Vivencias e repercusións do 23-F a nivel local. Viveiro: un estudo de caso

Antes de falar propiamente de como se viviu o 23-F en Viveiro, é necesario mostrar cal era a situación política nos anos previos. Tralas eleccións municipais de abril de 1979, formouse en Viveiro a primeira corporación municipal democrática despois de case 40 anos de ditadura. Estes resultados consagraban á UCD como a forza máis votada, proporcionándolle 7 concelleiros: José Cayo López, Antonio Blanco Casariego, Eligio Núñez Díaz, Antonio Vispo Sanjurjo, José Cabeza Pena, Ramón Díaz Gómez y José Mª Amador López Albo.

A segunda forza política sería Coalición Democrática, que compartiría o mesmo número de conselleiros co Partido Socialista Obreiro Español, 4 cada un: Abelardo A. Hervilla Torrón, Óscar Vázquez Chao, Jorge Díaz Leal Peón e María Teresa Goas Gómez, a única muller neste novo equipo de goberno. Os concelleiros do PSOE serían: Faustino R. Fuertes Tolivar, Luis Rego Pérez, Andrés Fernández Díaz e Francisco Fernández Almoina. Por último, estaría o Bloque Nacional-Popular Galego, que conseguiría dous concelleiros: Francisco Luís Rodríguez Guerreiro e Ignacio Hernando Nuevo. A alcaldía recaía sobre José Cayo, que se convertería no primeiro alcalde democrático de Viveiro. Este, por problemas de saúde, apenas estaría un ano no cargo, entrando no seu lugar na corporación Andrés Álvarez Gómez, e a alcaldía traspasábase a Antonio Blanco.

Esta corporación municipal foi a encargada de dar os primeiros pasos democráticos no pobo. Xa no ano 1980, nun intento de eliminar o pasado franquista na vila, apróbase unha moción presentada polo BN-PG, para cambiar o nome de certas rúas en Viveiro. Isto supuña ademais o cambio de certos topónimos, de xeito que Vivero pasaba a chamarse de forma oficial Viveiro, e as parroquias de  Cillero e Junquera, pasaban a denominarse respectivamente Celeiro e Xunqueira. No que se refire aos cambios de rueiros, boa parte dos nomes franquistas son depurados. Destas forma, a Avenida de José Antonio pasaba a ser a Travesía da Mariña; a Avenida Onésimo Redondo pasaba a ser a Avenida de Galicia; a Rúa Calvo Sotelo pasaba a chamarse rúa Irmáns Vilar Ponte e a Plaza del Generalísimo pasaría a ser a Praza Maior.

Os anos previos ao golpe foron de gran mobilización social para a comarca e, en especial, para Viveiro. Dende aquí comezaron as marchas contra a central nuclear en Xove (1977), promovidas dende a Asemblea Nacional-Popular Galega, e tamén se participou nas manifestacións contra os vertidos contaminantes da factoría Alcoa na zona de Cervo e Lago. Ante a gran cantidade de cambios que se estaban a producir nestes anos, non era de entrañar que, para moitos, á altura de 1979, a “Transición” era xa algo pasado, e que a democracia estaba a comezar a consolidarse, polo que o golpe do 23-F colleu a moitos por sorpresa.

Xunto aos nacionalistas, na mobilización social destes anos tamén estarían presentes simpatizantes comunistas que, nun primeiro momento, seguían a estar ilegalizados. Antes da legalización do partido, algún dos seus futuros integrantes formaban parte de agrupacións veciñais que existían no pobo. Este foi o caso de Orlando Expósito Mariño, quen estaría á fronte da Agrupación Veciñal Santo Domingo de Guzmán-Xunqueira ata que, no 1983, pasou a formar parte da nova corporación municipal encabezando as lista do PCG de Viveiro. Esta agrupación veciñal, nada durante o franquismo, tomou tamén parte na vida política do pobo, sendo un exemplo disto o seu apoio as manifestacións a favor do Hospital Comarcal da Costa en Burela. Neste senso, tanto os nacionalistas coma os comunistas convertéronse nestes anos nos principais motores da mobilización social na comarca.

Coa legalización do PCE en abril de 1977, os comunistas viveirenses comezaron a formar un núcleo que, en abril de 1979, aínda non era o suficientemente sólido como para presentar unha candidaturas as eleccións. O 23-F, explícanos Orlando, cambiou esta dinámica e foi visto como unha especie de “estímulo”. Pese a isto, nas datas inmediatas ao golpe os comunistas mantivéronse cautelosos. Nun primeiro momento, desfixéronse de todo tipo de documentación que os vinculase ao PCE e ao comunismo en xeral. O propio Orlando queimou na súa casa o seu carné de afiliado así coma o de Comisións Obreiras. Durante o que restou de ano, a actividade política destes comunistas pasou “con máis pena que gloria”. Con todo, coas eleccións municipais de 1983 no horizonte, comezaron a mobilizarse de novo. Presentaron unha candidatura, encabezada por Orlando, que logrou obter dous concelleiros, sendo o segundo Melchor Roel Rivas, que máis adiante sería alcalde de Viveiro polo PSOE.

Vemos pois como, tralo golpe de Estado, os comunistas conseguiron reforzarse e obter bos resultados nas eleccións municipais de 1983. Esta situación contrastaría coa do BNPG, que, tras este, sufriu unha forte escisión a nivel provincial cuxos efectos deixáronse ver tamén, nunha menor medida, en Viveiro. Isto provocou que nas municipais de 1983 só conseguisen un concelleiro, Francisco L. Rodríguez. O 23-F poñía en evidencia que a idea dunha “ruptura democrática” estaba moito máis lonxe cunha involución militar, polo que foron aparecendo dentro da coalición diferenzas estratéxicas e tácticas que se foron acentuando a altura de maio de 1981. Isto provocou unha crise interna dentro da Unión do Povo Galego que se saldou coa expulsión de varios dirixentes e a dimisión, en xullo de 1981, dun grupo lucense no que destacaba a figura do exsecretario da UPG, Pedro Luaces. Este grupo lugués posteriormente sería expulsado debido a un desacordo coa liña estratéxica do partido e favorable á súa reformulación a favor da creación dun partido de amplo espectro, nunha liña similar aos postulados de Esquerda Galega.

O líder viveirense do BN-PG, Francisco L. Rodríguez, o día do golpe, dirixíase a unha reunión da AN-PG en Burela. A través da radio escoitou as noticias do golpe, e axiña chamaron a Lugo para informarse de como debían actuar. A primeira medida que se tomou foi ocultar toda a información dos afiliados, así coma a de obreiros vinculados ao mundo sindical a través da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos. Ademais, a día de golpe pasou a noite na casa duns compañeiros de Xove, pola incerteza e o medo que existía neses momentos. Con todo, este medo debe ser matizado, xa que non se refire ao feito de que a Garda Civil presentarase na súa casa e os detivese, senón ao feito de que, aproveitando a conxuntura que se estaba a dar, personaxes illados, vinculados a extrema dereita, se envalentaran e decidisen levar a cabo acción violentas. Acción violentas que, por outra parte, non sería a primeira vez que se producían, pois, como nos explicaron os entrevistados, antes do golpe, os enfrontamentos verbais, a intimidación e o propio corpo a corpo foi algo que existiu coa dereita máis radical.

Este medo foi compartido polo membros do PSOE. Cando comezaron a ter constancia do que estaba a suceder no Congreso, rapidamente se puxeron en contacto con Madrid a través do seu concelleiro Luís Rego que, aproveitando que traballaba na empresa Telefónica, foi o encargado de manter o contacto ca capital e transmitir a información aos seus compañeiros de partido. Nun primeiro momento existiu a posibilidade de marchar cara Portugal, polo que os socialistas viveirenses decidiron reunirse. Nesta reunión desfixéronse de toda a información dos afiliados, propaganda e bandeiras. Nunha segunda chamada á capital, a posibilidade de viaxar cara Portugal desbotouse, probablemente pola distancia que existía coa fronteira.

Ao día seguinte, a corporación municipal reuniuse nunha sesión ordinaria, e os concelleiros de UCD, CD e PSOE redactaron  un comunicado no que mostraban a súa repulsa ao que sucedera no Congreso:

(…) los concejales del ayuntamiento de Viveiro pertenecientes a los  partidos políticos UCD, CD, PSG-PSOE, haciendo constar que ante la gravedad de los sucesos acaecidos en las últimas horas, en España, con la toma del Congreso de los Diputados, por parte de militares golpistas; queremos manifestar a nuestros conciudadanos y opinión publica en general, nuestra enérgica repulsa ante estos ataques a la vigente legalidad, a la vez que reiteramos, adhesión al Rey y a la Constitución aprobada por el pueblo español.

Este escrito foi aprobado por 15 votos a favor e 2 en contra, e foi remitido por telegrama ao rei. Os votos en contra foron dos concelleiros do BNPG, os cales condenaron enerxicamente o intento de golpe de Estado, pero tamén esixían a aclaración dos feitos e unha labor de depuración dos elementos golpistas que estaban encadrados no Exército e no aparato do Estado.

Por último, debemos que mencionar que, pouco despois do golpe, varios membros da corporación municipal tiveron o coñecemento de que, na tarde-noite do 23-F, un home do pobo acudiu ao cuartel da Garda Civil presentando unha lista de nomes de persoas ás que, consideraba, que había que deter. Este feito foi comentado polos entrevistados, un dos cales, ao coñecer a noticia contactou ca Garda Civil, quen lle confirmou que foron dúas as persoas que se presentaron no cuartel, en ocasións diferentes, sendo desatendidos polos membros que alí se atopaban. Nesta lista figuraban os nomes de membros do pobo activos na vida política, maioritariamente, vinculados a esquerda. Pese a isto, ao non poder conseguir dita lista nin confirmar con exactitude a veracidade do feito, este debe ser atendido con moita prudencia.

Pese ao temor que viviron moitas persoas, o certo é que en Viveiro non se chegaron a producir ningúns acontecementos de importancia capital. O que ocorreu aquí foi o que ocorreu en moitos outros sitios. As edicións de La Voz de Galicia e de El Progreso desas datas non dan conta de ningún episodio destacable na zona. Con todo, hai que ter en conta o papel que a prensa galega xoga nos anos da Transición. Nun primeiro momento actuou como un promotor do cambio, sobredimensionando a forza da oposición e a magnitude das manifestacións. Isto cambiaría coa aprobación da Lei para a Reforma Política, momento no que a prensa baixa o seu énfase na forma na que expresa a súa crítica, favorecendo así as posicións máis moderadas.

Imaxe de cabeceira: La Vanguardia a través de Wikimedia Commons cunha licenza CC BY-SA 4.0.

Bibliografía

Beramendi, Xusto e Núñez Seixas, X.M. O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra, 1996.

Muñoz Bolaños, Roberto. La involución militar durante la Transición. El Golpe de Estado del 23-F. (Tese de doutoramento). Madrid: Universidade Autónoma de Madrid, 2012

Muñoz Bolaños, Roberto. “Un análisis incompleto de un acontecimiento excepcional: la literatura sobre el golpe de Estado del 23-F (1981-2014)”. Historiografías, núm. 9, (2015): 81-109

Pérez Pena, Marcos. A prensa en Galicia na Transición. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2016

Quintana Garrido, Xosé Ramón. Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG, 1971-2009. Vigo: Editorial Galaxia, 2010

Testemuñas persoais

Francisco Luís Rodríguez Guerreiro. Viveiro, 3 de novembro de 2018.

Luís Rego Pérez. Viveiro, 24 de novembro de 2018.

Manuel Fernández Bermúdez. Viveiro, 4 de novembro de 2018.

Orlando Expósito Mariño. Viveiro, 2 de novembro de 2018.

Xulia Antía dos Remedios Canoura Díaz. Viveiro, 3 de novembro de 2018.

Fontes de Arquivo

Libro de actas do Concello de Viveiro. (Comeza o día 07/02/1979, remata o día 26/02/1980). Caixa 107. Arquivo Municipal de Viveiro

Libro de actas do Concello de Viveiro. (Comeza o día 25/03/1980, remata o día 28-09-1982). Caixa 108. Arquivo Municipal de Viveiro.

Máis artigos

Viveiro, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursando na mesma o Máster en Historia Contemporánea. Teño especial interese nos movementos de resistencia á ocupación nazi e, actualmente, os meus estudos están vencellados á resistencia antifranquista e guerrilleira no norte de Galicia.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade