A política colonial no tardofranquismo (1955-1975)

Xaquín Bermello Corominas

   No ano 1955 a ditadura franquista rematou de integrarse nos principais organismos internacionais, inmersos nunha retórica en prol da descolonización africana. Un ano despois perdeu o dominio sobre a súa colonia máis importante, Marrocos. No presente artigo pretendemos partir deste momento para tentar explicar a política colonial franquista ata 1975, recoñecendo os principais elementos de poder dentro do Estado e abordando o fin do colonialismo español dende a perspectiva das dinámicas internas.

   Para o ano 1955 a ditadura franquista xa deixara de verse como unha anomalía política, e a firme defensa do anticomunismo converteuna nunha aliada do bloque occidental. España volvera a acoller embaixadas e pasara a formar parte da OTAN (de forma subsidiaria) e da ONU. Tamén nos cincuenta xermola con forza o movemento anticolonial en Asia e África, avogando pola descolonización e creando organismos internacionais. As Nacións Unidas, ás que agora pertencía España, van exercer unha tímida presión aos países con colonias para que organizasen unha descolonización controlada.

   Acostúmase a afirmar que a vontade de redimirse do pecado orixinal e de aumentar o prestixio internacional obrigou ao franquismo a dobregarse ante as solicitudes da ONU. A saída de Marrocos en 1956 e o papel dos novos diplomáticos na ONU parecen exemplos desta postura. Pero a ditadura vaise mover nunha lóxica dual, recoñecendo que baixo o seu poder tiña “territorios non autónomos e, polo tanto, susceptibles de ser descolonizados” ao tempo que actualizaba a súa lexitimidade a través do IDEA. Así, comeza a elaborarse un novo discurso sobre a dominación colonial impregnado dun carácter determinista que, en vistas dunha posible descolonización, unía os destinos de colonia e metrópole.

   As estruturas de poder nos territorios africanos, os beneficios económicos da explotación colonial e a maior ou menor aceptación das prerrogativas internacionais, son exemplos da variedade de intereses existentes dentro do franquismo. O gran debate interno estivo maioritariamente presente entre o Ministerio da Presidencia e o Ministerio de Exteriores. Baixo o control de Presidencia estaba a Dirección General de Plazas y Provincias Africanas, o organismo encargado de administrar os territorios coloniais dende 1956 baixo o mando directo do Ministro Luís Carrero Blanco. Ao redor del agruparanse os apoios ao mantemento do dominio colonial, principalmente os empresarios preocupados por manter os seus privilexios monopolistas e o Exército. Este sector non aceptaba as vías suxeridas pola ONU e torpedeou o accionar dos diplomáticos españois nela. Os diplomáticos estaban coordinados polo Ministerio de Exteriores e polo seu ministro, Fernando María Castiella, representando o sector do réxime máis propicio a aceptar as vías da ONU para a descolonización.

   A década dos sesenta foi a de maior enfrontamento entre as dúas posturas, decantándose finalmente cara os defensores do colonialismo agrupados en torno a Carrero. Co paso da autonomía á independencia de Guinea (1968), os “carreristas” defenderon a división do territorio da colonia para poder seguir controlando e explotando a illa de Fernando Poo, moito máis rica que a zona continental de Río Muni, pero finalmente Guinea Ecuatorial independizouse de maneira conxunta. Un proceso similar a este é o que Exteriores pretendía levar a cabo co Sáhara. Jaime De Piniés aceptara en 1963 a futura autodeterminación deste territorio baixo supervisión da ONU, a cal, ante a pasividade do réxime franquista, comeza a elaborar resolucións para promover a saída de España. Pero a mediados da década a explotación económica aumenta e o interese do Estado no Sáhara increméntase, gañando forza a postura colonial do Ministerio da Presidencia. Este conflito verá o seu fin coa destitución de Castiella polo escándalo MATESA, dando máis ás ao mantemento do Sáhara baixo xurisdición española e creando un abismo entre as decisións que eran tomadas dentro dos ministerios e a política máis proclive á descolonización que seguían exercendo os diplomáticos na ONU.

   As diferenzas internas non se farán evidentes ata finais dos cincuenta, unha vez que o novo status quo colonial se afianza tras o proceso de provincialización. Foi esta a vía pola cal as posesións coloniais convertéronse en parte integrante do territorio nacional, nacendo así as provincias do Sáhara Occidental, Ifni e Guinea entre 1958 e 1961. Tras a provincialización e condicionadas pola continua presión internacional, polos enfrontamentos internos do franquismo e pola aparición de movementos ou sectores sociais que reclamaban a independencia, o papel do Estado con respecto ás colonias foi moi diverxente. En Guinea a vía adoptada foi a do réxime de autonomía, unha estratexia que se separa da asimilación do provincialismo en prol dunha saída de relativo autogoberno rexida por un estatuto e unhas institucións “africanizadas”. O resultando foi unha curiosa e contraditoria adopción de linguaxe e prácticas (pseudo)democráticas para dirimir o futuro da colonia.

   No caso saharauí veremos como a mediados dos sesenta a colonización intensifícase co aumento das unidades militares no territorio, co inicio da explotación mineira e cos consecuentes cambios socioeconómicos na poboación. Coa vista sempre posta na continuidade do control político e económico da colonia, impulsarase a creación dun parlamento autonómico controlado (a Yemaa) e ata dun partido político fiel ao Estado, o PUNS (Partido de Unión Nacional Saharauí). A colaboración coas elites locais e nacionais das colonias foi unha constante dende os sesenta, pois permitía un control efectivo do territorio mentres se intentaban eludir os ditames da ONU sobre a descolonización concedéndolles certas cotas de poder.

   Esta situación durou ata a morte de Carrero e a Revolución dos Cravos en Portugal, que provocaron un repregue masivo das posturas colonialistas, agravado coa incerteza sobre o futuro do réxime. Propostas como a creación dun Estado Libre Asociado ou a independencia baixo un contrato de cooperación económica non volveron a ser valoradas por un Estado que quería desprenderse do Sáhara canto antes. Case dez anos despois da primeira resolución da ONU o Estado asumiu a vía da autodeterminación, mais a forte oposición de Marrocos, con importantes intereses expansionistas ao sur do seu territorio xerou un novo despropósito. Mentres a ONU xa asumira a celebración dun referendo, ministros españois reuníanse con representantes marroquís para chegar a un pacto sobre o futuro do Sáhara. Finalmente o Estado franquista deixaría o territorio saharauí sen a posibilidade de autodeterminarse e baixo o control efectivo do Estado Marroquí, que continuaría a acción coercitiva do Estado contra as voces que pedían a independencia.

   Os procesos de descolonización dos últimos vinte anos do franquismo están inzados de contradicións. A vontade de perpetuación da ditadura deu pé a situacións inverosímiles como o inicio dun proceso constituínte en Guinea Ecuatorial ou a creación dun partido político dende o Estado (PUNS). Afirmar que o franquismo asumiu os principios da libre determinación dos territorios coloniais é incoherente e falso. O carácter profundamente antidemocrático da ditadura, as ruínas do proxecto imperial franquista, os intentos constantes de prolongación do dominio e a saída precipitada e desorganizada das últimas colonias indican xustamente o contrario. Tan só recorrendo a un discurso teleolóxico poderíamos afirmar algo así, pois diríamos que as colonias non foron economicamente rendibles, que o seu carácter problemático axudou a súa descolonización, ou que o Estado franquista promoveu a saída delas porque a ONU así o decidira. Estas afirmacións post facto teñen repercusións na actualidade pois, ao non incidir na xénese do cariz colonial do Estado e nos problemas derivados dos procesos de descolonización, non hai reflexión sobre os problemas que acompañaron ao proceso e, en consecuencia, non pon en discusión, por exemplo, a política expansionista do Reino de Marrocos que segue provocando, a día de hoxe, a existencia de campamentos de refuxiados saharauís nos países veciños.

   Tense afirmado erroneamente que o suicidio institucional do franquismo foi o que finalmente rematou co réxime. Isto forma parte do discurso nacido do propio franquismo e reprodúcese nalgúns estudos sobre as últimas descolonizacións españolas, ao afirmar que estas foron froito da asunción do linguaxe e dos ditames de organismos internacionais e que o dominio colonial caeu pola liquidación dende dentro cara fóra. Nada máis lonxe da realidade, pois os condicionantes externos determinaron en gran medida o devir do final do colonialismo español. Mais o proceso iniciado coa provincialización e finalizado co intento de crear un partido político que controlase e dirixise a independencia dun futuro Estado asociado non responde a vontade auto-destrutiva da ditadura nin ao carácter descolonizador do Estado franquista. Máis ben ao contrario.

Bibliografía

-Bárbulo, Tomás. La historia prohibida del Sáhara Español. Destino: Barcelona, 2011

-Campos Serrrano, Alicia. De colonia a Estado: Guinea Ecuatorial, 1955-1968. Centro de Estudios Políticos y Constitucionales: Madrid, 2002

-Canales, Carlos; Del Rey, Miguel: Breve Historia de la Guerra de Ifni-Sáhara. Ediciones Nowtilus: Madrid, 2010

-García, Alejandro. Historia del Sáhara y su conflicto. Los libros de la catarata: Madrid, 2010

-Iglesias Amorín, Alfonso. “El Protectorado y las Guerras de Marruecos en el discurso franquista (1939-1975)”, en Calvo González, Patricia (coord.). Discursos e ideologías de derechas e izquierdas en América Latina y Europa. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico: Santiago de Compostela, 2012: 291-312

-Lozano Serralta, Manuel. La nacionalidad en los territorios dependientes. Instituto de Estudios Africanos: Madrid,1955

-Pélissier, René. Los territorios españoles en África. Instituto de Estudios Africanos: Madrid, 1964

-Sánchez Cervelló, Josep. La revolución portuguesa y su influencia en la transición española (1961-1976). Nerea: Madrid, 1995

-Viñas, Ángel. “Una política exterior para conseguir la absolución”, Revista Ayer, núm. 68 (2007): 111-136

Máis artigos

A Coruña, 1996. Graduado en Historia (2018) e máster en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela (2019). As miñas liñas de investigación enmárcanse na Revolución Cubana, nas redes transnacionais da esquerda armada e na relación entre as descolonizacións e o Estado colonial, especialmente o caso portugués. Fóra das décadas dos sesenta e setenta interésanme as experiencias dos exilios durante a ditadura franquista.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade