Tramo e pitillos: Fo Records na escena trap galega

Marina González

Fo records nace en 2019 en Negreira como proposta colectiva formada por cinco integrantes: Puto Rumeinian (Bogdan Anestiadi), Og Coulomb (Suso Suárez Domínguez), Goodboy xd (Raúl Rey Rial), Camel Blando (Álvaro Alvite Peillet) e Pedro (Pedro Costa Manteiga). O seu debut tivo lugar coa mixtape O club do pitillo, composta por 14 temas que incluén colaboracións con artistas alleos ao colectivo. Cando lles preguntamos pola orixe do colectivo, nos responden que “a proposta non é a dun grupo, nós funcionamos como colectivo, hai quen fai beats, quen fai vídeos e quen rapea, sacamos o noso primeiro disco xuntos e hai temas con colaboración entre nós pero temos proxectos individuais”. Hoxe falamos con tres dos seus integrantes sobre a escena do trap en galego, a importancia do humor e a ruptura dos estereotipos.

  • Funcionando como colectivo, cal considerades que é o denominador común no voso estilo que agrupa dende temas de drill ata un trap máis melódico e incluso algún tema de reggaetón?

Goodboy xd: O tramo e o pitillo.

Camel Blando: Si, dalgunha maneira buscamos os elementos máis ou menos representativos da mocidade dun sitio como pode ser Negreira, falamos de fumar pitillos ou de collerlle o coche a túa nai e andar por aí, e os levamos ao meme, á acentuación extrema dos rasgos dunha personalidade.

  • Estos temas que atopamos nas vosas canción se reflicten tamén visualmente en redes e nos vosos videoclips, como definiriades a vosa estética?

Camel Blando: Eu son bastante responsable da estética porque me encargo dos videoclips e o que buscamos é utilizar estes elementos como é o tramo, que estéticamente son moi potentes, e tirar un pouco cara o feísmo e o hortera. Nós somos bastante underground, nótase que o facemos nós mesmos,  pero para min iso é un valor engadido, tamén temos bastante presencia en redes e traballamos moito detrás da construcción desa estética.

  • Que tal se recibiu en Negreira este autorretrato do local dende o costumismo e dende o humor? 

Gooddboy xd: Nós falamos de xente real, falamos de Olimpio vendendo pitillo e el igual non o sabe, pero lugares que todos coñecemos e aos que imos habitualmente como O Vila pois leváronno moi ben, alí traballa un de nós, Og Coulomb, e están encantados.

Puto Rumeinian: Tivemos este verán o noso primeiro directo, e había bastante público, tamén da algo de vergoña porque nós ao final temos un discurso bastante explícito e no público hai xente que nos coñece, pero tivemos moito apoio.

  • Seguindo na liña da vosa estética, a figura do trapeiro está moi masculinizada, moitas veces hai elementos como a cultura do flexing ou o contido sexual moi explícito que poden ser problemáticos, como concebides vós esta figura sendo homes novos dentro dunha escena bastante periférica?

Camel Blando: O rap dende sempre é un xénero moi competitivo, e co trap pasa un pouco o mesmo, ao final hai un ego trip que está presente nos temas de trap dende Travis Scott ata nós, este discurso de “eu son o pavo con máis swag” , vai un pouco co xénero e cos referentes. Hai voces femininas que teñen o mesmo discurso e iso é positivo porque destrúe esta idea de que o trap é un xénero masculino.

Goodboy xd: Nós non temos cartos, pero se hai que presumir, presúmese. Eu creo que o humor é moi importante no trap, permite vender esa imaxe que moitas veces non é real, da moitas posibilidades.

  • Xa que falamos da escena local, considerades que existe en Galicia unha escena propia independente do resto da península?

Puto Rumeinian: Nós temos unha escena propia, hai un son autóctono e un imaxinario colectivo que en España non comparten, está o imaxinario do narcotráfico nos temas de Sad Damn Hosse Lean ou no Portughés ou temas como Leiraz de Boyanka pero tamén saímos dese estereotipo que hai sobre Galicia, hai moita variedade.

  • Botades algo en falta nesta escena?

Puto Rumeinian: Eu boto en falta máis proxectos que den diversidade, tamén máis mulleres, está por exemplo Sleepy spice que ten un estilo bastante diferente do noso, pero botamos en falta máis voces femininas.

Camel Blando: Eu téñoo súper claro nese sentido, boto en falta mulleres que teñan un estilo máis duro, un discurso que se achegue maís ao ego trip, que aquí segue asociado aos homes, pero está por exemplo Cardi B a nivel internacional que ten esa actitude e rompe con esa idea de que só os homes teñen este tipo de discursos. Eu quero que igual que eu digo “gharda esas tetas, ensíname a herencia” unha muller ocupe esa posición de empoderamento. 

  • Últimamente falamos moito do final do trap, como credes que se pode adaptar a nosa escena aos cambios que se prevén na industria musical?

Puto Rumeinian: Nós entendemos o cambio de estilos como algo gradual, que se percibe tempo despois, non nos preocupa o cambio de tendencias porque nós facemos o que nos gusta, imos cambiando e consideramos que esta evolución é positiva.

Camel Blando: Falta un puco de profesionalización, nós temos unha actitude bastante indie nese sentido, pero fan falta referentes que estén asentados para que xurdan novos proxectos. Nós, por exemplo, empezamos a ver que se podía facer trap en galego a partir de escoitar Codeína, de Boyanka Kostova en 2017, foron un referente moi importante. Tamén faltan referentes femininos, e por iso tamén o trap ten moitas veces un público moi masculino, falta dar ese paso na escena.

  • A que proxectos credes que temos que estar atentas este novo curso?

Goodboy xd: Pois está por exemplo O portughés que acaba de sacar unha mixtape na que temos unha colaboración, que representaría un pouco o trap que se fai nas Rías Baixas.

Camel Blando: Tamén Nuno de Grande Amore, que non fai trap pero para nós é trap, está na escena, e vai sacar un disco ao que hai que estar atentas porque é unha marabilla, vai ser o disco do ano.

  • E por último, que proxectos tendes vós para os vindeiros meses?

Puto Rumeinian: Eu teño varios temas, con colaboración con outros membros de Fo, e vou sacar unha mixtape con eles que ten algún tema de drill, un tema máis soft e pode que algún tema de reggaetón.

Goodboy xd: Eu vou sacar temas soltos próximamente pola miña conta, pero polo de agora non vou sacar unha mixtape como tal.

Camel Blando: Eu saquei un tema este verán, Lume, e tivo moi boa acollida, a idea é sacar agora unha mixtape con colaboracións con outros artistas, as que teño polo de agora  gústanme moito pero é un proxecto no que todavía estou traballando.

Máis artigos

Ferrol, 1997. Estudante de Filoloxía Hispánica, minor na área de Teoría literaria. Interese no ámbito da socioloxía, especialmente no campo do feminismo e as escrituras dende o corpo. Actualmente en Compostela.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade