O precioso cadro Santa Claus, pintado por William Holbrook Beard en 1862, é unha imaxe que conxura a atmósfera especial do Nadal (fig. 1). Tanto é así que se converteu nunha obra moi popular e foi reproducida a miúdo. O artista pintou unha cidade de noite. Sobre ela flotan espesas nubes negras, propias do mais cru inverno. A maior parte das rúas están xa baleiras, e so quedan algunhas casas coas luces prendidas. As fiestras desprenden a luz dourada dos interiores, mentres que outros fogares aparecen xa apagados cos seus habitantes durmindo. O único que segue activo é o lume das lareiras, disposto para dar calor durante toda a noite ata a mañán seguinte.
As chemineas soltan o escuro fume, que se mestura coas nubes baixas. Neste ambiente tan denso aparecen voando oito corzos. Os animais brincan ledamente entre as nubes, tirando coas súas bridas dunha zorra. Pero esta non é unha zorra de madeira habitual. Está tallada coa forma dun cisne branco, recollendo o elegantísimo porte destas aves cando se deslizan pola auga dos estanques. O pintor consegue trasladar o mesmo efecto no cadro, onde o voo resulta tan lixeiro, grácil e encantador que encaixa co ambiente de glamour concibido dende os relatos da cultura popular europea.
A figura que conduce a zorra é Santa Claus. Trátase dun home pequeno que, observando os buratos das chemineas, deixa caer agasallos: un boneco de madeira pintado, unha pequena trompeta e tamén doces. Debido o frío vai cuberto cunha cálida pel polas pernas. Para levar mellor as baixas temperaturas vai vestido cun abrigo verde escuro e un gorro vermello. A velocidade coa que viaxa fai que o seu rostro, o único que non pode protexer do frío, se vexa engurrado e as súas barbas brancas, axitadas. Mira ben que os agasallos caian ben no ar, cumprindo así coa súa misión en cada unha das casas polas que pasa.
O artista norteamericano inspirouse nos versos de Unha visita de San Nicolás, un poema escrito en 1823 por Clement Clarke Moore. Este escritor coñecía as historias que os cidadáns holandeses trouxeran consigo, e decidiuse trasladar á lírica unha figura habitual nas súas celebracións. Dada a densa poboación europea que habitaba nas novas cidades, nos seus versos este austero, coidadoso e vixiante bispo tomou a forma dun “regordete, ledo vello elfo” que entregaba xoguetes por medio de “unha zorra diminuta e oito pequenos corzos”. No poema di Moore…
Estaba vestido de pel, dende a cabeza ata os pes
e toda a súa roupa estaba manchada de cinza e tisne;
levaba un paquete de xoguetes as costas,
e parecía un vendedor ambulante que acabara de abrir a súa bolsa.
Seus ollos…cómo brillaban! E as súas fochiñas que ledas!
As súas meixelas eran como rosas, o seu nariz como unha cereixa!
A súa boca pequena e divertida debullou un arco,
E a barba no queixo era branca como a neve;
apresou a pipa con forza entre os dentes,
e o fume envolveulle a cabeza como unha coroa;
tiña o rostro ancho e unha barriga pequena e redonda,
que tremeu cando riu, como un prato de xelatina.
O que Beard representou foi unha figura que contaba cunha longuísima tradición na Europa. No continente aparecera a figura de San Nicolás, que como parte do santoral cristiá, estaba identificado co coidado das crianzas e a entrega de xoguetes a partir da súa lenda. Pero San Nicolás non era a única figura asociada a estas accións. En Inglaterra era moi querido Father Christmas (fig. 2), especialmente dende o século XVII. Dentro do lore británico existían festividades a mediados do Inverno que tiñan a súa orixe dende antes da extensión do cristianismo. Logo apareceron festas que, como sucedía no século XV, eran encarnadas na personificación de “Sir Christemas”, un home máxico que levaba consigo a alegría de vivir e a festa os adultos.
No norte de Europa pese a prohibición das antigas relixións, a figura de Odín (fig. 3) estaba moi presente e de feito o seu aspecto -observador dende os ceos, dispensador de bens e un home ancián, de barbas brancas- trasladouse a San Nicolás. A festividade deste patrón sintetizou estas figuras, converténdose nun tempo onde os agasallos para todos, o disfrute de comidas, froitos e doces de invernía e o tempo de lecer era sinalado (fig. 4). Isto, aínda que en menor medida, continuou durante o século XVIII, sendo cada vez mais habitual dar agasallos as crianzas (fig. 5). Isto tivo o seu paralelismo con tradicións como a galega, onde O Apalpador ofrecía de castañas aos meniños que máis precisaran de alimentarse. Pero a maior valoración destes personaxes foi a partir do século XIX.
Na cultura británica Sir Christemas reapareceu como a viva encarnación da Merry England. Así adquiriu as dimensións de figuras antigas que estaban ligadas a capacidade de multiplicar a abundancia sen fin. Así o “Vello Pai Christmas” tomou a figura dun home ancián, vestido cunha túnica branca e longas barbas, que ía coa cabeza cuberta do céltico visgo e un pote onde conxuraba verbas para xerar todas clase de bens. Ía, ademais, viaxando sobre as casas montado nunha cabuxa que podía voar (fig. 6). Este aspecto quedou fixado e co tempo lle foi engadido xoguetes (fig. 7). Foi isto o que, a mediados dese século, quedou consagrado para o que foi Santa Claus en Norteamérica.
O cadro de Beard traslada esta figura á época industrial, mantendo a súa maxia intacta. O fin é o cabo, a verba glamour procede do escocés antigo grammar. Fora usada por Walter Scott no Canto do derradeiro trobador (1805) e empregouna como un feitizo que facía ver o esplendor dunha realidade oculta. Esta luminosidade mantívose co paso dos anos, quedando retratada de mans como as Tolkien (fig. 8). As súas imaxes transmiten o mesmo espírito que animara o cadro de Beard. Desexando bos desexos dicía o vello elfo o remate do poema de More: “Feliz Nadal a todos e boas noites a todos”.
2 comentarios en ““Un regordete, vello e ledo elfo”: Santa Claus”
Precioso e informativo artigo. Moi acaído nestas datas. Pasarémolo para felicitar as festas. Bo Nadal.
Fascinante. Un pracer o poder ler cales son os fíos conductores de persoaxes e obras ao longo da historia. E poder ler ademáis dunha maneira tan amena. Gracias, e Noraboa!