Deseño de indumentaria no primeiro período soviético I: A proposta construtivista

Alicia Losada García

Coa implantación do réxime socialista, o goberno bolxevique aspira a crear unha nova orde social, rachando co pasado en tódolos campos da vida e da cultura, o que afecta tamén á indumentaria. Ansían crear un tipo de vestimenta orixinal que sexa funcional, allea a modas preexistentes, e que poida producirse industrialmente. Na primeira propaganda soviética aparecían homes e mulleres robustos, vestidos con indumentarias rurais. Aínda que ideoloxicamente axeitadas, estas imaxes non reflicten as ansias de ruptura e modernidade que se intentan transmitir.

Por isto, iníciase un debate en torno ao vestido ideal que se estende nos primeiros anos trala revolución, e que dará lugar a propostas diferentes. A primeira delas é a presentada polos artistas construtivistas, a máis radical e que gozou de apoio gobernamental directo. Estes artistas consideraban que a arte debía facerse útil e servir á construción do novo mundo socialista, por ser os obxectos cotiáns os que tiñan unha maior influencia nas masas. Isto xenera que a renovación da vestimenta se produza nun contexto propicio, no que se invirte a tradicional consideración das belas artes como superiores ás artes aplicadas, e no que a moda e o deseño téxtil pasan a ser un campo menor, ligado ao ámbito feminino, a estar no foco da experimentación artística.

Os construtivistas buscaron a eliminación total das vestimentas prerrevolucionarias e a súa substitución por uniformes producidos en masa que recibiron o nome de prozodezhda, roupa de produción. Este concepto foi ideado por Varvara Stepanova, que defendía que a forma das prendas debería estar determinada polo traballo do portador, asegurando a comodidade e prescindindo de ornamentos, aínda que si admitía certo compoñente estético nos deseños, derivados do propio proceso produtivo. Esta concepción apréciase moi claramente no vestido da Figura 1), con costuras brancas sobre o negro do tecido, que recalcan as unións e os elementos construtivos. Con estas prendas diluiríanse as diferenzas de clase e sexo, pois os prozodezhda eliminan calquera rastro de “feminidade”, xa que as formas rectilíneas dos traxes aplanan e ensanchan o corpo.

Figura 1: Prozodezhda de muller, Varvara Stepanova, 1924. Fonte: BARTLETT, 2010: 21.
Figura 2: Prozodezhda para o Actor no5, Liubov Popova,1922. Fonte: https://www.wikiart.org/en/lyubovpop ova/production-clothing-foractor-no- 5-in-fernand-crommelyncks-play-the- magnanimous-cuckold)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Aínda que a teoría foi exposta por Stepanova, materialízase por vez primeira nos deseños de Liubov Popova para a obra de teatro O cornudo magnánimo de Vsévolod Meyerhold (1922), que consisten nuns monos e vestidos azuis lisos (Figura 2), sen decoración, iguais para tódalas personaxes e que se complementaban con accesorios que as caracterizaban.

Popova pretendía que esta roupa se levase tamén nos ensaios, como un uniforme de traballo, pero Stepanova aspiraba a que os prozodezhda se levaran todo o día. Así, estableceu diferentes categorías: unha é a dos spetsodezhda, roupa especial para protexer ao traballador en ambientes específicos, por exemplo a roupa de bombeiros. Outra é a dos sportodezhda, para deporte (Figuras 3 e 4). Stepanova especificou que os deseños deberían variar segundo a actividade para que estivesen destinados, e facer uso de símbolos e cores moi fortes nos xogos en equipa, que permitisen aos participantes distinguirse entre si.

Figura 3: Sportodezhda publicados na revista Lef, Varvara Stepanova, 1923. Fonte:http://eipcp.net/transvers al/0910/kiaer/en)

 

Figura 4: Alumnas con sportodezhdas de V. Stepanova na Academia de EducaciónSocial de Moscú. Fonte: http://vistelacalle.com/117899/diseno-sovietico-la-modaal- servicio-de-la-sociedad/

 

 

 

 

 

 

 

Outros construtivistas que tamén experimentaron no campo da indumentaria foron Aleksandr Rodchenko e Vladimir Tatlin. Conservamos unha foto do primeiro cun deseño propio, confeccionado pola súa esposa Stepanova (Figura 5), que pretendía ser un prozodezhda para o traballo de artista: tiña moitos petos para levar tódolos útiles necesarios, dende lapis ata compases.

Figura 5: Aleksandr Rodchenko co seu deseño de prozodezhda, fronte a unha das súas construcións espaciais,1922. Fonte: KIAER, 2009.

O caso de Tatlin merece unha mención aparte, pois os seus deseños, que el denomina “roupa normal”, teñen unhas formas moito máis orgánicas que os dos seus colegas. Tatlin buscaba que as prendas fosen cómodas, duradeiras e sinxelas de lavar. As cores, escuras, escollíanse porser as que mellor disimulan a suciedade; as cuestións estéticas non interesan o máis mínimo. Tatlin concibía a roupa como se dunha máquina se tratase: os patróns calculábanse dacordo a tódalas posibles posturas do corpo para que permitisen total liberdade de movementos. Moitos dos seus deseños teñen unha estrutura trapezoidal, por exemplo no seu “traxe para o tempo libre” (Figura 6) a chaqueta vaise estreitando dende os ombreiros até as cadeiras, o mesmo que os pantalóns nos nocellos, de modo que a calor non se escaba grazas á acumulación de aire.

Figura 6: Traxe para o tempo libre, Vladimir Tatlin, 1923-25. Fonte: https://retrospectivemodernism.wordpress.com/2014/02/20/tatlin-the- constructorrussian-constructivism/

 

Figura 7: De esquerda a dereita, proxecto para un vestido, proxecto para un gabán, gabán, Vladimir Tatlin, 1924. Fonte: https://shakuro.com/blog/the-empire-oftechnical-aesthetics-insight-to-soviet- ux/

Quizais o seu deseño máis interesante sexa un gabán de forma oval (Figura 7) en tea impermeable, con dous forros intercambiables segundo a estación, un de pel e otro de flanela. Este é o seu primeiro deseño modular: Tatlin inventa este sistema para que as pezas que máis axiña se desgastan, coma os cóbados, poidan substituírse de forma sinxela, prolongando a vida útil da peza. Esta é unha pequena aproximación ás propostas construtivistas, que nunca se materializaron, quedando como unha fermosa utopía.

Bibliografía

– Bartlett, Djurdja. The spectre that haunted socialism. Cambridge: MIT Press, 2010.

– Kiaer, Christina. “¡A la producción!: los objetos socialistas del constructivismo ruso”. Marzo 2009.
https ://marceloexposito.net/pdf/trad_kiaer_objetossocialistas.pdf (Data de consulta: 26 de maio de 2018)

– Lodder, Christina. El constructivismo ruso. Madrid: Alianza Editorial, 1988.

– Stern, Radu. Against Fashion. Clothing as Art, 1850-1930. Cambridge: MIT Press, 2004.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade