Xeografía e historia, ¿de Galicia?

A finais do mes de abril, a Consellería de Educación anunciaba os currículos escolares que se aplicarán en Galicia coa posta en práctica da LOMLOE. Ademais do debate existente sobre o ensino cronolóxico, ou non, da Historia na ESO, en Galicia asistimos a unha segunda polémica: a supresión da materia Xeografía e Historia de Galicia en 2° de Bacharelato.

Ata o ano 2015 era unha materia de libre configuración autonómica e repartíase durante catro horas semanais, pero dende aquelas dividiuse en dúas diferentes –Patrimonio e Arte de Galicia e Xeografía e Historia de Galicia– reducindo a súa carga horaria a dúas sesións cada semana. Isto dificultou, como explica Raúl Soutelo nunha entrevista concedida a praza.gal, o encaixe de materias coma esta no horario dos centros, prexudicando de forma evidente á nosa área de estudo.

A polémica final chegou hai escasas semanas, cando a Consellería anunciou a refundación da materia nunha nova chamada Patrimonio e Sociedade de Galicia. Pese a que o goberno da Xunta se defenda argumentando que a materia retoma as catro horas semanais e que se incluirán tamén contidos históricos e xeográficos, o problema ten un fondo maior. De feito, as queixas esgrimidas dende o ensino secundario e a universidade pública provocaron unha rectificación do goberno autonómico que, polo que parece, cambiará de novo o nome da materia por Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Patrimonio e Sociedade.

Existen dous motivos polos que reivindicar a materia Xeografía e Historia de Galicia no currículo escolar. O primeiro é académico. Os contidos históricos e xeográficos galegos contan cun peso moi reducido, case inexistente, no currículo da LOMCE. Algo que, polo que parece, continuará trala aplicación parcial da LOMLE a partir do curso que vén. Os aspectos relacionados coa Xeografía e Historia de Galicia están sempre relegados ás últimas páxinas de cada unidade didáctica dun temario inabarcable.

No propio currículo a porcentaxe de estándares de aprendizaxe relacionados con contidos xeográficos e históricos galegos é ínfima. Informacións moi puntuais sobre petróglifos, procesos migratorios ou debates arredor da industrialización, ou non, de Galicia no século XIX que non axudan a conformar unha visión coherente da evolución histórica ou da análise xeográfica do que hoxe é Galicia. En segundo de Bacharelato, as présas por impartir todos os contidos antes da estresante ABAU impiden afondar nuns contidos históricos que, para o caso de Galicia, están relacionados con aspectos económicos e sociais durante a Idade Moderna, ademais dunha pequena mención á revolta irmandiña.

O segundo motivo é ideolóxico. Este cambio nunha materia que contaba con bastante éxito entre o alumnado responde a unha política concreta. Durante a xornada de exhibición do programa Polos Educativos da Xunta de Galicia, o xa ex-presidente Alberto Núñez Feijóo afirmaba que o alumnado debía adquirir as competencias que “mañá lle vaian esixir as empresas, para que a porcentaxe de empregabilidade finalizada unha secundaria, un bacharelato ou unha FP acredite a utilidade do sistema educativo para a sociedade que o mantén a través dos seus impostos”[1].

Nesta visión da educación prevalece a dimensión económica por riba dos valores axiolóxicos. Unha educación taylorizada que forma empregados, non persoas. De aí que no ámbito da Xeografía e Historia a Xunta apostase pola dimensión profesional da materia dende o seu propio nome: o patrimonio e a educación patrimonial. Total, a Xeografía e a Historia non valen para nada. A materia debe ter unha lóxica función propedéutica pero tamén formativa noutros aspectos. O enfoque actual non fomenta o espertar dunha conciencia crítica no individuo, nin moito menos o coñecer polo pracer de coñecer. Polo tanto, a reivindicación dunha materia como Xeografía e Historia de Galicia non obedece só a unha demanda académica, senón que está relacionada cunha visión do sistema educativo diferente. Unha praxe que rache coa dinámica neoliberal que está, tamén, empapando o currículo académico esbozado pola Xunta.

Veremos como resolve a Consellería de Educación os contidos finais da materia e se, como por desgraza penso que ocorrerá, a converte nun “caixón de xastre” de contidos demasiado vastos, pero nada concretos. É unha mágoa que os contidos desta materia sexan instrumentalizados desta forma, cando deberan axudar ao alumnado a sentir o mesmo que Adrián Solovio diante do mapa de Domingo Fontán.

Foto de portada: https://unsplash.com/es/fotos/EPY-iW3DfUo

[1] Declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo (26-4-2022). Ver: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/68265/xunta-invertira-8-para-creacion-220-polos-creativos-centros-educativos-gallegos?langId=gl_ES

Máis artigos

Ourense, 1996. Graduado en Historia (2018) e mestrado de Formación de Profesorado (2019) pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente, docente de Xeografia e Historia en educación secundaria e bacharelato. Os meus estudos céntranse na limpeza política levada a cabo polos sublevados durante o Golpe, a Guerra e a Ditadura, en concreto o caso galego. Investigo sobre a didáctica dos xenocidios e o ensino da Historia do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade