos de vista de interese social en termos de progreso e convivencia.


Diego Expósito Teixeira

Adoitamos relacionar o termo de “república” cun modelo de Estado sen Rei, onde a xefatura do estado recae nun presidente elixido for sufraxio. Porén, o concepto de república ten un extenso desenvolvemento ó longo de toda a filosofía política, dende as súas orixes ata as súas formulacións máis contemporáneas, representando algo máis que a mera ausencia dun monarca. Neste artigo examinaremos as orixes do concepto e as súas formulacións modernas, e nun próximo texto veremos a súa expresión contemporánea da man de Phillip Pettit.

A filosofía política republicana nace con Polibio e Cicerón e as súas reformulacións da clasificación dos rexímenes políticos aristotélicos. Aristóteles definiu os sistemas políticos existentes segundo foran bos ou malos, isto é, se servían ós intereses do pobo ou non; e no número de persoas que dirixiran o estado, puidendo gobernar un, algúns ou todos.

Goberno de un  Goberno de algúns Goberno de todos
Bos Monarquía Aristocracia Politeia
Malos Tiranía Oligarquía Democracia

Polibio analiza este sistema e dáse conta de que o seu problema é a falta de estabilidade: os gobernos bos derívanse nos malos, aparece unha revolta que cambia o número de dirixentes e máis adiante ese novo modelo corrúptese, volvendo a comezar o sistema. A monarquía derívase na tiranía cando o monarca deixa de actuar polo ben común. Esta é derrocada polo goberno dos mellores, que da mesma forma tornará a velar polos seus propios intereses. Entón, unha revolución popular dará o poder ó pobo, pero este descontrolarase dando paso á “tiranía da maioría”, que será sufocada por un novo monarca, volvendo a comezar. Como vemos, a política convértese nun círculo infinito  (anaciclose) no que os gobernos sempre caen para dar paso ó seguinte na táboa, e polo tanto, estar sempre nunha situación incerta.

Polibio. Ringstrasse de Viena. Fonte: Wikimediacommons

Polibio pregúntase, pois, cal sería a forma de eliminar o círculo vicioso entre os rexímenes, e o atopa na república. O problema dos antigos sistemas é que o poder absoluto de cada un dos poderes permite efectivamente que a derivación se faga posíbel. A maneira de conseguir a estabilidade política é establecendo unha constitución mixta que inclúa os tres modelos bos de estado, integrándose nun só e actuando de forma autosuficiente. Deste modo cada un terá funcións distintas e poderán controlar os seus poderes entre eles, evitando así a derivación ós malos rexímenes aristotélicos. Este é o modelo que subxace á República romana e á súa división de organismos políticos, e será o modelo que influirá ás posteriores formulacións republicanas coa chegada do Estado moderno. A idea de ter unha serie de institucións que unifiquen os poderes estatais e se controlen entre si é a base das novas formulacións republicanas, e é un modelo que está presente na maioría dos estados actuais, teñan ou non un Rei.

Tras a caída da República romana, o pensamento republicano seguiu desenvolvéndose de forma discreta primeiramente por Italia, con Maquiavelo á cabeza, para logo pasar a Inglaterra con James Harrington. Pero o avance máis importante do republicanismo moderno non se da en Europa, senón en América.

Coa independencia dos territorios ingleses en América e o seu posterior establecemento en Conferederación, unha serie de intelectuais reclamaron a unión dos territorios independizados nunha confederación de Estados coa creación dunha Constitución. No contexto do debate en contra ou a favor de tal nova Carta Magna, publícanse os Federalist Papers (1788), nos que os autores Alexander Hamilton, James Madison e John Jay establecen como debe ser o novo modelo de Estado baseándose nas ideas republicanas.  A base deste estado estribaba en tres requisitos: (i) Un modelo político representativo, no que o poder non estea absolutamente nas mans da maioría, (ii) un modelo territorial de tipo federal, de forma que o poder do goberno central e o poder dos gobernos estatais se compensara, e (iii) a separación de poderes.

Este último punto,  coa influencia de Montesquieu, establece a separación dos poderes do Estado entre o lexislativo (o congreso), o executivo (o goberno) e o xudicial (as cortes federais). A independencia de cada unha destas institucións, xunto cun sistema de controis e contrapesos (Checks and balances) proporcionaría os mecanismos necesarios para o control do poder arbitrario, de forma que cada un dos poderes poda controlar e vetar o posíbel poder excesivo dos outros.

The Federalist (1788). Fonte: Wikimediacommons

Podemos apreciar, pois, a evolución do concepto republicano dende o seu nacemento ata a época moderna. Pese as diferencias, mantense a esencia da necesidade da constitución mixta e a dispersión do poder, evitando a derivación do estado cara un modelo tiránico. Como veremos nun seguinte artigo, as formulacións contemporáneas do republicanismo basean a súa teoría nas distintas concepcións da liberdade que se foron desenvolvendo na filosofía política, ofrecendo unha alternativa ó modelo dual da liberdade positiva e negativa esbozado por Isaiah Berlin.

*Foto de portada: A primeira catilinaria. Maccari (1880).

Máis artigos

Vigo, 1999. Graduado en Filosofía pola USC. Estudante do Máster en Filosofía Política na UPF. Estou interesado nos problemas contemporáneos da ética e da filosofía política.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade