“A emigración galega na Idade Moderna é masiva pola Península e iso fai que sexa moi habitual escoitar galego nas rúas de Valladolid ou Madrid”. Entrevista a Carlos Callón

Carlos Callón (Ribeira, 1978) é un home polifacético. Profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa, doutor coa tese As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego (UdC, 2017), expresidente e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística… Ante todo, militante do galego. Manuela Nores entrevistouno mentres desenvolvía as súas prácticas académicas en Mazarelos Coop para coñecer un pouco máis d’O libro negro da lingua galega (Xerais, 2022), o cal vai xa pola terceira edición.

Como xurdiu a idea de escribir O libro negro da lingua galega?

Ao comezo a miña intención era simplemente compilar nun libro información que estivese espallada en diferentes traballos para termos unha ferramenta semellante ao que xa existía no caso doutras linguas, coma o catalán ou o vasco, desde había tempo. Porén, de súpeto, atopei cousas inesperadas e vin que había unha parte de investigación aínda por desenvolver, polo que comecei a tirar do fío no meu tempo libre sempre que por razóns profesionais e persoais tivese tempo para facelo. Eu pensaba: “se eu, profesor de galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística durante anos non souben isto, é necesario que a sociedade en xeral o coñeza”.

Non obstante, un problema que hai sempre que investigamos é decidir cando lle pomos límites. Este ensaio chegou a ter máis de mil páxinas e tamén entendín que había que ir recortando, póndolle un límite temporal e resumindo o máis posíbel os casos. Ademais, eu tamén comprendín que este traballo, como traballo individual dunha persoa, chegaba até aquí, e as persoas que lean o libro verán que hai moitas páxinas nas que digo “eu imaxino que de consultar este arquivo atopará máis información” ou, por exemplo, no caso das escolas do s. XVIII ou no das multas por falar galego en público durante o franquismo aínda hai moito que investigar. Eu tentei, na medida das miñas posibilidades, que fose unha obra divulgativa, aínda que sempre sen escatimar nin unha soa nota de rodapé para que aparecesen claramente as fontes, porque dalgún xeito é unha obra de investigación mais tamén unha obra de combate. 

A respecto da investigación, aínda tratándose dun libro de sinatura individual, poderiamos dicir que é colectiva en moitos aspectos, porque, por unha banda, hai moita información á cal eu non tería chegado se non fose pola axuda de persoas ás que eu lles preguntaba e me daban indicacións dos pasos a seguir ou dos erros a evitar e, pola outra, atopei fontes directas de persoas que sufriron represión ou que foran testemuñas desta que me permitiron exemplificar e narrar os casos máis recentes de discriminación lingüística. Cheguei até alí onde había fontes hemerográficas ou testemuñas persoais que me indicaban o camiño, mais segue sendo necesario un profundo traballo nos arquivos da administración, e para iso é necesario un equipo de investigación que vaia arquivo municipal a arquivo municipal o que implica que institucións con capacidade, como as universidades, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Centro Ramón Piñeiro poñan os seus esforzos, porque é sorprendente a cantidade de aspectos que están aínda por investigar.

Que mudanzas hai entre a represión lingüística existente no franquismo e a de séculos anteriores? 

Penso que é moi importante subliñar que o franquismo non inventa unha política de lingüicidio propia. Esta frase tómoa literalmente do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Manoel Núñez Seixas, mais para min é fundamental lembralo porque moitas veces transmítennos a idea de que o galego só foi perseguido cos Reis Católicos e despois durante o franquismo, e incluso cando se recoñece iso esquécese explicar as dimensións desa persecución coma se fose algo etéreo ou unha persecución só cultural. Se o franquismo non ten que ilegalizar o galego é porque o galego no ano 1936 aínda non era legal a pesar de todo o que se traballou polo Estatuto de autonomía, porque como lembra Castelao, a II República, aínda sendo un gran tempo de esperanza, colocou moitos obstáculos para a súa aprobación. Tamén conta Castelao no Sempre en Galiza como agardaban ter un decreto para que se aceptase o galego nas escolas e Vicente Risco fala de como se prohibía explicar nos congresos a petición de galeguización da escola. 

As raíces da represión lingüística son moito máis fondas.

As raíces da represión lingüística son moito máis fondas.  De feito, o Libro negro da lingua galega comeza en 1480 coa prohibición de uso do galego aos escribáns, mais lembremos que no ano 1543 aparece xa o primeiro documento conservado que explica como se debe reprimir o galego nas escolas. Un documento valioso non só para explicarmos a nosa propia historia senón tamén para explicarmos a situación xeral das linguas na Península Ibérica, porque non conservamos un documento tan antigo semellante para o catalán ou para o vasco. Isto non quere dicir que os seus foran uns camiños de rosas porque non o foron, mais é curioso como se tende a esquecer a nosa propia represión, unha represión que ademais se basea na deshumanización do pobo, con metáforas animalizadoras como que máis que falar rinchamos ou ladramos… Aí hai tanto unha cuestión nacional como unha cuestión de clase.

Existen estudos comparados entre a represión lingüística experimentada en Cataluña, Euskal Herria e a Galiza?

Na cuestión sociolingüística en particular até onde eu sei non existen, e de feito, o Libro negro da lingua galega humildemente vén ocupar un espazo que no ámbito catalán ou no ámbito vasco levaba moitísimo tempo xa cuberto. No primeiro, xa desde os anos oitenta gozamos de investigacións moi completas sobre a represión do catalán e, no segundo, estas xorden nos anos noventa. Nós chegamos tarde e esta tardanza merece dunha reflexión: por que motivo as institucións académicas non se preocuparon desta cuestión en todas estas décadas? Por que continúan sen se preocupar? Por que se destinan orzamentos e esforzos a uns ámbitos e non a outros? 

A perspectiva comparada non existe e achegaríanos unha información moi interesante. Eu penso que a nivel peninsular ou no contexto do Imperio hispánico sería tamén moi acaída. No caso das linguas orixinarias da América a represión é atroz, falando directamente no s. XVII de normativa de exterminio. Tanto que falan en tantos aspectos de “historia común”, sería interesante a existencia dunha historia a respecto do intento de eliminación da diversidade lingüística no Imperio hispanico; desde cando se produce, diferenzas entre América e Europa, distintas dinámicas… Por exemplo, no caso galego non é so pola diferenza nacional, pensemos que as emigracións de galegos e de galegas na Idade Moderna son masivas pola Península e iso fai que, por exemplo, sexa moi habitual nas rúas de Valladolid ou Madrid escoitar galego e, cando nos “Siglos de Oro” falan da diversidade lingüística das rúas madrileñas refírense negativamente ao caso galego, porque eran os galegos quen desenvolvían os traballos que ninguén máis quería e, polo tanto, gozaban dunha consideración negativa. 

Fotografía de Patri Figueiras

Atopaches contrastes entre localidades no período da Transición sobre a persecución e represión sufrida?

Eu non fun capaz de identificalos, aínda que si tentei reparar a respecto do motivo polo cal ás veces temos máis información duns lugares que doutros. O caso de Pontevedra, Ferrol, Santiago… Penso que este feito está mais vinculado coa visibilidade que co grao de represión, xa que os lugares onde atopamos máis documentación adoitan ser cidades ou grandes vilas cunha capacidade maior de arquivar a súa propia memoria. Nas investigacións acontece que só podemos ofrecer respostas de aquilo do que temos información, mais temos que ser coidadosos coas conclusións que a partir desta realidade obteñamos. 

En xeral, e como dicía, non só na Transición, senón ao longo da historia, do que temos máis fontes é das cidades, e si ten máis sentido que a represión fose maior nelas xa que é onde están os tentáculos do poder militar como se ve claramente en Ferrol, do poder relixioso en Santiago de Compostela ou do poder civil en Pontevedra. De calquera xeito non fun capaz de atopar grandes pautas, xa que, por exemplo, a represión nas escolas encontrámola tanto nunha parroquia de Rois, nunha vila como a Estrada ou nunha cidade como A Coruña. Non hai un elemento que unifique, mais é importante lembrarmos do papel desas persoas que se mantiveron e defenderon o galego a pesar das sancións que isto lles supuña. 

Saía a finais do pasado ano a nova de que o castelán era, por primeira vez, a lingua usada con máis frecuencia na Galiza. Hai futuro para o galego? 

Festexo especialmente a enunciación da pregunta, porque moitas veces lemos titulares, mesmo con boas intencións ,“o galego xa é a primeira lingua”. Xa? Iso soa a “levabamos moito tempo agardando…”. O castelán é, efectivamente, por vez primeira a lingua maioritaria na espontaneidade. Porén, levaba tempo sendo unha lingua maioritaria en moitos ámbitos da vida social, nos xornais, na administración, nos medios de comunicación… En fin, todo o que forma parte da estrutura do poder e todas as súas ramificacións no país. 

Entón, o galego ten futuro? O futuro do galego como todos os futuros está por escribir! A lingua galega conta con moitos resortes para poder ter futuro. En primeiro lugar, a transparencia entre galego e castelán é grande e iso permite que haxa unha posibilidade no movemento neofalante, xa que unha persoa que tivese como primeira lingua o castelán pode comezar a falar galego. Iso é un elemento de esperanza. En segundo lugar, atopámonos con que a pesar de tantos séculos de imposición do odio e autodesprezo, a inmensa maioría da poboación séntese adherida cara á cultura galega, aínda que non a toquen nin cun pau. Como exemplo, as Tanxugueiras: tiktokers que as defendían apelando a que “el gallego es la lengua de Galicia” ou persoas que non utilizaron nunca o galego e no entanto as votaron. Iso mostra unha adhesión sentimental, e o feito de que se sintan representados polo galego é un elemento de esperanza moi importante. 

Fáltanos ter o apoio institucional para que poidamos pasar do amor á práctica, mais o que é sorprendente na verdade é que o galego continúe vivo. Nós non contamos nin cos resortes dunha fidalguía que apoiase masivamente a lingua e cultura propia, nin cunha burguesía nin tampouco cunha Igrexa, como si acontece no caso do catalán e do vasco. O galego, a pesar de sufrir unha situación de minorización que non se corresponde co que en teoría din as leis, segue aí. Comparemos a porcentaxe de falantes de galego coa porcentaxe de galego nos xornais, coa porcentaxe de radios en galego, coa de televisións, coa de cinema, coa do galego na Universidade de Santiago de Compostela… Na realidade a porcentaxe de galegofalantes continúa a ser superior á posibilidade de usar o galego en todos os ámbitos de poder. 

No ano 1982, cando houbo mobilizacións para apoiar as dúas mestras de Baiona que falaban en galego na escola, a faixa dicía “Non á represión lingüística, oficialidade do galego xa!”, pois podiamos coller esa faixa e pór “Non á represión lingüística, eu quero poder facer a xestión coa Axencia Tributaria sen que me corten a chamada por falar en galego!”, “Non á represión lingüística, eu quero que o seguro do meu carro non me corte a chamada se lle digo en galego que pinchei unha roda”… Unha listaxe enorme de demandas! E se a pesar desta realidade aínda estamos é porque temos moito por dicir.

Após estes meses desde a publicación do libro, que balance fas sobre a súa recepción? Atopaches novas perspectivas ou ideas durante este período? Pensanches nunha segunda edición?

Atopei unha acollida que superou as miñas expectativas, coa venda de tres mil exemplares en menos dun ano. Na propia editora ficaron moi sorprendidos, ao igual que me sorprendín eu.  Si que hai matices e informantes novos que se deben incluír no futuro, mais eu sobre todo o que quero reiterar é a necesidade de que haxa equipos de investigación que avancen no coñecemento destes aspectos da lingua, porque para podermos aspirar a un futuro debemos saber de onde vimos.

Por outra banda, cando fixen este libro decidín rematalo no ano 1986, pensando na futura elaboración dun libro no cal explicarei a represión lingüística acontecida desde o ano 1986 até a actualidade a través dos principais casos. Non pretendo ser exhaustivo porque entendo que estes feitos poden estar, máis ou menos, na memoria de moitas persoas. No Libro negro da lingua galega hai determinadas etapas nas que a forza da represión era moi pouco ou nada coñecida, mais de 1986 para hoxe o que pretendo facer é seleccionar algúns casos que iluminen o conxunto; casos que sexan significativos para entendermos tamén como chegamos até aquí e entender, así, as políticas que necesitamos levar a cabo para corrixir esta situación. 

Agradecementos pola cesión da fotografía de cabeceira á súa autora Patri Figueiras

Máis artigos

Caldas de Reis, 2001. Na actualidade curso o Grao en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Estou interesada no estudo histórico de cuestións ligadas a problemáticas actuais, como a lingua, o xénero, a colonialidade ou a etnia.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade