Martín Pérez Vale
O reinado de Alfredo “o Grande” é fundamental para o noso entendemento da historia anglosaxoa; unha boa comprensión do papel da súa witan -asemblea dos sabios1 -, é esencial para calquera estudo deste monarca. As referencias á función de calquera conselleiro do rei son fragmentarias, constituíndo as atribucións do concilio real un dos aspectos menos comprendidos polos historiadores ingleses. De feito, a propia existencia deste corpo de conselleiros é cuestionada por autores como Oleson, quen opina que estes “homes sabios” poderían participar en tódolos actos de goberno ou en ningún2 . Estes “homes sabios” estarían compostos por bispos, ealdormen, un home que goberna sobre unha área grande ou condado3 , e thegns: unha persoa que posuía terras outorgadas polo rei ou por un nobre, un rango a cabalo entre un home común e un nobre hereditario.
A imaxe predominante é a da witan como conselleiros que tiñan o poder para depoñer reis, a decisión de facer a guerra, e que axudaron aos monarcas a resolver a súa herdanza persoal. Constituíu un corpo de magnates influentes cuxa presenza, segundo os historiadores, ignoramos pola nosa conta4 .
En opinión de Chadwick, a función de rei e witan non era facer leis, senón aplicar unha costume popular invariable. As leis anuncian en todo momento que ambos falan coa mesma voz. A witan reclamou os dereitos de escoller ao rei, aínda que a súa elección por costume limitábase á familia5 .
Segundo a opinión de Stenton, era deber do consello axudar ao rei en calquera problema que el lle comunicara, pero a iniciativa recaía nel por máis poderosos que foran os seus membros individualmente6 .
En relación a estas opinións e estudos podemos atoparnos con dúas escolas. A que pode describirse como “positiva”, defensora do consello como unha voz consultiva que posuía o dereito de considerar cada acto público, autorizado polo rei ou non. É dicir, estiveron involucrados na promulgación de novas leis, firma de tratados, elección e deposición de reis, recadación de impostos e nomeamento de bispos, así como aspectos territoriais. Por outro lado está a escola negativa, que negou o poder da witan nos diversos aspectos mencionados anteriormente7 .
Oleson viu á witan como un número de magnates locais que visitaban ao rei cada vez que se atopaba na localidade e considerou a súa función de aconsellar ao rei; é dicir, segundo a súa opinión a witan aprobaría tódalas accións públicas que o monarca quixera propor. O propio Alfredo esbozou un cadro moi diferente nos seus escritos. A súa versión dos Soliloquios de Santo Agostiño describe unha asemblea real como unha ocasión marabillosa, onde os magnates fan grandes esfozos para reunirse con el. Tamén indica que tales reunións na corte poderían estar cargadas de tensión e implicar decisións impostas ao rei contra a súa propia vontade e xuízo8 .
O sentido común dinos que a política de poder debeu involucrar ao rei e aos seus homes nunha relación bidireccional, onde polo menos nalgunha ocasión o gobernante tiña que inclinarse ante os desexos dos seus partidarios en asuntos nos que debía garantir a súa lealdade. Se aceptamos esta postura asociativa entre o rei e os seus conselleiros, estamos obrigados a recoñecer o estado especial da witan nun dos puntos máis importantes da vida política dun reino, é dicir, á morte dun rei. Se a witan era consciente do seu poder corporativo como grupo influínte dentro do reino, debeu ser consciente do seu papel chave fronte á parentela real no momento da morte do monarca9 .
Dentro da historiografía británica, todo o relativo ás función da witan constitúe un ámbito de estudo no que entran en xogo moitas opinións e investigacións. Son moitas as hipóteses que sosteñen os distintos autores mencionados, non obstante, podemos extraer dun xeito claro que tiveron certo grao de influencia -xa fose moita ou pouca- no goberno dos territorios. Como di Ullmann “para gobernar e elaborar o dereito, o rei feudal tiña que actuar baixo consulta e acordo coas outras partes do contrato feudal ou, canto menos, cos baróns”10 .
*Foto de portada: Rei anglosaxón coa súa witan. Escena bíblica da Illustrated Old English Hexateuch (s. XI). Amosa ao rei nunha sesión da corte despois de emitir un xuizo sobre o seu mestre panadeiro e o seu mestre copeiro.
Bibliografía
Alfred SMYTH: King Alfred the Great. Oxford, Oxford University Press, 1995.
Hector CHADWICK: Studies on Anglo-Saxon Institutions. Wisconsin, University Press, 1905.
Ignacio ÁLVAREZ: Comunidades locales y transformaciones sociales en la Alta Edad Media. Hampshire (Wessex) y el sur de Castilla, un estudio comparativo. La Rioja, Servicio de Publicaciones de la Universidad de La Rioja, 1999
ULLMANN, Walter (1985), Principios de gobierno y política en la Edad Media. Alianza Editorial, Madrid
- Hector CHADWICK: Studies on Anglo-Saxon Institutions. Wisconsin, University Press, 1905, p. 91. [↩]
- Alfred SMYTH: King Alfred the Great. Oxford, Oxford University Press, 1995, p. 427. [↩]
- Ignacio ÁLVAREZ: Comunidades locales y transformaciones sociales en la Alta Edad Media. Hampshire (Wessex) y el sur de Castilla, un estudio comparativo. La Rioja, Servicio de Publicaciones de la Universidad de La Rioja, 1999, p. 30. [↩]
- Hector CHADWICK: Studies on Anglo-Saxon…, p. 52 [↩]
- Ibid., p. 52. [↩]
- Alfred SMYTH: King Alfred the Great, p. 427. [↩]
- Ibid., p. 428. [↩]
- Alfred SMYTH: King Alfred the Great, pp. 429-431. [↩]
- Ibid., p. 431. [↩]
- Walter ULLMANN: Principios de gobierno y política en la Edad Media, Alianza Editorial, Madrid, 1985, p. 155. [↩]
Galdo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén cursei o Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. Os meus obxectos de interese son a historia política e a arqueoloxía funeraria durante a Alta Idade Media, especialmente no territorio galego e nas Illas Británicas.