Republicanismo II: o republicanismo contemporáneo e a nova concepción da liberdade

Viamos nun anterior artigo as orixes do republicanismo na Antiguidade e o seu desenvolvemento por parte dos filósofos e historiadores modernos. Agora ben, o estudo e avance da teoría republicana non rematan no século XIX, senón que seguen desenvolvéndose ata chegar ós nosos días.

O republicanismo contemporáneo segue dúas liñas diferenciadas. A primeira, liderada por Michael Sandel é a que se adoita denominar “neorepublicanismo ateniense”. Esta basea a súa concepción da república na idea de participación política. Porén, a liña máis importante do novo republicanismo é a iniciada por Philip Pettit co libro de 1997 Republicanismo. Una teoría sobre la libertad y el gobierno[1], coñecida como “neorepublicanismo romano”, ou simplemente “neorepublicanismo”.

A base deste novo republicanismo reside na nova idea de liberdade que propón. Para entendela, é necesario un pouco de contexto. En 1958, Isaiah Berlin establece a distinción entre liberdade positiva e negativa.[2] A liberdade positiva estaría baseada na non interferencia: son libre se as miñas accións non están impedidas por ningún axente externo. Esta é a noción de liberdade adoptada polas posicións liberais e libertarias. Pola súa parte, a liberdade positiva baséase na liberdade como control e dominio dun mesmo. As concepcións comunitaristas, que adoitan seguir esta noción de liberdade, entenden que a liberdade só é posíbel dentro dunha comunidade. Neste sentido, sendo o “control de si” algo subordinado ó “control do grupo”, a liberdade positiva tense defendido como capacidade de participación política. Isto é, un só pode ser libre – en comunidade – se se ten a capacidade de influír activamente nas decisións de dita comunidade.  

Pettit defende que, historicamente, o republicanismo non se adecuou a ningunha destas dúas nocións de liberdade, senón que se baseou na idea de liberdade como non dominación. E é que esta noción é ben distinta das de interferencia e control de si. Vexamos en que consiste a dominación para logo ver as diferencias cos conceptos anteriores.

Podemos dicir que un axente domina a outro se o primeiro ten capacidade para interferir negativamente e de forma arbitraria en determinadas accións que o segundo poida realizar.[3]  Vaiamos por partes. Con “interferencia negativa” referímonos a calquera tipo de coerción física ou da vontade realizada de maneira intencional que empeore a situación do individuo ou grupo sobre o cal se realiza. Así, unha interferencia que non implique un mal para o individuo sobre o cal se interfire non será considerada unha dominación. Se vou camiñando pola beirarrúa e teño intención de ir polo lado esquerdo, e unha persoa se me cruza e me obriga a cambiarme de lado, estamos ante unha interferencia, pero non ante unha dominación, pois mudar de lado na rúa –neste caso– non supón un mal para min. Falamos tamén de que a dominación é unha “interferencia arbitraria”. Isto quere dicir que dita interferencia non está xustificada.

Unha acción inxustificada é aquela que non ten en conta os intereses dos axentes implicados. Exemplifiquemos isto de forma sinxela co exemplo da beirarrúa. Un día de chuvia, vou camiñando co meu paraugas por uns soportais. Eu teño a intención de seguir camiñando por eles, pero outra persoa que non leva paraugas crúzaseme e fai que teña que saír dos soportais. Neste caso, podemos dicir que eu sufro un mal cando o outro individuo me obriga a saír dos soportais. Porén, dita intervención estaría xustificada, pois o outro individuo non leva paraugas.

A combinación de capacidade de interferencia negativa e inxustificada, polo tanto, dá lugar á dominación. Vemos pois que este concepto diferénciase dos de mera interferencia característico da liberdade negativa e de control de si da liberdade positiva. De feito, definir a dominación como unha “capacidade” implica que non é necesaria a interferencia para que un individuo estea dominado. O servo está dominado polo señor se este último ten a capacidade de facelo de forma arbitraria, non se efectivamente interfire.

Entendida agora a idea de liberdade como non dominación, debemos preguntarnos: por que é isto un asunto de interese político? Hai varias razóns para contestar a isto. A primeira é que a liberdade como non dominación é un ben para os individuos. Semella unha inxustiza que os individuos teñan que vivir constantemente coa incertidume de sofrer unha dominación. Neste sentido, esta situación provocaría –e provoca– un enorme malestar na cidadanía. Isto lévanos á segunda razón para considerar a liberdade como non dominación un tema de interese político: o Estado é o mecanismo máis eficaz para reducir a dominación.

A liberdade republicana supón unha superación da antiga dicotomía entre liberdade positiva e negativa. As implicacións políticas que esta ten inflúen a estrutura que debe ter un Estado. Nun próximo artigo, veremos as propostas republicanas acerca de como debe estar construído un Estado que garanta a liberdade como non dominación.

Fotografía de portada. Fonte: Unsplash

BIBLIOGRAFÍA

Isaiah BERLIN, I (2005): Dos conceptos de libertad y otros escritos, Madrid, Alianza.

José MARTÍ e Phillip PETTIT (2010): A political philosophy in public life: civic republicanism in Zapatero’s Spain, Princeton, PUP.

Phillip PETTIT (1999) Republicanismo. Una teoría sobre la libertad y el gobierno, Barcelona, Paidós.


[1] Phillip PETTIT (1999): Republicanismo. Una teoría sobre la libertad y el gobierno, Barcelona, Paidós.

[2] Isahia BERLIN (2005): Dos conceptos de libertad y otros escritos. Madrid, Alianza.

[3] PETTIT, P., op. cit., p.78.

Máis artigos

Vigo, 1999. Graduado en Filosofía pola USC. Estudante do Máster en Filosofía Política na UPF. Estou interesado nos problemas contemporáneos da ética e da filosofía política.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade