Manuel Fraga e o mito do reformismo de centro

O pasado 23 de novembro fíxose o centenario do nacemento de Manuel Fraga Iribarne (Vilalba, 1922 – Madrid, 2012). Nos momentos finais do franquismo, viu un espazo político aberto para erixirse en paladín da reforma da ditadura, no que se transformará no seu fracaso político máis decisivo.

“Canofraguismo”, a viraxe ao centro (1973-1975)

Cando a ditadura de Franco agonizaba á par que o ditador, Manuel Fraga, entón embaixador en Londres, viu unha oportunidade ao seu alcance: ser o home da reforma do réxime. O famoso ministro de Información e Turismo do réxime pasará así a ser o Fraga do centro. Nos libros El Desarrollo Político, de 1971, e Legitimidad y Reforma, de 1973, aos que acompañaron unha serie de conferencias ao longo do país, propugnaban a reforma institucional do réxime, e dende o réxime, como único camiño para unha:

Política de centro, cuya característica fundamental, frente a la derecha, es el reconocer que en el orden existente hay problemas, y que estos pueden y deben ser afrontados huyendo de todo inmovilismo y de todo triunfalismo: y frente a la izquierda, que el camino para resolver esos problemas no es la revolución total, sino el de las reformas.1

Fraga desexaba ir cara á Restauración Borbónica do século XIX e ser un novo Antonio Cánovas del Castillo. Chegou a acuñarse o termo de “canofraguismo”2 para esa operación de reforma e tránsito gradual cara á democracia nunha “obra como la de Cánovas, y no, con todos los respetos, como la del señor Caetano” en Portugal3. Para el, o legado da ditadura “hay que asumirlo (…). La paz abre el paso a una nueva normalidad4, sen renegar nunca da súa admiración por Franco.

O primeiro goberno da monarquía

Para Fraga, “por primera vez en los dos últimos siglos, el país tiene posibilidades, posee bases relativamente firmes, lleva mucho camino bien andado” cara á democracia5. E o momento para levalo adiante foi o seu nomeamento no segundo goberno do reaccionario e ortodoxo Carlos Arias Navarro, entre novembro de 1975 e xullo de 1976.

Entrou co cargo de Vicepresidente e Ministro da Gobernación, quedando nas súas mans o proceso de reforma política. Pero a realidade política pesou sobre as súas posibilidades de forma nefasta. Francisco Umbral comparouno á figura mitolóxica de Jano: “Tenemos un Gobierno bifronte, y cuando una de las cabezas mira hacia el búnker nublado, la otra cabeza, con un corte de pelo nacionalsocialista, mira hacia la Europa de Goethe y Beethoven6.

Para a reforma, Fraga estivo recrutando persoas ao seu redor a partir dos órganos do réxime e de sectores medios da administración durante anos. Pero a legalidade non contemplaba máis espazo asociativo que o moi acoutado Estatuto de Asociacións de 1974, nin avanzou por esa senda no seu mandato dado o bloqueo institucional. Así, pese aos clientelismos que ataban a estas asociacións ao vicepresidente, consumouse un abandono destes cadros a posicións, lonxe da asociación con el.

No fondo, as súas reformas non convencían aos aperturistas, e irritaban ao aínda influínte búnker do franquismo ortodoxo. Iso, xunto ás mortes nos sucesos de Montejurra e Vitoria, eliminou as súas posibilidades de dirixir tal cambio dende a Presidencia do Goberno. O feito de que as rúas foran del nese período (segundo a expresión que lle atribuíron) pesará como unha lápida na súa carreira. Desexaba emular ao conservador grego Karamanlís, que dirixiu a consolidación da democracia en Grecia após a caída da Ditadura dos Coroneis (1967-1974), pero ficou por semellar o Marcelo Caetano que repudiaba.

Yo traje la palabra centrista a la vida política española”, declarou en Vigo nas eleccións de 19777, pero ese terreo ocuparíao unha case anónima figura do sistema franquista, Adolfo Suárez. Fraga aliouse con representantes do franquismo máis pechado nunha coalición de personalismos, Alianza Popular [AP], formación cunha historia de gran inestabilidade interna, escasa (pero constante) representación electoral, e baixo un personalismo case total de Fraga que fai boa a afirmación do politólogo francés Maurice Duverger: “Igual que los hombres conservan durante toda su vida la huella de su infancia, los partidos sufren profundamente la influencia de sus orígenes8. E a orixe de AP era a dun político do réxime queimado, dunha cultura política na que a democracia non era máis que unha posición táctica ante a situación política do momento.

Imaxe de cabeceira: Wikimedia commons.

_____________________

1 “«Para librar a España de los bandazos hay que hacer posible la posición centro»”, ABC (11/03/1972), p. 47.

2 En: “Fraga, el compromiso de Cánovas casi un siglo después”, ABC (06/06/1976), p. 24.

3 “«Hay que hacer imposible toda ruptura asentando la continuidad con las reformas precisas»”, La Voz de Galicia (en adiante, LVdG (23/01/1976), p. 16.

4 Manuel FRAGA IRIBARNE: Legitimidad y Representación. Barcelona, Grijalbo, 1973, pp. 304-305.

5 ID: El desarrollo político. Barcelona, Grijalbo, 1971, p. 40.

6 Francisco UMBRAL: Los políticos. Madrid, Eds. Sedmay, 1976, p. 27.

7 “Vigo: Pedradas, bengalas y cargas de la policía en el mitin de AP”. LVdG (10/05/1977), p. 50.

8 Maurice DUVERGER: Los partidos políticos. México D. F., Fondo de Cultura Económica, 1965, p. 15.

Máis artigos

Ourense, 1995. Son graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, máster en Historia Contemporánea pola USC, e actualmente doutorando en Historia Contemporánea desta última universidade. A miña tese pivota arredor da formación, desenvolvemento e consolidación dos partidos conservadores de corte estatal na Galicia da Transición, con énfase no proceso de formación de elites institucionais dos mesmos, e da relevancia dos organigramas políticos previos nos mesmos. Xunto con iso, desenrolei investigacións centradas no campo do sindicalismo católico a comezos do século XX, ou as violencias políticas na Transición.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade