Valdepereira: agrarismo e anarquismo no Ribeiro

Mateo Martínez Torres

A pesar de que as relacións do agrarismo co movemento obreiro xa existían antes da ditadura de Primo de Rivera, foi durante a II República cando se «socializou a política» e o asociacionismo agrario se inclinou cara ao socialismo, comunismo e anarquismo. Na pequena aldea de Valdepereira (Ribadavia) constituíuse unha Sociedad de Agricultores de índole anarco-sindicalista no ano 1936. Non era a única agraria de tendencia obreira no Ribeiro: as sociedades socialistas da Veiga, Francelos e Ventosela -entre outras- contaban cunha forte implantación na comarca. Tamén as agrarias de Beiro e Macendo, próximas ao PCE.

Os agrarios anarcosindicalistas negánbase a pagar as rendas da terra nos anos sen colleita, avogaban polaa abolición dos foros e propoñían expropiar as terras públicas en beneficio dos sindicatos campesiños para o seu cultivo colectivo1 . Así, a Confederación Regional Gallega -CRG-, sección galega da CNT, soubo adaptar as teses anarquistas á realidade minifundista galega. Non obstante, a negativa do anarcosindicalismo a teren participado das loitas políticas municipais mermou a súa influencia fronte a un agrarismo socialista que percibía ao concello como unha conquista popular para o campesiñado2 . De feito, era común impedir que os cargos municipais ocupasen un posto nas xuntas directivas anarcosindicalistas, permitíndolles unicamente participar como afiliados3 . Era o caso de Juan Rodríguez Bóveda, concelleiro en Ribadavia e afiliado á agraria anarquista de Valdepereira.

No albor dos anos republicanos, a Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra -FNTT-, sección agraria da UGT, dominaba o asociacionismo obreiro e agrario do Ribeiro. Pola súa banda, a CRG non logrou a súa implantación na comarca ata a primavera do 36. A relativa expansión que o anarquismo acadara en concellos ourensáns vinculados a construcción do ferrocarril viuse interrompida pola represión seguinte a outubro de 1934, e non recuperaría o impulso anterior ata a vitoria electoral da Fronte Popular4 . Así, nunha data descoñecida entre febreiro e maio de 1936 fundouse a Sociedad de Agricultores de Valdepereira. Nunha homenaxe que lle fixeron no ano 2002, José Bóveda Formigo afirma que el, un rapaz chamado Juan Villar e catro ou cinco mozos máis montaron o primeiro sindicato anarquista da comarca. Diversos traballos mencionan a un tal “o Cacheiro”, do cal temos escasa información: a prensa da época unicamente recolle que era xogador do “Ventosela F. C.”5, mentres Dionísio Pereira e Eliseo Fernández afirman que foi asasinado após o golpe do 366 .

A Sociedad de Agricultores de Valdepereira aparece referenciada na prensa anarcosindicalista galega do ano 1936, en concreto, na relación de sindicatos afíns á CRG representados no II Congreso da CNT celebrado en Zaragoza (maio, 1936).

Nese momento contaba con 53 afiliados e compartía área de influencia co Sindicato de Agricultores de San Paio de Ventosela, de tendencia socialista. É moi probable que a fundación da agraria de Valdepereira se producise polo desencanto de parte do campesiñado coa lentitude da reforma agraria e a radicalización do proletariado rural tralos sucesos de Outubro do 34. Así e todo, a Fronte Popular coincide co transvase de poder agrario do socialismo a outras formas de organización comunitaria como o anarquismo ou o comunismo. De feito, a fundación da agraria de Valdepereira coincide coa conformación dun sindicato comunista na pequena aldea de Macendo (Castrelo de Miño)7 . Pese a súa curta duración, a sociedade de Valdepereira amosou unha intensa actividade. Bóveda Formigo afirmaba que, daquela, os xornais eran de 3,5 ptas e 20 horas de traballo, se ben eles reclamaban 5 ptas por 8 horas. Igualmente, a testemuña de Antonio Vidal Iglesias, veciño da Groba (Ribadavia), afirma o seguinte:

«Aos ricos non lles conviña esa sociedade que había en Valdepereira porque puxeran as oito horas para o traballo do campo, de cavar e abrir para abonar as cepas, podar ou rodrigar e repartíanlle o traballo aos xornaleiros para que todos tuveran pan. Pero eles querían xornaleiros contratados doutra maneira que lles traballasen de sol a sol e non querían ese control da sociedade; houbo unha lucha (sic.) grande porque despois, cando querían contratar xornaleiros, tiñan que ir á sociedade e xa non podían collelos por amistade si non estaban asociados. Ises que non estaban asociados no sindicato xa non podían traballar de xornaleiro e tampouco querían porque tiñan que pagar un tanto máis para soster ise sindicato… Aos que organizaran fusiláronos a todos no Movimiento»8

Nesa última mención, Antonio fai referencia á fronte interior construída no Ribeiro coa sublevación militar de xullo de 19369 . Diversos afiliados e directivos da sociedade agraria de Valdepereira foron represaliados despois da sublevación:

Elaboración propia a partir dos datos atopados en: nomesevoces.net, represión.depourense.es, Dionisio PEREIRA e Eliseo FERNÁNDEZ (2003) e Arquivo Municipal de Ribadavia.

O destino dalgúns afiliados da sociedade foi moi dispar. Por un lado, tras participar na resistencia ao golpe militar asaltando a Casa Cuartel da Guardia Civil de Ribadavia, José Bóveda Formigo foi condeado a cadea perpetua no Penal de San Cristóbal (Pamplona). Alí participou do masivo intento de fuga producido o 22 de maio de 1938, pero foi detido e devolto á cadea. Saíu do cárcere a mediados dos anos 40, emigrou a Barcelona e contactou de novo coa CNT da empresa municipal de electricidade, onde traballaba. Tras xubilarse, regresou ao Ribeiro e no ano 2002 foi homenaxeado pola Asociación de Amigos da República de Ourense. Morreu na súa casa de Ventosela o 16 de xullo de 200710 .

Paralelamente, Valentín Lois Sobrino foi asasinado na súa casa en febreiro do 3711 mentres Matías Deaño Nogueiras puido evitar penas maiores grazas á intervención do crego de Ventosela, Francisco Rey. Doutra banda, Benito García Rodríguez, Manuel Rodríguez Fernández e Alfonso Rodríguez Fernández escaparon ao monte e foron declarados “en rebeldía” xunto a outras 21 persoas12 .

Carta de Francisco Rey, párroco de San Paio de Ventosela, ao alcalde de Ribadavia. (07/12/1937). Arquivo Municipal de Ribadavia. Sen clasificar.

Así mesmo, unha carta atopada no Arquivo Municipal de Ribadavia afirma o seguinte sobre o alcalde de barrio de San André de Camporredondo, Avelino Docampo López:

durante el periodo del Frente Popular (estuvo) propagando sus doctrinas y aconsejando en las últimas elecciones que no se votase a los partidos de derechas. Frecuentaba la sociedad anarco-sindicalista que en Valdepereira, de este municipio, había establecida y al advenimiento del Glorioso Movimiento Nacional, si bien no intervino activamente, mostrose hostil al mismo“.

Tamén temos noticia do seu fillo, Sergio Docampo Vázquez:

puso inscripciones en sitios públicos contrarias al Movimiento Nacional, pero por su corta edad -solo cuenta 15 años- no puede responsabilizársele de esta conducta, cabe más bien al ejemplo que veía en su padre13 .

Por último, o concelleiro Juan Rodríguez Bóveda estivo escapado e foi capturado na primavera de 1939. Xunto ao alcalde de Carballeda de Avia e membro activo da Sociedade Agraria Socialista da Veiga, Benigno Gómez Gómez, foi condeado a cadea perpetua no penal de Las Palmas nun consello de guerra realizado en xuño dese mesmo ano12 .

O golpe do 36 desarticulou todo o asociacionismo obreiro da comarca e rematou con esta breve e singular experiencia agraria anarcosindicalista que se viviu nas terras do Ribeiro.

*A foto de portada amosa unha manifestación republicana en Ribadavia no ano 1932. Vida Gallega (20/03/1932), p. 31.

Bibliografía

Miguel CABO VILLAVERDE: O Agrarismo. Edicións A Nosa Terra, Sada, 1998.

Eliseo FERNÁNDEZ e Dionísio PEREIRA: O anarquismo na Galiza (1870-1970): apuntes para unha enciclopedia. Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2004.

Mateo MARTÍNEZ TORRES: “A «fronte interior» na comarca do Ribeiro (1936-1937): un aporte sobre as represalias económicas na vila de Ribadavia”, Mazarelos, 1 (2020), pp. 39-48.

Raúl SOUTELO VÁZQUEZ: “Organización y movilización campesina en el Ribeiro ourensano, 1880-1936”, Minius, 8 (2000), pp. 101-149.

Dionísio PEREIRA: “A C.N.T. no campo galego: (1931-1936), Cuaderno de Estudios Gallegos, 93-94-95 (1980), pp. 245-270.

Dionísio PEREIRA: A CNT na Galicia. 1922-1936. Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1994.

Dionisío PEREIRA e Eliseo FERNÁNDEZ: A represión contra o Movemento Libertario na Galiza durante a Guerra Civil e a posguerra. Acta da ponencia presentada no Congreso da Memoria, “A represión franquista en Galicia”. Narón, 4 a 7 de decembro de 2003, pp. 399-425.

Notas ao pé

  1. Solidaridad Obrera, nº 39 (05/09/1931), p. 2. []
  2. Miguel CABO VILLAVERDE: O Agrarismo. Edicións A Nosa Terra, Sada, 1998, p. 197. []
  3. Dionísio PEREIRA: A CNT na Galicia. 1922-1936. Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1994, p. 144 []
  4. Dionísio PEREIRA: “A C.N.T. no campo galego: (1931-1936), Cuaderno de Estudios Gallegos, 93-94-95 (1980), p. 252. []
  5. El Pueblo Gallego (02/11/1932), p. 7. []
  6. Dionisío PEREIRA e Eliseo FERNÁNDEZ: A represión contra o Movemento Libertario na Galiza durante a Guerra Civil e a posguerra. Acta da ponencia presentada no Congreso da Memoria, “A represión franquista en Galicia”. Narón, 4 a 7 de decembro de 2003, p. 412. []
  7. El Pueblo Gallego (12/03/1936), p. 12. []
  8. Memoria de vida de Antonio Vidal Iglesias. A Groba (Ribadavia). Citado en Raúl SOUTELO VÁZQUEZ: “Organización y movilización campesina en el Ribeiro ourensano, 1880-1936”, Minius, 8 (2000), p. 109. []
  9. Mateo MARTÍNEZ TORRES: “A «fronte interior» na comarca do Ribeiro (1936-1937): un aporte sobre as represalias económicas na vila de Ribadavia”, Mazarelos, 1 (2020), pp. 39-48. []
  10. Eliseo FERNÁNDEZ e Dionísio PEREIRA: O anarquismo na Galiza (1870-1970): apuntes para unha enciclopedia. Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2004, p. 22 []
  11. El Compostelano (20/02/1937), p. 2. []
  12. C-7187. nº 148. Fondo TRRP. Arquivo Histórico Provincial de Ourense [] []
  13. Carta do alcalde de Ribadavia, Tirso Álvarez, ao Xuiz Militar Eventual do Xulgado nº 1 de Ourense. 18/10/1937. Arquivo Municipal de Ribadavia. Sen clasificar []
Máis artigos

Ourense, 1996. Graduado en Historia (2018) e mestrado de Formación de Profesorado (2019) pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente, docente de Xeografia e Historia en educación secundaria e bacharelato. Os meus estudos céntranse na limpeza política levada a cabo polos sublevados durante o Golpe, a Guerra e a Ditadura, en concreto o caso galego. Investigo sobre a didáctica dos xenocidios e o ensino da Historia do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade