Bibiana Díaz Fernández
A Oración Fúnebre ao rei Felipe IV que mandou facer a Universidade de Santiago imprimiuse o 8 de xaneiro de 1666 na cidade compostelá por Juan Bautista González de San Clemente. Está escrita na súa maior parte en castelán aínda que conta con partes en latín.
O feito de que se imprimise en Santiago non é casual pois esa cidade tivo o monopolio da imprenta en Galicia ata o século XVIII, tanto pola súa poboación como pola súa estrutura socioeconómica e o peso das institucións eclesiásticas e académicas. As imprentas de Santiago durante o século XVII imprimiron folletos de escasa relevancia pero destacaron os sermóns e oracións pronunciados en actos públicos co gaio da celebración das exequias de figuras rexias.
Se ben o autor do texto é Luís de Bustamante, definidor e predicador xeral da orde de San Bieito, a editora é a Universidade de Santiago de Compostela, unha das institucións civís máis importantes da cidade. A organización das exequias reservábase para as entidades que posuían maiores cotas de poder dentro da sociedade moderna e este tipo de situacións eran unha boa oportunidade para reforzar o recoñecemento público da Universidade por ser a institución que se encargaba de sufragar os gastos das exequias1.
Os obxectivos que se buscan coa Oración son o engrandecemento e loanza da figura do rei falecido (Felipe IV), mostrar apoio á súa familia e amosar a implicación da Universidade nas honras fúnebres do monarca2. Esta tamén era unha operación de publicidade institucional para facer chegar a quen conviña a noticia dese acto de recoñecemento, polo que a impresión destas oracións tamén valía para transmitir a riqueza do cerimonial barroco e os seus modelos oratorios3.
A Oración Fúnebre diríxese a un público selecto: a comunidade universitaria. Imprimiuse cando a Universidade sufragou os custos (a edición impresa dese sermón chegaba a un público bastante reducido: a elite letrada). O escenario das celebracións é o Xeneral Maior de Teoloxía do Colexio de Santiago Alfeo4 onde ser reunían as dúas comunidades: reitor e graduados da Universidade xunto co reitor e os colexiais de Santiago Alfeo.
Esta Oración Fúnebre contén recursos retóricos cos que o autor fai un alarde de erudición a través do que demostra o coñecemento de autores clásicos e da Biblia. Empréganse preguntas retóricas para introducir os temas desexados. Ademais, o contido deste texto pretende resaltar a perda que o falecemento do rei supón para o país e ensalzar a virtuosidade do falecido (describíndoo con calidades políticas e morais). A presentación do monarca como modelo de virtudes para os seus vasalos e a concepción teolóxica do poder rexio son temas recorrentes nesta Oración. A celebración das exequias universitarias de Felipe IV destacou pola alta erudición dos programas simbólicos planteados polos profesores do claustro. O ámbito universitario quérese converter nunha referencia mediante a construción da súa propia metáfora como “Casa de sabedoría e Nai das Ciencias”.
A figura literaria que máis se emprega son as metáforas coas estrelas, definindo á Universidade como “firmamento racional” ou “firmamento docto” (o mundo vive na noite da ignorancia da que a comunidade sae coa axuda da Universidade). Outra metáfora recorrente é a que xorde da identificación de Felipe IV co Sol (este rei denomínase Planeta e refírense á súa morte como un solpor).
As cerimonias fúnebres constitúen o mellor exemplo de celebración da Idade Moderna no que se pode observar a imbricación entre os ámbitos civil e relixioso. As exequias dun membro real inclúense dentro das festas extraordinarias pois contan con peculiaridades propias no seu ritual que debía ser un espello do poder e categoría do defunto5.
Os sermóns e eloxios fúnebres aportan moita información útil aos historiadores pois establecen conexións co mundo das mentalidades, as imaxes transmitidas aos súbditos e o modelo monárquico como organización política que se perpetúa e sobrevive alén do pasamento do seu titular. Ademais, ese tipo de festas unían a diferentes clases sociais na súa preparación e asistencia polo que se pode obter unha imaxe do papel e grao de participación das mesmas nas relacións de exequias que se publicaron.
*Foto de portada. Felipe IV orante. Diego Velázquez, c. 1655. Museo do Prado.
Bibliografía
Yolanda BARRIOCANAL LÓPEZ: Exequias Reales en la Galicia del Antiguo Régimen: poder ritual y arte efímero. Vigo, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Vigo, 1997.
Roberto Javier LÓPEZ LÓPEZ: “Ceremonia y poder en el Antiguo Régimen. Algunas reflexiones sobre fuentes y perspectivas de análisis”, en Agustín GONZÁLEZ ENCISO y Jesús Mª USUNÁRIZ GARAYOA (dirs.): Imagen del rey, imagen de los reinos. Las ceremonias públicas en la España moderna. Pamplona, Ediciones Universidad de Navarra, 1999.
Ofelia REY CASTELAO: “Producción impresa y promoción eclesiástica en la Galicia de fines del Antiguo Régimen”, SEMATA: Ciencias Socias e Humanidades, 10 (1998).
Notas ao pé
- Yolanda BARRIOCANAL LÓPEZ: Exequias Reales en la Galicia del Antiguo Régimen: poder ritual y arte efímero. Vigo, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Vigo, 1997, pp. 9-12. [↩]
- Roberto Javier LÓPEZ LÓPEZ: “Ceremonia y poder en el Antiguo Régimen. Algunas reflexiones sobre fuentes y perspectivas de análisis”, en Agustín GONZÁLEZ ENCISO y Jesús Mª USUNÁRIZ GARAYOA (dirs.): Imagen del rey, imagen de los reinos. Las ceremonias públicas en la España moderna. Pamplona, Ediciones Universidad de Navarra, 1999, p. 28. [↩]
- Ofelia REY CASTELAO: “Producción impresa y promoción eclesiástica en la Galicia de fines del Antiguo Régimen”, SEMATA: Ciencias Socias e Humanidades, 10 (1998), pp. 295-296. [↩]
- Yolanda BARRIOCANAL LÓPEZ: Exequias Reales en la Galicia del Antiguo Régimen: poder ritual y arte efímero. Vigo, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Vigo, 1997, p. 35. [↩]
- Ibid, pp. 9-11. [↩]
Friol, 1999. Estudante do Grao en Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Os temas que máis me interesan son a Historia Medieval, a Historia de Galicia e a Historia de xénero, prestando especial atención aos enfoques que aportan a esas temáticas a Historia social e a Historia das mentalidades.
- Esta persoa non ten máis artigos