Unha crónica da presentación da Revista Mazarelos.

Nair M. García

Mazarelos, “o arco? a praza?”[1]. Mazarelos; un proxecto de divulgación con espírito xuvenil, o primeiro paso dunha recente xeración de alumnado do Grao en Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), con colaboracións de disciplinas próximas. Presentouse a súa andadura o pasado 16 de xaneiro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, sita na praza homónima compostelá. Mateo Martínez, Miguel Rodríguez e Roque Sanfiz lideran este proxecto, con intención colectiva dende as súas primeiras liñas, e, como manifestou Miguel Rodríguez, co interese de chegar a “un público amplo e diverso”. Co gallo do seu primeiro ano en rede, aproveitaron o acto para poñer voz ás súas ideas e achegarnos o primeiro número en papel, acadado co apoio dun mecenado iniciado uns 6 meses atrás.

O estudante Miguel Rodríguez representou ao grupo editor e liderou o diálogo de presentación, entrevistando a diversas autoridades vinculadas tanto á USC coma ao goberno autonómico. O novo historiador insistiu na intención comunitaria do proxecto, así coma no interese por dinamizar e divulgar tanto a Historia como as disciplinas compañeiras de xeito sinxelo e transparente, para que cadaquén poida achegarse ao tratamento rigoroso da realidade que nos rodea, presente e pasada. O paso ao papel é a evidencia do interese que o público trasladou ás mans destes historiadores, polo que a subscrición á publicación, que pode facerse directamente dende o seu sitio en rede «http://subscribete.mazarelos.gal», é a mellor forma de afoutar un proxecto que promete ir máis aló no campo.

Presentación da Revista Mazarelos (16-01-20). Fotografía: Ana Sánchez Taboada.

Tivo a palabra en primeiro lugar o actual Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, licenciado en filoloxía galego-portuguesa pola USC, quen confesou o seu compromiso total cun proxecto no que tivo grandes expectativas dende o primeiro momento, do que destacou o seu compromiso á nosa lingua, e cuxa vinculación coa cultura chama a abandeirar o que aventurou a bautizar como “Xeración Mazarelos”.

A segunda pregunta deu paso ás palabras de Ana Suárez Piñeiro, doutora e actual profesora na especialidade de Historia Antiga pola USC, investigadora da Roma tardo-republicana e da historia galaico-romana, e directora da revista Sémata: ciencias sociais e humanidades. Ana Suárez ve neste grupo un “proxecto diferente e, ademais, tremendamente necesario” na divulgación, espazo “esquecido” nas agonizantes humanidades que Mazarelos está buscando ocupar. Alén dos seus parabéns, a convidada destacou a “capacidade de reunión de diversas autoridades”, posto que o acto reuniu tanto persoal político, o mencionado Secretario de Política Lingüística, como representantes da universidade: a propia convidada, directora da citada publicación e secretaria do Departamento de Historia da USC; o seguinte participante, Lourenzo Fernández Prieto, director do grupo de investigación Histagra, do Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, e da Cátedra Juana de Vega da USC; e Francisco Durán Villa, asistente como público, doutor e profesor de Xeografía na USC, así como decano da facultade nai deste grupo de alumnos.

En último lugar tomou a palabra o xa mencionado Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea e profesor de dita área na mesma universidade, quen destacou a importancia de materializar o proxecto Mazarelos para facer visibles as xeracións que pasan pola facultade e non deixar no esquecemento a “capacidade de creación” destas novas voces. Para o catedrático, o “entusiasmo, a crenza e a profesionalidade” pódense ver neste traballo, motivos polos que ve claro o interese das novas investigacións de Ciencias Sociais para publicar en Mazarelos, ademais da propia “vontade de traducir o pasado para entender o presente” que reside en cada profesional.

Presentación da Revista Mazarelos (16-01-20). Fotografía: Ana Sánchez Taboada.

O acto concluíu co recoñecemento de Miguel Rodríguez, en representación dos tres editores, á colaboración das persoas que até o momento teñen publicado nese “monte en mancomún” que crearon en rede[2], xa que isto foi xermolo do que agora ve a luz no primeiro número da revista en papel. Nesta primeira publicación reuniron traballos dos tres compañeiros editores, ademais de propostas en diversas áreas de Brais Ferreiro, Sara Penide, Carlos Quivén, Clara Reigosa, Lucas Sánchez e Lucía Veciño. Todas estas aportacións articúlanse ao longo de tres apartados na revista: “O persoeiro”, “Historia” e “Arte”. A sección de “A invitada” da revista, conta coa participación de Zira Box Varela, licenciada en Socioloxía e doutora en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, actual profesora no Departamento de Socioloxía e Antropoloxía Social na Universidade de Valencia, quen centrou a súa investigación na construción simbólica do franquismo e a identidade nacional española contemporánea e a súa vinculación co xénero. A investigadora presenta no artigo a conversa entre a Socioloxía e a Historia, apuntando ao enriquecemento da segunda pola mirada da primeira, propoñendo “tres grandes liñas de análise (…) que poden resultar útiles dende o diálogo transdisciplinar”[3]. O número péchase co espazo para o “Encontro”, unha entrevista aos investigadores Miguel Anxo Seixas Seoane e o xa presentado Lourenzo Fernández Prieto, que veñen de traballar na figura de Castelao cunha serie de publicacións sobre o traballo e o “carácter caleidoscópico” deste ilustre galego[4], é o resultado dun traballo de tese de Miguel Anxo Seixas narrado para saír da universidade e “transcender á cidadanía galega”[5].

Mazarelos é un primeiro paso que responde a unha continuada necesidade social de Historia e humanidades, responde ás necesidades intelectuais máis actuais, e agora tamén achégase en novas formas materiais ao convivir a súa versión electrónica coa física. A promesa de novas actividades e novas propostas por parte do grupo de historiadores son unha suculenta invitación para abesullar esta nova comunidade.

As próximas presentacións terán lugar este xoves 6 na Fundaçom Artabria, en Ferrol; o sábado 15 no Museo Etnolóxico, en Ribadavia e o 5 de marzo na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña.

[1] MAZARELOS, “Editorial”, en Mazarelos (1). Asociación Mazarelos: Santiago de Compostela, p. 3.

[2] MAZARELOS, “Editorial”, en Mazarelos (1). Asociación Mazarelos: Santiago de Compostela, p. 3.

[3] Zira BOX VARELA(2020), “Trens que se cruzan na noite ou o Xano bifronte? Sobre o diálogo entre a Historia e a Socioloxía”. Mazarelos (1), p. 8.

[4]Lourenzo FERNÁNDEZ PRIETO(2020, xaneiro) “Entrevista. Miguel Anxo Seixas Seoane. Lourenzo Fernández Prieto”, en Mazarelos (1), p. 82.

[5] Miguel Anxo SEIXAS SEOANE (2020, xaneiro) “Entrevista. Miguel Anxo Seixas Seoane. Lourenzo Fernández Prieto, en Mazarelos (1), p. 80.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade

Relacionados