O Síndrome de Vichy

Manuel Lago Berdeal

O filósofo polaco Bronislaw Baczko explica como a memoria colectiva ten a súa propia historia, polo que pasa por periodos “fríos”, durante os que parece estar durmida, e periodos “quentes” onde entra nunha fase de reactivación e sube á superficie da vida social. Aquí atopa formas de expresión ricas e diversificadas, sendo estos periodos momentos nos que aparece como unha dimensión esencial nas mentalidades. No caso de Francia pódense apreciar tamén estes periodos de adormecemento e periodos de espertar que chegan a configurarse como auténticos momentos de explosión da memoria social. As dúas experiencias traumáticas que ocupan un papel destacado na memoria nacional francesa son a ocupación alemá entre 1940 e 1944, co réxime de Vichy, e a guerra de Argelia, que constitúe outro episodio doloroso na memoria francesa e que tivo lugar entre 1954 e 1962. Ambas experiencias deixaron pegadas profundas na memoria dos franceses, e pertencen a un “pasado que non pasa” que aínda hoxe atormenta á sociedade gala.

Despois da Liberación fíxose en Francia unha purga do pasado. Ninguén dubidaba da necesidade deste proceso, pois Francia fora traizoada e leváranse a cabo crimes atroces que debían ser xulgados. A venganza emerxeu de forma espontánea, antes de que se puidera crear un marco legal apropiado. Xurdiron tribunais militares que comezaron a ordear a morte dunhas 700 persoas consideradas traidoras, maioritariamente informadores da Gestapo, policías e algúns soldados franceses que apoiaran á Wehrmacht. Ao mesmo tempo leváronse a cabo moitos asasinatos á marxe da lei, sendo coñecidos como a épuration sauvage (purga salvaxe). Coa liberación de pobos e cidades, até 9.000 colaboadores e estraperlistas foron sumariamente executados, tanto por cidadáns individuais furiosos como por células de Resistencia.

En contraposición coas mulleres integradas na Resistencia, houbo outras que colaboraron cos nacionalsocialistas, polo que foron fortemente represaliadas. Estas mulleres ocupan tamén un lugar na memoria de Francia. Tratar a memoria do fenómeno das mulleres rapadas no momento da Liberación de Francia é, en certo modo, realizar un estudo do caso. Os rapados non foron obxecto de conflito no terreo da memoria, xa que estes feitos son obxecto marxinal do recordo, cruelmente dividido entre memoria e esquezo, ruido e silencio. No territorio francés foron rapadas aproximadamente 20.000 mulleres, acusadas de colaborar cos ocupantes. Esta práctica non foi algo espontáneo, senón que se proxectou como castigo desde 1941 e se levou á práctica en forma de acción clandestina no primeiro semestre de 1943. Dous tercios destas mulleres foron rapadas no momento da Liberación. Con todo, o fenómeno durou até principios de 1946. Había moitas formas de acusar a mulleres de colaborar cos enimigos, e a metade delas estaban relacionadas co feito de que as mulleres francesas mantiñan relacións sexuais cos alemáns. Tratábase dunha represión sexuada do colaboracionismo.

Un dos autores que máis analizou a memoria de Vichy é o historiador francés Henry Rousso. Escribiu, entre outras moitas publicacións, a famosa obra titulada Le Syndrome de Vichy, que tivo unha relevancia capital para a historia francesa. Este libro non tiña como obxectivo plasmar o periodo da ocupación propiamente dito, senón que pretendía mostrar a pervivencia dos traumas e as fracturas que o devandito periodo xenerara na conciencia nacional. A obra traza unha evolución do recordo do goberno de Vichy na sociedade francesa dente 1944 até os nosos días. Como sucede en parte co inconsciente na teoría freudiana, a memoria chamada colectiva existe, ante todo, nas súas manifestacións, en aquilo mediante o que se deixa ver, implicita ou explicitamente. Desta forma, o síndrome de Vichy é o “conxunto heteroxéneo dos síntomas, manifestacións, especialmente na vida política, social e cultural, que revelan a existencia do trauma xerado pola ocupación; en particular, aquel trauma vinculado ás divisións internas, que permaneceu e se desenrolou, nalgúns casos, despois de rematados os acontecementos”, segundo Lavabre.

“Conxunto heteroxéneo dos síntomas, manifestacións, especialmente na vida política, social e cultural, que revelan a existencia do trauma xerado pola ocupación; en particular, aquel trauma vinculado ás divisións internas, que permaneceu e se desenrolou, nalgúns casos, despois de rematados os acontecementos”.

Rousso distingue catro fases da memoria de Vichy: a primeira etapa é a de “duelo inacabado”, que dura uns dez anos, dende a Liberación en 1944 até mediados dos anos 50. Este periodo inclúe fundamentalmente a cuestión da lenta e difícil liquidación das secuelas inmediatas da ocupación, producíndose neste momento o comezo dunha depuración levada a cabo contra os colaboradores. Este proceso non se produciu unicamente en Francia, senón que todos os países que sufriron a ocupación nazi, por non falar da propia Alemaña, coñeceron, con maior ou menor grao, fenómenos análogos. A depuración foi intentas, cunhas 10.000 execucións sumarias, 1.500 legais, varias decenas de millares de persoas foron levadas aos tribunais, outras tantas expulsadas dos seus postos de traballo, etc. Este proceso de depuración atoparía un teito nas leis de amnistía de 1951 e 1953.

Unha segunda etapa de represión -no sentido psicoanalítico- da memoria de Vichy abarca dende as leis de amnistía até os anos 70, e caracterízase polo triunfo do mito “resistencialista”, é dicir, a imaxe dunha nación unanimamente resistente frente á ocupación alemá. Falamos de mito xa que a Resistencia foi obra dunha valente minoría da sociedade francesa, e non da maioría da poboación. Ademais, este periodo caracterízase tamén pola desaparición do espazo público das cuestións relativas a Vichy e á colaboración, convertidas, especialmente no marco local, en auténticos tabúes. Se ben nestes anos non existía un esquecemento propiamente dito, si existía un certo consenso á hora de considerar que se pasara páxina respecto aos coñecidos como les années noires de 1940-44.

Despois do ano 68, e durante a primeira metade dos anos 70, encontrámonos coa terceira fase da memoria de Vichy. Nesta, o mito resistencialista entra en crise e prodúcese un “retorno dos reprimidos”, é dicir, prodúcese un espertar dunha memoria máis conforme coa realidade dos “anos negros”. Isto sería coñecido como retour du refoulé, que revela ao tempo unha toma de conciencia do que foran as responsabilidades propias dos franceses durante a ocupación. Ademais prodúcese unha relectura do periodo no terreo da interpretación histórica. A partir de aquí, a cuestión de Vichy situouse no centro das polémicas sobre o pasado, e cada vez que se mencionaba á resistencia non servía como argumento suficiente para encubrir a importancia da colaboración e da influencia das ideas totalitarias. Así, nestes anos, vemos que da man dunha moda “retro” que, xestada dende o cine e a literatura, comezouse a revisar de maneira crítica o discurso resistencialista, co fin de que non fose o único dominante. Non debemos olvidar que é neste contexto onde xorde o filme documental Le chagrin et la pitié, realizado en 1969 por Marcel Ophüls, e que foi proxectada en Francia no ano 1971. Neste filme mostrábase a colaboración de Francia co réxime nacionalsocialista alemán.

A cuarta e última fase da que nos fala H. Rousso comeza a mediados dos 70 e chega ao presente. Atopámonos nese momento cunha obsesiva memoria de Vichy. Desta forma, o que nos amosa o autor é como se pasa dunha ausencia e represión da memoria cara a un retorno do reprimido e un exceso de memoria. Caracterízase logo esta etapa pola “obsesión” polo pasado. Isto é perceptible na omnipresenza de imaxes e recordos da guerra na sociedade francesa, que aínda actualmente perturban aos franceses.

As fases ou etapas dunha memoria, se as miramos dende outra perspectiva, son ao mesmo tempo as do esquezo. Desta maneira, ós ciclos de memoria correspóndenlle tamén ciclos de esquecemento, de maneira que ambos (memoria e esquezo) camiñan da man. En moitas ocasións, a memoria colectiva é unha forma de organizar o esquecemento xa que, concedéndolle unha maior importancia a algúns aspectos do pasado, déixanse de lado outros aspectos que tamén son de gran importancia. Isto tamén se pode apreciar no caso de Vichy, xa que a memoria foise concentrando de maneira sucesiva sobre a Resistencia, a Colaboración, o antisemitismo e a deportación.

Durante os anos 80-90, veremos como emerxe un consenso sobre a cuestión do xenocidio xudío (Shoah). Isto, en relación co caso francés, corresponderíase coa evocación do antisemitismo francés que, pouco a pouco, convertiríase no único elemento de discusión do debate público sobre ese periodo, até o punto de ocultar a práctica totalidade das outras cuestións que o nutriran tradicionalmente. Esta cuestión supoñía unha auténtica ruptura respecto da visión existente entre os anos 50 e 60. Esta nova visión supoñía que calquera persoa que no seu día fora “petainista” ou “colaboracionista” significaba, antes que nada e a miúdo de maneira exclusiva, ter sido antisemita. Aparecía neste novo contexto unha hexemonía da memoria do Holocausto en relación con outras categorías de vítimas e outras posibles lecturas da guerra. Xa entre 1990 e 2000 asistimos, por un lado, a unha internaciolización destas cuestións e, polo outro lado, á posta en marcha de iniciativas de reparación entre as que destaca a súa xudicialización. Unha vez pasado o momento da toma de conciencia, chegouse nese punto á posta en marcha de políticas sobre o pasado a gran escala, as cales pretendías ter un forte calado moral e político. Así, podemos destacar o xuízo contra o membro da milicia vichysta Paul Touvier en 1994, condenado por crimes contra a humanidade a cadena perpetua.

Máis artigos

Viveiro, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursando na mesma o Máster en Historia Contemporánea. Teño especial interese nos movementos de resistencia á ocupación nazi e, actualmente, os meus estudos están vencellados á resistencia antifranquista e guerrilleira no norte de Galicia.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade