O viño do Ribeiro: o sangue do Pobo.

Lúcas Sánchez Taboada

O viño do Ribeiro foi de enorme importancia para a economía de Galicia. Hai moitas dúbidas con respecto ao inicio da produción do viño. A. Huetz de Lemps afirma que os documentos dos séculos IX e X mostran con claridade a existencia de viñedos na maior parte das grandes rexións vitícolas actuais[1]. Os monxes de San Clodio posuíron  viñedos dende o século X, e a Historia Compostelana ofrece un testemuño de venerable antigüidade cando, no decreto de prezos de 1133, menciona o bo viño castelán, é dicir, o procedente da Castela ourensá, que se situaba xustamente nos Ribeiros do Avia e Miño[2]. Para a súa comercialización, o viño levábase a cabalo, en odres polos arrieiros (fig. 1), ata Ourense, Santiago, Tui ou Pontevedra, centros de consumo pero tamén de redistribución, sendo o de Pontevedra o principal porto (fig. 2) para o seu transporte marítimo, seguido dos de Vigo, Baiona e A Coruña. Dende estes portos, ía en dirección ao golfo de Biscaia, chegando á Bretaña, Flandres, e principalmente, Inglaterra[3]. Os viños da comarca tamén navegaron en barcos que levaron os primeiros colonos a América[4].

O camiño polo que se conducía o viño dende Ribadavia a Santiago de Compostela era o chamado camiño “Vreeiro” (fig. 3). Este camiño atravesa en sentido sur-norte as comarcas do Ribeiro, O Carballiño, Terra de Montes, Tabeirós e Santiago. Cruza os ríos Lérez, Umia e Ulla polas pontes de Parada (Cercedo), San Amaro (Forcarei) e Sarandón (A Estrada-Vedra) respectivamente.

O descubrimento da tumba do apóstolo, foi sen dúbida o pulo da comercialización do viño do Ribeiro. A cidade transformouse daquela nun punto estratéxico para o comercio. Os numerosos peregrinos que chegaban á cidade ían xerar unha actividade de compra, intercambio e venta inaudita ata entón. Santiago converteuse no principal mercado do viño do Ribeiro. Os reis comezaron a darlle á igrexa de Santiago viñedos e terras no Ribeiro.

Os comerciantes de Santiago viñan con frecuencia a Ribadavia, pero non só comerciantes, tamén a igrexa de Santiago e os conventos asentados na cidade do apóstolo vendían o viño procedente das súas granxas monásticas asentadas no Ribeiro.

O viño do Ribeiro entraba pola porta de Mazarelos, a única porta da antiga muralla que se conserva. Porén, é moi complicado chegar a cifras xa que por esta porta entraba tamén o viño do Ulla e é probable que algunha xente intentara pasar este viño por viño do Ribeiro. O códice Calixtino (fig. 4) xa recollía a entrada de viño pola porta de Mazarelos[5].

A mediados do século XII, os cistercienses dan un impulso definitivo á actividade vinícola, ao renunciar á gandería e dedicar as súas terras case en exclusiva ao cultivo da vide. O Císter introduce ademais técnicas de cultivo máis modernas e un sistema de produción racionalizado, do que son mostra as numerosas granxas (fig. 5-6) que constrúen os vales do Miño, Sil e Arnoia[6].

Non só as comunidades monásticas mostran interese pola produción vinícola, tamén os cabidos catedralicios e os señores feudais. Desta forma, O Ribeiro convértese na Idade Media nunha zona de gran interese para os distintos estamentos de poder, que adquiren señoríos nesta zona[7]. No ámbito relixioso (fig. 7) podemos citar os mosteiros de San Clodio, Melón, Sobrado, Oseira, Carboeiro, Acibeiro, Toxosoutos, San Martiño Pinario, San Paio de Antealtares e Celanova, así como os cabidos catedralicios de Ourense, Santiago e Tui. No civil destacan as posesións do Conde de Ribadavia[8].

Polo tanto, a importancia do viño espertou moitos intereses en mosteiros, catedrais e ordes militares (fig. 8)[9]. Un atento estudo dos foros, no que respecta ao período de máximo arrendamento de leiras, permite inferir que foi no último terzo do século XV o momento de maior expansión do viñedo. O seu cultivo representou un elemento decisivo na diversificación e transformación da paisaxe agraria en ditas comarcas, ademais de converterse no principal produto do seu desenvolvemento económico e peza clave das relacións comerciais que mantiveron algunhas das encomendas hospitalarias[10].

O afianzamento da Idade Moderna traerá consigo novos cambios e novos axustes para a comarca do Ribeiro, nun momento no que o comercio do viño continuará gozando de gran prosperidade[11]. Todos os autores consultados fan fincapé en que no século XVIII se produce unha crise no viño do Ribeiro, da cal discrepo. Estes autores refúxianse no feito de que a comunidade eclesiástica ten menos produción, pero non se decatan de que estamos a falar dun século no que se produce o auxe dos pazos, contando no Ribeiro con moitos exemplos, polo que a produción de viño se estaría dividindo pero non entrando en declive. Outra razón para crer que non existiu esta crise son as múltiples manifestacións artísticas que se producen neste momento na arquitectura ribeirá[12]. Se ben é certo que os prezos do viño decaeron nesta época, isto non impediu que a zona seguira contando cunha gran prosperidade económica, que comezou a decaer no século XX.

Na actualidade a paisaxe segue a modificarse. En definitiva, se hai algo que une a todo este territorio, é o cultivo da vide, que se ve reflectido nos viñedos, construcións e as características das xentes que o configuran.

Notas ao pé

[1] A. Huetz de Lemps, Vignobles et vins du nord-ouest de l´Espagne, t. I, Burdeos, 1967, p. 205.

[2] Mª C. Pallares; E. Portela, “O Ribeiro. Historia. Idade Media, en X. C. Sierra Rodríguez (coord.), O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, Mirabel, Vilagarcía de Arousa, 2001, pp. 82-84.

[3] A. Huetz de Lemps, Vignobles et vins du Nord-Ouest de l’Espagne, Presses Universitaires de Bordeaux, Burdeos, 1967, p. 216.

[4] J. M. Orriols, “Cristóbal Colón llevó Ribeiro en su primer viaje a América”, Sa Voz de Galicia, 1 de setembro do 2014, consultado o 13 de marzo de 2019, en <https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2014/08/31/cristobal-colon-llevo-ribeiro-primer-viaje-america/0003_201408SU31P2991.htm>.

[5] M. C. Pallares, “Idade Media. O Ribeiro. Historia”, en X. C. Sierra Rodríguez (coord.), O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, Mirabel, 2001 pp. 108-109.

[6] F. Singul, Vino y cultura medieval: Galicia y los caminos de Santiago, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, p. 19.

[7] Mª C. Pallares; E. Portela, “O Ribeiro. Historia. Idade Media, en X. C. Sierra Rodríguez (coord.), O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, Mirabel, Vilagarcía de Arousa, 2001, p.

[8] X. L. Sobrado Pérez, “O Medievo no Ribeiro”, Ourense Siglo XXI, 5 (23), p. 63.

[9] F. J. Pérez Rodríguez, “Vino y monasterios en el Ribeiro de Avia Medieval”, Diversarum Rerum, n. 10, Universidade de Vigo, Ourense, 2015, p. 210.

[10] A. Arcaz Pozo, “La explotación vitícola como rasgo específico en las encomiendas hospitalarias gallegas durante la Edad Media”, La Orden de San Juan entre el Mediterráneo y La Mancha, II Congreso Internacional de historia de la Orden Militar de San Juan, Universidad de Castilla-La Mancha, Alcázar de San Juan, 2002, p. 137.

[11] D. Chao Castro, La Villa de Ribadavia: el medio y su arte en la Edad Media, Tese de doutoramento, dirixida por M. Núñez, vol. I, 1999.p. 24.

[12] Véxanse as restauración de Santo Domingo de Ribadavia, Santa María de Beade, Santo André de Camporredondo, Carballeda de Avia, etc. e a construcción dos propios pazos.

Máis artigos

Gomariz, 1994. Graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudei o mestrado de Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. As miñas liñas de investigación actuais versan sobre historia e arte na Comarca do Ribeiro, así coma estudos iconográficos adicados en especial á arte marxinal.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

2 comentarios en “O viño do Ribeiro: o sangue do Pobo.”

  1. Interesante artículo, aunque tal vez demasiado corto para tocar tantos “palos”. En cuanto al recorrido, la cita del camino vreeiro tal vez no sea la más correcta, teniendo en cuenta la gran cantidad de documentación histórica que define los caminos de los arrieiros desde O Ribeiro a Compostela, alguna tan conocida como la Guía de Galicia de Otero Pedraio. Animo al autor a que siga extendiendo el contenido del artículo y felicidades a los impulsores del proyecto Mazarelos.

    Responder

Deixa un comentario

Publicidade