“O Prado Disperso”: do depósito á parede

Clara Reigosa Lombao

O pasado 19 de novembro o Museo Nacional do Prado celebrou o seu 200 aniversario. Este museo, denominado nun primeiro momento Museo Real de Pintura e Escultura, foi creado durante o reinado de Fernando VII e Isabel de Braganza. A súa orixe condicionou a colección do museo, formada principalmente polo gusto dos monarcas antecesores e sucesores[1]. Ademais, a pinacoteca complementouse coas obras procedentes do Museo da Trinidade, fusionado ao museo en 1878; e o Museo de Arte Moderna, que se uniu ao Prado en 1971[2].

Fragmento da obra de Bernardo López, Isabel de Braganza como fundadora do Museo do Prado (1829). Fonte: Museo Nacional do Prado.

Trala unión do Museo da Trinidade, os almacéns do Museo do Prado –situados no edificio Villanueva– estaban saturados. Nese momento, pensouse que algunhas obras da colección podían ser enviadas a diversas institucións de todo o Estado (deputacións, concellos, institucións educativas, sanitarias, eclesiásticas etc.) como depósito temporal, é dicir, cedidas por un periodo longo de tempo ser perder a propiedade. Estes préstamos continuaron no tempo por diversas razóns, sen ser documentados, e non sería ata 1980 cando se acuñou o termo “O Prado Disperso” para referirse a eles, nun artigo do primeiro Boletín del Museo del Prado no que se facía un estudo dalgúns dos bens depositados[3].

Durante a Segunda República (1931-1939) produciuse unha nova saída de obras, outra vez por razóns de espazo. Agora, a maioría das obras foron enviadas a museos provinciais e municipais que foran recentemente inaugurados ou modificados. O Museo Quiñones de León, inaugurado en Vigo en 1937, recibiu por Orde Ministerial do 27 de xullo de 1935 unha serie de obras, entre as que se encontraban A Asunción de Luca Giordano ou Almendro en Flor de Beruete[4].

Almendro en Flor. El Pardo de Aureliano de Beruete (1910). Fonte: Museo Nacional do Prado.

Co fin da Guerra Civil, o goberno impuxo ao Padroado do museo o envío de obras a institucións afíns ao réxime, especialmente entidades militares. A Capitanía Xeral da Coruña, hoxe Forza Loxística Operativa, recibiu en depósito unha serie de Alegorías dos meses do ano dun anónimo flamenco, que todavía permanecen alí. A partir dos anos 60, primaron os envíos a museos e institucións de ensinanza, escolas e universidades. Buscábase que o público, estudantes na súa maioría, puidese coñecer de primeira man a historia da pintura e da escultura, nun momento en que viaxar a Madrid era máis difícil que agora. Despois de 1970, reduciuse o número de obras enviadas en depósito, centrándose a maioría en ministerios e embaixadas.

O que empezara como algo puntual, converteuse nunha gran dispersión de obras sen apenas control. En 1912, tras a creación do Padroado, comezaron algunhas xestións para documentar estes depósitos. Pero non sería ata 1961 cando se formulou unha investigación formal sobre o estado destas obras. Nesta época, iniciáronse expedicións por todo o país analizando a conservación das obras e levantando algúns depósitos co fin de que volveran a Madrid.

Algunhas institucións rexeitaron aceptar o control do Prado sobre as obras cedidas. Nunha visita a Santiago de Compostela decatáronse de que un dos cadros prestados á Sociedade Económica de Amigos do País, La batalla de San Marcial de José Aparicio Inglada, estaba sendo utilizado para evitar a entrada de pombas nunha ventá da catedral. Esixiuselles a devolución da pintura, mais a confrontación entre uns e outros obrigou á mediación da Garda Civil no conflito. Só en 1978, cunha denuncia de partidos extraparlamentarios, se iniciou un traballo de investigación por parte da Fiscalía do Reino para documentar as obras dispersas, moitas das cales aínda hoxe están sen localizar.

Actualmente seguénse a facer depósitos, pero únicamente en museos e organismos de alta representación estatal. Ademais, búscase que as obras prestadas garden certa relación coas institucións depositarias, ben sexa pola orixe do artista, ou por algunha relación iconográfica coa cidade. Por exemplo, o Museo de Belas Artes da Coruña conserva nas súas salas A apoteóse de Hércules (1636-38), cedida pola relación do deus clásico coa cidade[5]. Neste momento, o Prado ten en depósito 3.476 obras en 277 entidades. En Galicia, hai pezas nas 4 provincias, sendo os museos (provinciais, municipais ou autonómicos) os principais receptores. Estes depósitos son de gran importancia para os museos galegos; o Museo Provincial de Lugo inaugurou no ano 2010 unha exposición temporal sobre estes préstamos[6].

A apoteóse de Hércules de Jean Baptiste Borkens (1836-38). Fonte: Museo de Belas Artes da Coruña

Con todo, debemos entender “O Prado Disperso” como unha iniciativa que se creou por unha necesidade concreta, a falta de espazo nos almacéns, e que comezou de maneira despreocupada e sen control. Porén, a razón destes depósitos cambiou nas últimas décadas cando, entendendo a importancia dos depósitos en infinidade de institucións do Estado, a pinacoteca decidiu comprender esta dispersión como unha maneira de difundir a colección. Non hai dúbida de que as obras de arte están mellor expostas nas salas de institucións e museos españois abertos ao público, onde son contempladas e estudadas, que nos sotos do Paseo do Prado de Madrid.

Citas

[1] Francisco Calvo Serraller, Breve historia del Museo del Prado (Madrid: Alianza, 1994), 10.

[2] Museo Nacional do Prado, “La colección”, https://www.museodelprado.es/coleccion (Data de consulta: 29-11-2019).

[3] Luz Pérez & Mercedes Orihuela, “El Prado Disperso”, Ars magazine, núm. 44 (octubre-diciembre 2019): 106-118.

[4] Mercedes Orihuela, “El Prado Disperso: cuadros depositados en las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra”, Boletín del Museo del Prado, vol. 9, núm. 25-27 (1998): 125-166.

[5] Actualmente esta obra está cedida á exposición temporal “Arte e mito. Os deuses do Prado” organizada polo Museo do Prado e a Fundación La Caixa.

[6] Museo Provincial de Lugo, “Exposición: Museo do Prado. Os depósitos no Museo Provincial de Lugo”, http://www.museolugo.org/documentos.asp?mat=27&id=1346 (Data de consulta: 29-11-2019).

Bibliografía

Calvo Serraller, Francisco. Breve historia del Museo del Prado. Madrid: Alianza, 1994.

Orihuela, Mercedes. “El Prado Disperso: cuadros depositados en las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra”. Boletín del Museo del Prado, vol. 9, núm. 25-27 (1998): 125-166.

Orihuela, Mercedes. “Conferencia: El Prado Disperso”. https://www.museodelprado.es/actualidad/multimedia/conferencia-el-prado-disperso/5bfdc6be-7105-491e-80f9-13c909a9df9b. (Data de consulta: 28 de novembro de 2019).

Pérez, Luz & Orihuela, Mercedes.“El Prado Disperso”. Ars magazine, núm. 44 (octubre-diciembre 2019): 106-118.

Museo Provincial de Lugo. “Exposición: Museo do Prado. Os depósitos no Museo Provincial de Lugo”. http://www.museolugo.org/documentos.asp?mat=27&id=1346 (Data de consulta: 29-11-2019).

Museo Nacional do Prado. “La colección”. https://www.museodelprado.es/coleccion (Data de consulta: 29-11-2019).

Máis artigos

Lugo, 1996. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018). Máster en Estudos Avanzados de Museos na Universidade Complutense de Madrid (2020). Actualmente realizo o M.A. en Museum Studies na New York University cunha beca de posgrao da Fundación Barrié. As miñas liñas de investigación céntranse en aspectos relacionados coa museoloxía e a museografía. Teño especial interese nas novas museoloxías e na concepción do museo como un espazo de educación e comunicación para todos os públicos.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade