As orixes do “consumo de masas”: a superación do capitalismo de producción (1870-1920)

David Lage López

A Historia non é una disciplina que tradicionalmente se preocupara polas orixes da sociedade de consumo e os distintos enfoques da mesma; exceptuando contadas excepcións coma Consumerism in World History de Peter Stearns. Procesos coma este, que eclosionan a comezos do século XX, son eclipsados maioritariamente polas dúas guerras mundiais (historia política) e o crack do 1929 (historica económica). Non obstante, a formación das sociedades de consumo occidentais e a estandarización dunha norma de consumo obreiro son elementos de moitísima importancia á hora de comprender a evolución das nosas sociedades. Debemos ter en conta que outras disciplinas, economía e a socioloxía principalmente pero tamén enfoques filosóficos ou psicolóxicos, son as disciplinas que toman a dianteira e ocupan a maior parte das búsquedas arredor do tema.

Por estes motivos, entre outros, o vixente artigo pretende facer un esbozo moi sinxelo do que é a evolución das economías occidentais no último terzo do século XIX, e que logo permitirá a aparición dun novo modelo de consumo nos EEUU durante os anos 1920. Un novo modelo, este, que dará o salto en todo occidente trala Segunda Guerra Mundial: foi o historiador británico Eric Hobsbawm quen definiu como o fin da primeira fase de desenvolvemento económico (fase británica, se se prefire) e o inicio dunha segunda.

Dita situación foi posible debido a varios factores. Por un lado, a redución de costes da industria e das materias primas causado pola revolución dos transportes; de feito, a deflación foi tal que os prezos foron reducidos nun terzo en dúas décadas. Isto provocou que a taxa de ganancia dos homes fortes da primeira industrialización se vira sensiblemente reducida. Secasí, o fin da primeira fase de desenvolvemento económico non estivo acaecida exclusivamente polo desplome dos prezos, senón que tamén influiu o aumento dos custos das plantas mecanizadas, xenerando uns gastos de produción perigosamente inelásticos. Con todo, a produción continuou expandíndose durante os últimos anos do século XIX. Por exemplo, entre 1873 e 1890, a produción mundial de ferro dupricouse e de aceiro aumentou de medio millón a 11 millóns de toneladas anuais. En xeral, non podemos falar dun afundimento económico no seu conxunto, senón dunha desaceleración dos beneficios que podería ter sido compensada por unha expansión importante do mercado.

Esta situación lévanos a unha das principais características do posterior modelo de consumo de masas: a concentración empresarial e a limitación da competencia como ferramentas para loitar contra a caída dos prezos. Así, empresas que segundo a teoría económica deberan competir entre si, asócianse e comparten custos: comezan a a aparecer os trust norteamericanos. Ademais, os bancos cobran grande importancia; especialmente as grandes entidades bancarias que comezan a absorber ás pequenas oficinas, un prolegómeno do que os marxistas denominarán como capitalismo financeiro.

Por último, neste contexto de finais do XIX e inicios do XX tamén se iniciou o camiño da xestión científica e racionalista do tecido empresarial. A figura fundamental desta vertente foi F. W. Taylor, co máis que coñecido Taylorismo; esto implica a atomización e o illamento do traballador e o traslado do control do proceso a representantes da dirección. Por outra banda, os salarios tamén se ven modificados; en contra das crenzas tradicionais que xiraban en torno á pauperización paulativa dos mesmos, estos comezan a ser aumentados para incentivar a produción dos obrerios. Non obstante, a realidade é que esta última afirmación foi máis un eslogan que un feito material, polo menos até a chegada do magnate Henry Ford (1918). Finalmente, enxeñeiros, técnicos e todo tipo de xerentes comezaran a subsituír aos vellos xerentes-propietarios.

A partires da década de 1890 a situación global comezou a mellorar no que se coñeceu como a Belle Époque. Nestes intres, o mercado atopábase xa máis avanzado grazas ao crecemento urbano, en especial ao da clase media urbana. As novas urbes occidentais fomentaban unha masa inxente de compradores de produtos e servizos, menos dependentes das economías rurais tradicionais. Estes novos mercados, influenciados pola baixada de prezos da etapa anterior, xeneran que a capacidade de compra sexa moi superior (aínda tendo en conta a baixada xeneralizada dos salarios en torno ao 1900). Estas grandes aglomeracións, se ven eran puntos de medo e conflito para a clase dominante dende un punto de vista político, convertéronse nunha grande oportunidade para as mencionadas elites, onde os grandes homes de negocios atoparon grandes oportunidades. Foi así como se novos mecanismos, tales como a venta a prazos para posibilitar o acceso a recursos de alto custo, ou a publicidade: unha ferramenta fundamental cun enorme poder para vender os produtos ás masas. O inalienable avance da tecnoloxía, en especial a aparición do motor de combustión interna e a electricidade (sustitutos ambos da máquina de vapor), permitiron afianzar a tecnoloxía de consumo ao adaptar o seu tamaño ao ámbito doméstico.

Aos poucos, o mercado comezaba a estar dominado por produtos que xa non eran de primeira necesidade, tales como as novidosas industrias do cine ou do automóbil. As novas economías, ademais, outorgaron cada vez maior peso ao sector servizos e, en síntese, o mercado adquiriu as condicións idóneas para unha produción de masas. Asemade, todo isto quedou interrompido en occidente co estoupido da Gran Guerra aló polo 1914, mentres que nos Estados Unidos vivirán, na década de 1920, a primeira sociedade de consumo propiamente dito: son os chamados Felices Anos 20.

Para concluír, podemos dicir que os novos modelos de consumo nacen, en primeiro lugar, dunha crise; este é o modo máis habitual que ten o capitalismo de transformarse a si mesmo e de avanzar. Por outro lado, o nacemento destes tamén reside na incesante búsqueda de aumentar as taxas de ganancia do capital, así como a enorme importancia da revolución tecnolóxica como transformadora da sociedade. Ademais, debemos ter en conta a íntima ligazón do consumismo co avance da clase media e o peso do sector servizos. Así, os novos modelos de consumo son contrarios á tradición, xa que son plenamente urbanos e rexeitan as prácticas de autoconsumo tradicionais propias do agro. É a orixe do capitalismo tal e como o coñecemos.

*A foto de portada amosa a Exposición Universal de París do ano 1900 e é de Wikimedia Commons.

Bibliografía

Alonso, Luís Enrique. La era del consumo. Madrid: Siglo XXI, 2005 [1]

Hobsbawm, Eric. Industria e Imperio. Barcelona: Crítica, 2001 [2]

Hobsbawm, Eric. La era del Imperio. Buenos Aires: Crítica, 1998 [3]

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade