Carmen Elsa Pérez Aragón
45 anos despois do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noita -a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza-, o director Alberte Mera presenta unha longametraxe documental amosando un retrato fiel da vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. Este proxecto filmográfico, producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e financiado mediante unha campaña de micromecenado, viu á luz neste verán de 2020 e foi recibido cun grande éxito nas diferentes localidades galegas.
Pese a morrer con apenas 25 anos, hai moitas cousas que se poden contar de Moncho Reboiras e por fin podemos escoitalas. O documental mistura tres formas de narración: entrevistas, filmacións históricas e secuencias de ficción. As derradeiras reflexan como Pepe pasa a ser Moncho e reproducen os sucesos da madrugada dese 12 de agosto de 1975 no que a policía acabou coa vida de Reboiras a base de balazos polas costas.
O groso do filme o conforman as entrevistas a 29 testemuñas que coñeceron de primeira man ao falecido tanto no ámbito familiar como no político. Resulta case devastador escoitar o duelo que quedou para sempre na voz destas persoas, e as narracións daqueles que sufriron torturas son ao tempo escalofriantes e indignantes, mais indubidablemente necesarias, por desagradable que poida ser de oir e asumir.
Grazas as súas palabras coñecemos o lado máis humano de Reboiras, case esquecido pola mitificación da súa figura como representante da loita da clase traballadora galega. É importante facer retratos coma este, poliédricos, falando non só da súa labor como militante senón tamén como amigo e compañeiro, e lembrando que ademais de representar a un partido tiña unha vida propia, con aspiracións e xente querida. A policía non asasinou a Moncho, membro da UPG. Asasinou a Pepe: fillo, irmán, amigo, compañeiro, estudante.
A combinación das filmacións históricas coas entrevistas e as secuencias de ficción protagonizadas por Daniel Celester, Daniel Prieto, Lidia Veiga, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso conseguen como resultado unha obra conmovedora e reivindicativa, que ademais de contar por primeira vez a historia de Reboiras, fala dunha Galiza libre e unida, que recupera a súa memoria para non esquecela.
Mera é un director moi novo mais cun talento innegable. Na parte da recreación das últimas horas de vida do militante, destacan especialmente os derradeiros minutos, cando entra dando tumbos nun portal. Nesta escea vemos esa doble faceta do protagonista da que antes falabamos. Na persecución polas rúas ferrolanas corre Moncho, no portal falece Pepe, cun plano final tremendamente conmovedor no que muda a expresión do seu rostro e pasa do ceño fruncido e desafiante a unha ollada cargada de tristura e medo, que completa adoptando unha postura fetal que recorda que non só era un home, senón que ademais era un rapaz de 25 anos.
Obviamente hai cousas que se poden mellorar, como algunhas das entrevistas ás testemuñas que teñen como escenario zonas ao aire libre polas que pasan viandantes. Ese fondo transitado por persoas alleas ao documental distrae un pouco ao espectador, mais enténdese que ao non ter un gran presuposto é complicado conseguir localizacións privadas. A calidade audiovisual do filme é moi boa a pesar destes pequenos detalles, e a calidade narrativa é sobresaínte.
En definitiva, a longametraxe “Reboiras: Acción e Corazón”, dirixida por Alberte Mera, non deixa indiferente a ninguén, provocando unha chea de sentimentos no espectador en apenas unha hora. Visionado altamente recomendado, especialmente naquelas sesións con tertulia co director ao remate da emisión. Podedes consultar as próximas exhibicións en https://reboiras.gal/exhibicions/
Unha vez visto “Reboiras, Acción e Corazón” convén aproveitar o debate que abre para reflexionar sobre a nosa historia como pobo e o valor da nosa cultura, a nosa memoria e a nosa lingua. 45 anos tardou a morte de Reboiras en ser contada no audiovisual, e debemos honrar o seu recordo loitando por defender ao noso, sen que asasinen a ninguén por reivindicar e protexer o seu fogar. O sangue derramado nese portal 27 da rúa Terra e a crueldade e opresión que representa non deben ser nunca esquecidos. O pobo galego debe conservar sempre a súa memoria, incluindo os episodios máis descorazonadores, pois recoñecer o dano é parte do camiño da sanación.
Bibliografía
Carmen Elsa Pérez Aragón, A Coruña, 1995. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago Compostela con Máster en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte na mesma. Actualmente realiza os seus estudos de doutorado no programa de Xeografía, Historia e Historia da Arte, elaborando unha tese centrada na comedia anglosaxona creada e protagonizada por mulleres.
- Esta persoa non ten máis artigos