O xenocidio polaco da OUN-UPA en Volinia e Galitzia

Juan López

Cando o exército alemán recuaba cara Berlín trala batalla de Stalingrado un sector da OUN (Organización de Nacionalistas Ucraínos) desvinculouse completamente dos nazis para desenvolver unha nova estratexia que permitise a creación do seu anelado estado étnico ucraíno.

Coa mente posta no obxectivo independentista, a OUN-Bandera liderada por Mykola Lebed e Roman Shujévych creou a UPA (Exército Insurxente Ucraíno) en marzo de 1943. A organización extremista pensaba que tralo final da Segunda Guerra Mundial tanto o exército nazi como o vermello acabarían esgotados e sen forzas para impoñerse nos territorios que eles reclamaban, convertendo a Polonia no verdadeiro obstáculo e inimigo real que impediría o seu obxectivo, xa que tiña terreos que tamén formaban parte dos plans da OUN. Isto fixo concentrar tódolos esforzos da organización fascista no exterminio da poboación polaca neses territorios1 .

O xenocidio polaco produciuse na rexión de Volinia, territorio onde a OUN foi moi influínte no período de entreguerras. No verán de 1943 conseguiron ser a forza dominante no distrito de Volinia debido a súa capacidade de recrutamento, chegando a reunir a 20.000 soldados2 .

Mapa da Rexións de Volinia. Fonte: Wikipedia Commons

O conflito UPA-Polonia en Volinia tivo o seu pico de violencia entre marzo e decembro de 1943. Especialmente o 11 de xullo, e durante toda a madrugada, a UPA atacou 167 localidades arrasando a meirande parte delas coa súa correspondente poboación. A relixión  xogou un papel significativo: os polacos católicos celebraban o Nadal nunha data anterior aos ucraínos, de rito oriental. A UPA empregou esta distinción para facer diferenciacións étnicas, queimando aos polacos nas igrexas e asasinando a todo aquel que intentase escapar3 .

Ante os asasinatos da súa poboación civil, o Exército Interior Polaco pronunciouse a favor da  independencia de Ucraína nos territorios volinianos. Non obstante a UPA tomou este posicionamento como garantía de que o xenocidio e o rexeite ao diálogo eran  o camiño para conquistar os territorios polacos que querían4 . Con todo, na  rexión de Volinia o brazo armado da OUN matou entre uns 40.000 e 70.000 civís polacos. O conflito estendeuse ate a rexión de Galitzia, zona na que había unha preponderancia demográfica aínda máis polaca debido a súa ubicación máis occidental. Nesta rexión, a estratexia da UPA foi dar a opción de partir aos polacos antes de matalos, non como en Volinia que actuaban sen previo aviso. Malia isto, a organización terrorista matou a uns 25.000 civís polacos incluíndo mulleres e nenos5 . O acontecido tamén se conta como un episodio menor do Holocausto debido a que os sobreviventes hebreos que escaparon dos nazis escondéranse mesturándose entre o campesiñado polaco6 .

En total, estímase que a organización terrorista OUN-UPA asasinou entre uns 70.000 e 80.000 civís polacos nas zonas de Galitzia e Volinia ata a chegada do Exército Vermello.

*Foto de portada: Monumento en Breslavia as vítimas polacas Autor Stanislaw Kosiedowski. Fonte: Wikimediacommons.

Bibliografía

Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003.

Notas ao pé

  1. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003, p. 165. []
  2. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 169-179 []
  3. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…,  p. 169-170. []
  4. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 190. []
  5. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nation…, p. 176. []
  6. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 169-170. []
Máis artigos

Augapesada, (Ames) 1995. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de
Compostela cunha estancia dun curso académico na Universidade Jagielloński en
Cracovia, Polonia. Cursei un máster de profesorado na especialidade de
Xeografía e Historia e actualmente prepara as oposicións para a mesma plaza. Os meus intereses están vencellados
á Historia do século XX, especialmente no centro-leste de Europa, e á evolución e
desenvolvemento dos distintos movementos político-sociais.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade

Relacionados