A arte de trobar: unha achega aos sons medievais galego-portugueses

Nicolás Alén Guimeráns

Vemos na sociedade galega do século XIII un réxime señorial e feudal no que os bispados teñen un gran poder traducido no predominio do señorío eclesiástico sobre o segrar. Este fenómeno vén ligado á construción dunha nova elite nobre evolucionada da antiga aristocracia e identificada co ideal cabaleiro e militar. Ademais, cómpre engadir a xénese urbana como mecanismo de dinamización social, en parte grazas ao incremento do poder monárquico e na que destaca a propia cidade de Compostela como peza simbólica clave e centro político-relixioso ao comezar os reis leoneses a soterrarse no Panteón Real.

Tamén será salientable o Camiño de Santiago no campo artesanal e artístico ao conectar o noroeste peninsular co occidente europeo medieval. Así, do mesmo xeito que a arquitectura relixiosa peninsular recibirá, xa no gótico, fortes influencias das grandes catedrais francesas como Rennes ou Chartres, a música e a lírica non serán unha excepción durante o século XIII, comezando a xestarse unha escola trobadoresca na Occitania e no Languedoc que deixará a súa semente dentro do marco cultural galego-portugués. Neles destaca a figura de Leonor de Aquitania (1122 – 1204) como principal impulsora desta arte, e é precisamente o verbo occitano trobar (facer ou compoñer en verso) o que da nome ao noso trobador.

Xogadores no Codex Buranus (s. XII). Outro exemplo de como se narra a música trobadoresca bebeu do rexistro cotián. Nese sentido, resulta interesante In Taberna, recollida nese mesmo códice e que narra unha reunión nese espazo. Fonte: Wikimediacommons.

Estas novas formas e estilos virían ata a Península ibérica a través de Navarra e Aragón e, como afirma o musicólogo J. Cladwell «As cancións dos trobadores serán amplamente coñecidas en España [···] grazas á migración de trobeiros como Peire Cardenal e Girant Riquier, motivados pola decadencia da cultura provenzal e seguindo á cruzada albiguense». Grazas a isto, a presenza de trobadores nas cortes leonesas será constante dende tempos de Afonso VII e suporá un estímulo de desenvolvemento para unha lírica autóctona que se imporá á foránea por cuestións puramente idiomáticas.

Entre os temas que influían na produción literaria e musical francesa atopamos o amor cortés como eixo principal da Chanson provenzal, estandarizada a partires do século XII nunha serie de formas (as denominadas formes fixes) que relacionaban tanto á poesía como á música. Así, atopamos nesta categoría o rondeau, describindo unha danza bailada en círculo; a ballade, outro tipo de canción danzada ou o virelai, vinculado tamén co rondeau ao tratarse dunha danza con refrán.

Este tipo de composicións caracterizábanse por unha textura monódica con acompañamento instrumental (de o houber), eran silábicas (unha sílaba = unha nota) ou lixeiramente neumáticas (unha sílaba = catro ou cinco notas) e presentan unha notación que non tende a amosar un patrón rítmico fixo. Tamén era frecuente atopar casos de contrafacta, unha práctica habitual consistente en coller unha canción allea e, mantendo a música, mudar o texto por un novo para obter unha obra diferente da orixinal. Neste sentido, tamén fai referencia a elo o termo tropar, semellante ao termo occitano trobar e que supón o seu paralelo na música sacra.

Todos estas particularidades rematarían por calar na música creada no occidente peninsular do século XIII, en parte grazas ao importante eixo cultural que supuxo o Camiño de Santiago (e que, noutra orde de cousas, podemos apreciar tamén nas semellanzas que hai entre a Escola de Notre-Dame parisina e o Liber Sancti Jacobi da Catedral compostelá) e en parte grazas ás migracións que mencionabamos anteriormente. Non obstante, este intercambio cultural tocaría ao seu fin arredor dos anos vinte do século XIII, cando deixa de documentarse calquera contacto directo entre trobadores occitanos e as cortes do occidente peninsular pero sen que isto supoña a desaparición de dita influencia nas diferentes creacións galego – portuguesas.

A cantiga Santa María, strela do día no manuscrito da Biblioteca Capitular de Toledo. Fonte: Wikimediacommons.

En cambio, cómpre destacar a escaseza de fontes escritas musicais na Península, abundando neste caso as fontes literarias pero sendo ben escasas as copias manuscritas que dispoñan de pentagrama. Neste sentido, son especialmente relevantes no ámbito profano as sete cantigas de Martin Codax (Pergamiño Vindel, PV en adiante), e no relixioso (con máis semellanzas coa lírica trobadoresca cas que poidan pensarse) as Cantigas de Santa María (CSM en adiante), recompiladas por Afonso X de Castela.

De ambas podemos extraer varias conclusión estilísticas comúns, como o carácter estreito da súa monodia ou os movementos por graos conxuntos, o que nos lembra en esencia ao Canto gregoriano. Tamén a melodía presenta, xeralmente, un deseño en arco con procesos candenciais evidentes e reiterados nos que repousa a música. Pola contra, mentres que nas CSM si existe unha notación rítmica precisa e mensural (o que nos permite interpretalas con relativa exactitude hoxe en día), no PV non se da tal, xerando unha ampla controversia sobre o tempo e o ritmo de cada cantiga.Quizais nas CSM sexa máis evidente o legado occitano que expoñemos, moi marcado tanto na métrica como na música mediante, por exemplo, a existencia de refráns reiterativos, habituais no rondeau e o virellai, onde a música do propio refrán proporciona o final de cada estrofa.

Transcrición da primeira estrofa da CSM 100 “Santa María, strela do día” na que pode observarse a súa métrica propia do virelai (A-b-b-a + A como repetición do refrán) e a coincidencia da música do primeiro verso (refrán) cos dous últimos (último verso da estrofa e o refrán de novo). Fonte: Elaboración propia do autor.

Sobre a súa temática, a relixión deixa entrever outros matices ao poder observarse en moitas das cancións adicadas a loar á Virxe a estrutura trobadoresca do amor pola dama inalcanzable; o que nos leva ao exemplo de Martin Codax. Na súa obra tamén vemos trazos tanto provenzais como popularizantes, como é o caso da segunda cantiga do PV, onde, en tetrardus authenticus, emprega un ritmo propio de danza que se mestura co carácter rítmico e reiterativo (vestixio do popular segundo algunhas correntes) da terceira, aventurando explicacións que as relacionan con influencias provenzais (lembremos aquí o deixe danzable de moitas das formes fixes) ou mesmo mozárabes, pois hai indicios que apuntan a unha tradición lírica do s. XI que adopta rasgos da poesía árabe de Al-Ándalus.

Cantiga I do Pergamiño Vindel

Cantiga II do Pergamiño Vindel. Nela pode escoitarse o ritmo danzable que a caracteriza.

Cómpre entón ampliar as raíces e orixes dunha manifestación cultural que en absoluto supuxo un caso illado, estando plenamente introducida no mundo occidental medieval e tomando influencias das culturas que a arrodeaban, quizais dun xeito máis internacional do que se lle adoita achacar a un período tan complexo como pode ser o medievo europeo.

*Foto de Portada: Pergamiño Vindel. Pode apreciarse na música da primeira cantiga (arriba esquerda) o seu deseño en arco e os movementos por graos conxuntos. Fonte: Wikimediacommons. 

Bibliografía

María ASENJO GONZÁLEZ: Las ciudades en el Occidente Medieval. Madrid, Arco/Libros, 1996.

Justo G. BERAMENDI: Historia mínima de Galicia. Madrid, Turner, 2016.

Ana Isabel BOULLÓN AGRELO: Na nosa lyngoage galega: a emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media. Santiago de Compostela, Instituto da Lingua Galega, 2007.

Mercedes BREA: “Elementos popularizantes en las cantigas de amigo”, en Carmen ALEMANY BAY et al.: Con Alonso Zamora Vicente: Actas del Congreso Internacional “La lengua, la Academia, lo popular, los clásicos, los contemporáneos…”, Murcia, Universidad de Alicante, 2003, pp. 449 – 463. http://www.cervantesvirtual.com/obra/con-alonso-zamora-vicente–actas-del-congreso-internacional-la-lengua-la-academia-lo-popular-los-clasicos-los-contemporaneos–/ [Consultado: 18 de setembro de 2020].

John CALDWELL e Fernando DE ARRIAGA: La música medieval. Madrid, Alianza Editorial, 1996.

Manuel Pedro FERREIRA: Jograis, contrafacta, formas musicais: Cultura urbana nas Cantigas de Santa María. https://www.academia.edu/3646592/Jograis_contrafacta_formas_musicais_cultura_urbana_nas_Cantigas_de_Santa_Maria [Consultado: 15 de setembro de 2020].

Anselmo LÓPEZ CARREIRA, et al: O Panteón Real. Concellaría de Acción Cultural, Concello de Santiago de Compostela, 2019.

Aldea MARIÑA ARBOR et al.: Pergamiño Vindel: Un tesouro en sete cantigas. Xunta de Galicia e Universidade de Vigo. Museo do Mar de Galicia, 2017.

José Antonio SOUTO CABO: “En cas da Infante. Figuras femininas no patrocínio da lírica galego-portuguesa (I e II), en Esther CORRAL DÍAZ (editora): Cantares de amigos: estudos en homenaxe a Mercedes Brea. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2016.

Juan Ángel VELA DEL CAMPO et al. Historia de la música en España e Hispanoamérica (I): De los orígenes hasta c. 1470. La lírica medieval. FCE, 2009.

Máis artigos

Vigo, 1999. Na actualidade curso os Estudos Artísticos Superiores na especialidade de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Estudante de Xeografía e Historia na UNED. Móvome entre diferentes aspectos da Historia social occidental pero sempre coa expresión artística como piar central. A cabalo entre o medieval e a modernidade.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade