A Fundación-Museo Eugenio Granell

Xaquín Bermello Corominas

Na praza do Toural, nese corazón da cidade de Santiago que é o seu casco vello, érguese impoñente e impasible o Pazo de Bendaña. Baixo a escultura dun Atlas cargando co globo terráqueo atópase este maxestuoso exemplo do barroco compostelá que alberga no seu interior unha das máis prolíficas Fundacións-Museo de todo o país: a adicada a Eugenio Fernández Granell. O xenuíno pintor coruñés conta, grazas a esta institución, cun excelente centro de conservación, difusión e investigación da súa vida e obra.

O nacemento da Fundación Eugenio Granell enmárcase na década dos noventa, no momento de eclosión dos museos do exilio republicano. Tras a ditadura e o silencio da Transición, e baixo o impulso dalgúns artistas e das corporacións locais, reprodúcese en todo o Estado un modelo de Fundación-Museo que busca poñer en valor a tradición artística espallada polos diferentes destinos dos exiliados. O percorrido vital de Granell e a súa relevancia internacional no mundo do surrealismo impulsaron ao Concello de Santiago a iniciar os trámites para converter o Pazo nunha fecunda Fundación.

Ao longo de máis de dúas décadas de existencia os fondos foron aumentando con puntuais pero moi cuantiosas doazóns, converténdose non só nun centro adicado á figura de Granell senón nun dos museos máis importantes do surrealismo. Exemplo da súa importancia é a colección do pintor, con máis de 1800 pezas; a colección surrealista, composta pola recompilación de artistas referentes desta corrente artística internacional; e outras coleccións, como a étnica, a de Amparo Segarra ou a de Philip West.

A riqueza dos fondos plásticos, gráficos e pictóricos ten permitido abordar a figura artística de Granell dende múltiples perspectivas onde, por suposto, impera a súa faceta como pintor. Mais esta só é unha das caras dun polifacético escritor, músico e dramaturgo. Son moitos os que teñen adicado tempo a investigar na Fundación, aventurándose entre pinceis, fotografías, cartas e incluso cintas de vídeo. Libros e conferencias teñen sido os resultados máis habituais destas experiencias, mais semella que sempre fica algo novo por descubrir entre os inmensos fondos conservados. E quizais sexa na Biblioteca e no arquivo persoal de Granell onde exista unha maior cantidade de documentación inédita.

Tras a morte da Amparo Segarra, esposa de Eugenio Granell e compañeira durante toda unha vida de exilio, cedeuse á Fundación a colección de libros, correspondencia, recortes de periódicos e imaxes gardados na súa residencia particular de Madrid. En marzo de 2011 ábrese finalmente a Biblioteca Granell tras cinco anos de exhaustiva catalogación dos máis de 14.000 volumes que, no seu conxunto, conforman unha metáfora do seu exilio.

Dicía Granell que a súa biblioteca era o mapa da súa vida, razón de máis para que a Fundación decidise conservala exactamente como el a deixou organizada: por cronoloxía, lugares ou autores. Por apelidos dos remitentes das cartas recibidas ou por carpetas organizadas por temáticas moi particulares. A historia de Eugenio Granell plasmada en toda unha vida conservando documentos e libros. Toda unha vida de formación política, de literatura, de discusións e reconciliacións, de amor e odio. Toda unha vida de exilio. Toda esa vida que actualmente é accesible á investigación histórica grazas a esa peculiar vontade de conservar ata os menús dos restaurantes.

Algúns tivemos a oportunidade de traballar na Fundación a través das prácticas da carreira. Un mes colaborando coa Biblioteca a través da catalogación da súa correspondencia. Coñecendo as vicisitudes do seu exilio na Dominicana, os seus enfrontamentos políticos no mundo cultural guatemalteco, os contactos que mantiña con antigos militantes do POUM, a permanente inestabilidade laboral e como contrapunto o seu carácter polifacético á hora de buscarse a vida. Un arquivo cheo de documentación excepcional para entender o que o exilio significou para Granell e a súa familia. Unha biblioteca para perdernos nos pensamentos dun pintor exiliado ou, máis ben, dun militante exiliado convertido a pintor. Pois aínda que a súa obra plástica non sexa especialmente explícita coa temática do exilio, si que o é a súa interpretación do surrealismo a través da súa óptica militante[1].

O interese pola Fundación vai máis aló do ámbito local, como pon de manifesto o traballo que Euan Fairweather (Newcastle, 1999) está desenvolvendo no Pazo de Bendaña. Despois dun mes familiarizándose co funcionamento da institución recalca que a súa motivación principal ao elixir a Fundación Eugenio Granell foi a importancia de difundir o arte e a historia desta prominente figura artística e política. Un Granell voluble e en constante cambio ante as vicisitudes do exilio, pero firme nuns principios políticos que mantivo inquebrantables toda a vida. Unha figura que para Euan non só é fundamental recordar, senón que é imprescindible reivindicar.

Sexa como for, a Fundación Museo Eugenio Granell representa unha excelente institución para a investigación histórica do surrealismo e dos exilios, contando no seu haber cunha colección única que plasma a flutuante e poliédrica vida dun excepcional artista e dun singular militante.

Imaxe de cabeceira: edificio da Fundación, autoría de Graeme Churchard, a través de Wikipedia cunha licenza CC BY 2.0.

[1] Aproveito para recomendar a visita á Fundación para experimentar a relación entre Granell, o surrealismo e a súa militancia política.

Bibliografía

REAL LÓPEZ, Inmaculada (2016), El retorno artístico del patrimonio del exilio, Madrid, Síntesis.

RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, Mª Lorena e PITA PONTE, María (2017), Un camino de ida y vuelta. El legado de Eugenio Granell, Revista de Museología (69) pp. 80-93

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

2 comentarios en “A Fundación-Museo Eugenio Granell”

  1. Tiven o privilexio como crítica de arte do hebdomedario El Independiente de Madrid de coñocer personalmente a Euxenio Granell. Tras unha crítica, que lle fixera no semanario, envióume sen conocelo un dibuxo a tinta e color como engado, no que escribeu a carón unha crítica sua a a miña: nunca tiven mellor engado a miña labor, porque esta maravillosamente escrita, e porque era xenerosa.
    Chameino e o conocin veñliño na sua casa madrileña e tiven unha conversa lediciosa con él.
    Por outra banda soupen por outros profesores norteamericanos que foran compañeiros no seu ensino na Universidad de Nueva York da sua personalidad singular e enormemente interesante coma 0rifesor e escritor.
    Alegrome moito de que quede na sua Fundación de SAntiago a sua Bibñioteca e seu arquivo.
    Aproveito pra dar a Mazarelos miña enhoraboa polas suas informaciós e críticastan rigurosas.

    Responder
  2. Gracias por esta comunicación que describe con claridad la importancia de la Fundación Eugenio Granell la cual, desgraciadamente, no entienden todos los que están relacionados con ella. Granell es, en efecto, como dice el Sr. Bermello mucho más que sus obras de are. De ahpi que se merece un director de alta talla, educación e inteligencia. ¡Graciñas!

    Responder

Deixa un comentario

Publicidade