Romanía: terra de bárbaros, ciganos e cans de rúa

Francamente, existe un país con tal homoxeneidade?
A imaxe de Romanía no exterior viuse damnificada ao longo do tempo por prexuízos que alimentan a discriminación, unha preocupación perceptible nos romaneses.

É certo que os cans de rúa supuxeron un problema no pasado. En tempos da ditadura comunista de Nicolae Ceaușescu, moitas familias foron desaloxadas das súas casas e obrigadas a mudarse a bloques de apartamentos; demoléronse barrios e aldeas enteiras a causa do plan urbanístico do ditador. Os animais de compañía non estaban permitidos, polo que moitos cans foron abandonados. A raíz diso, formáronse mandas na rúa e rexistráronse ataques a persoas.

Nos últimos anos, o goberno buscou solucións, aínda que algunhas medidas levantaron gran controversia entre a poboación, pois permitíase a captura e sacrificio dos animais. Por outro lado, xurdiron excelentes iniciativas por parte de colectivos e persoas individuais para protexer os cans e tratar de resolver o problema.

É certo tamén que, segundo datos do Consello de Europa, un 8’32% da poboación total de Romanía é cigana, unha porcentaxe maior á doutros países de Europa. Cómpre comentar que a situación de exclusión socioeconómica na que se encontran os ciganos romaneses, neste país, é equiparable á de España.

Os prexuízos adoitan ter unha base real, mais dan unha visión distorsionada e exaxerada da realidade. A imaxe que se proxecta de Romanía non debería ser difícil de restaurar nunha sociedade que conta, cada vez, con máis acceso á información e oportunidade de viaxar.

Estación de tren de Timisoara. Fonte: fotografía de InfoTimisoara en Pixabay

Unha aproximación a Romanía
Romanía pertence á Unión Europea desde o 2007, feito do que os romaneses están moi orgullosos. A súa adhesión supuxo unha apertura ao mundo e unha mellora significativa na modernización do país, que conta cun amplo patrimonio histórico e natural cada vez máis popular entre os viaxeiros mochileros.

Ten unha rede ferroviaria extensa. Os trens, de segunda ou terceira man, nos que aínda se poden ver escritos en italiano, francés ou alemán, son lentos e teñen parada en cada pobo –a calma é imprescindible para coñecer este país de Europa do Leste–, mais son económicos e permiten desfrutar das paisaxes verdes e montañosas.

A infraestrutura das estradas, aínda que a un ritmo lento, estase a desenvolver, mais o feito de contar con poucas autoestradas fai que o autostop sexa unha forma corrente de moverse no país. Os romaneses son hospitalarios e teñen curiosidade polos estranxeiros, así que están encantadas de parar ante un cartel co nome dunha cidade. Alén diso, existen particulares que se dedican a transportar xente dun sitio a outro, unha especie de BlaBlaCar romanés. Para utilizalo, abonda con preguntar na rúa polos puntos de recollida.

Nas estradas é habitual cruzarse con carros de vacas e de cabalos; señoras anciáns, co pano anoado á cabeza e paxe en man, facendo dedo; e atoparse con postos de froita, mel, verduras ou viño, á porta das casas dos campesiños, nos que paga a pena facer unha parada: os produtos son moi bos e os prezos económicos.

Este xeito de moverse en Romanía permite ao viaxeiro achegarse á cultura do país, porque un galego, desde que chega, pode comprender a lingua minimamente e comunicarse. O romanés ten orixe no latín, e soa a catalán, italiano e francés. Ademais, é frecuente encontrar xente que fale español grazas ás telenovelas. Romanía é un destino atractivo para os máis aventureiros.

Algúns lugares para coñecer
Romanía é terra de castelos con misteriosas paisaxes, lendas e extravagantes construcións comunistas. Un dos lugares con máis sona, sen dúbida, é o Castelo de Drácula. En días de néboa, traslada ao visitante á novela de Bram Stoker, pola que sobre todo é coñecido, a pesar de que o escritor irlandés disque nunca puxo un pé en Romanía. Inspirouse no príncipe de Valaquia do século XV, Vlad III, alcumado Vlad Țepeș –significa Vlad O Empalador–, pola súa crueldade: o empalamento era a súa práctica favorita contra os seus inimigos. Porén, o nome de Drácula xurdiu do pai, Vlad II, coñecido como Vlad Drăculea, mais non se sabe sequera se chegou a pisar o castelo, de nome real Castelo de Bran: unha cidade pequena dos Cárpatos. O único que se sabe é que Vlad III naceu en Sighișoara (Transilvania), cuxo centro medieval foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.Preto desta rexión, encóntrase o Castelo de Peleș, en Sinaia, un dos máis coñecidos despois do Castelo de Bran.

Son tamén de interese, na rexión de Transilvania, as cidades de Brașov e Sibiu, esta última con casiñas que observan aos transeúntes cando a visitan; ou a impresionante estrada de Transfăgărășan que atravesa os Montes Cárpatos, construída nos anos setenta por orden de Ceaușescu –obra na que morreu moita xente–, por temor a unha posible invasión da Unión Soviética e, no caso, facilitar o acceso entre as montañas ás súas tropas.

Na capital, cómpre destacar outra das tolerías do ditador: a construción do Palacio do Parlamento, coñecido como «A Casa do Pobo», o edificio civil administrativo máis grande do mundo. Bucarest é a cidade das marañas de cables de luz e dos grandes bulevares e bloques, construídos a costa dos derrubamentos masivos. Un dato curioso é que, grazas ao enxeñeiro Eugeniu Iordachescu –a pesar de non ser relixioso–, salváronse moitas igrexas mediante un sistema ideado por el mesmo: movíanse de lugar en soportes sobre raís.

Parlamento de Bucarest, 2015. Autoría propia

Un dos legados da natureza a salientar é o Delta do Danubio –o segundo río máis longo de Europa, que desemboca no Mar Negro–, Reserva da Biosfera e dos mellores conservados de Europa, onde se desfruta de natureza en estado puro. A tranquilidade dos seus pantanos e xunqueiras é refuxio de máis de 300 especies de aves e 45 peces de auga doce. Ao sur, á beira do Mar Negro, pódense visitar Constanza e Vama Veche.

Ao norte do país, na fronteira con Ucraína, está o cemiterio máis feliz do mundo: o Cemiterio de Săpânța, cheo de sepulturas de cores. Nelas, hai debuxos das persoas enterradas –moitos relacionados coa profesión que desempeñaban–, cunha inscrición debaixo que fala da súa vida, conta unha anécdota ou algún chiste. Ata alí, acostuman achegarse señoras maiores ofrecendo aloxamento a cambio dun donativo: unha experiencia auténtica.

Esta é a imaxe sorprendente que Romanía ofrece ao viaxeiro, un país salpicado de prexuízos, e estigmatizado, que ten un encanto histórico e natural que vos convidamos a descubrir.

Bibliografía
José Alejandro ADAMUZ: “Transfăgărășan, la carretera más bonita del mundo”, National Geographic, (2019). Dispoñible en: https://viajes.nationalgeographic.com.es/lifestyle/transfagarasan-carreteras-mas-bonita-rumania_14012 (Consultado o 2/09/2021).
Alameda ALMUDENA: “La situación de los perros sin hogar en Rumanía es escalofriante”, elDiario (4/06/2019). Dispoñible en: https://www.eldiario.es/caballodenietzsche/situacion-perros-rumania-escalofriante_132_1521520.html (Consultado o 2/09/2021).
COMISIÓN EUROPEA: “Un marco europeo de estrategias nacionales de inclusión de los gitanos hasta 2020”. Comunicación de la comisión al parlamento europeo, al consejo, al comité económico y social y al comité de las regiones (5/04/2011), Bruselas. Dispoñible en: https://eur-lex.europa.eu/LexUriServ/LexUriServ.do?uri=COM:2011:0173:FIN:ES:PDF (Consultado o 2/09/2021).
Kit GUILLET: “Eugeniu Iordachescu, Who Saved Bucharest’s Churches, Dies at 89”, The New York Times (11/01/2019). Dispoñible en: https://www.nytimes.com/2019/01/11/obituaries/eugeniu-iordachescu-dead.html (Consultado o 2/09/2021).
INTERRAIL: “Trenes en Rumanía”. Dispoñible en: https://www.interrail.eu/es/plan-your-trip/trains-europe/trains-country/trains-romania (Consultado o 2/09/2021).
ISEP: “¿Cómo nacen los prejuicios”. Dispoñible en: https://www.isep.es/actualidad/como-nacen-los-prejuicios/ (Consultado o 2/09/2021).
UNESCO: “Delta del Danubio”. Dispoñible en: https://whc.unesco.org/es/list/588# (Consultado o 2/09/2021).
Covadonga VALDALISO: “Vlad Tepes el Empalador, el Drácula histórico”, National Geographic, (2020). Dispoñible en: https://historia.nationalgeographic.com.es/a/vlad-tepes-empalador-dracula-historico_11548 (Consultado o 2/09/2021).

Máis artigos

O Barqueiro, 1991. Graduada en español: Estudos lingüísticos Literarios pola Universidade da Coruña, cun curso Erasmus en Hungría e un Sicue en Sevilla. Cursou o mestrado en Ensino do español como Lingua estranxeira na Universidade de Barcelona. Traballou como profesora de español en países como Hungría e China, e estivo dez meses nun proxecto de voluntariado en Romanía. Recentemente, foi lectora de español na Universidade de Lisboa.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade