Brais Ferreiro Ares
Con este artigo comezamos unha serie de tres entregas que abordarán de maneira sintética a situación do nacionalismo galego político dende a morte de Franco até o final da Transición.
Os partidos nacionalistas no 1975
As organizacións de referencia eran a UPG e o PSG. A primeira era a mellor organizada e a que gozaba de maior implantación. Ela e as súas organizacións satélite conforman a tendencia que coñecemos como nacionalismo popular. O PSG pola súa parte apostará por unha vía nacionalista-federalista e marxista democrática e terá un peso considerable no decorrer do nacionalismo na Transición, mais continuará a ser unha organización de cadros[1]. No seu caso, este partido e as organizacións que impulse podemos encadralas na tendencia do nacionalismo socialista democrático.
Carteis da UPG e do PSG do 1977. Fonte: Dipòsit Digital de Documents de la Universitat Autònoma de Barcelona. Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General. CEDOC (https://ddd.uab.cat/).
En paralelo, aparecerán outros partidos que xogarán un papel menor. É o caso do Partido Galego Social Demócrata (PGSD) e do Partido Popular Galego (PPG), os cales podemos encadrar nunha terceira tendencia denominada nacionalismo liberal ou de centro[2]. O primeiro foi fundado no 1974 e encadrouse no reformismo socialdemócrata, na defensa da tese de Galiza como colonia de España e na aposta pola autodeterminación para logo integrarse nun Estado federal. Pola súa parte, o PPG (1976) situouse dentro do ámbito democristiá e federalista, definíndose como federalista, galeguista e de ideoloxía “humanista e comunitaria”. De todos xeitos, ambos foron bastante minoritarios e marxinais, e no caso do PPG desaparecerá un ano despois de ser fundado, pasando os seus membros a formar parte doutros proxectos, como Fernández Albor, futuro Presidente da Xunta de Galiza por Alianza Popular (AP)[3].
Como mencionabamos, dos dous actores políticos principais, a UPG será o mellor organizado. Isto pode verse nestes primeiros anos da Transición na creación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) no ano 1975. Naceu como unha plataforma suprapartidaria e interclasista de adscrición individual cuxa función principal debía ser a de mobilizar á sociedade arredor da organización, que aspiraba a servir de órgano constitutivo dun futuro poder soberano galego. Este é un cambio táctico dentro da UPG tras fracasar a “vía vasca” (loita armada) que intentara consolidar en anos anteriores, tendo moito que ver o asasinato de Moncho Reboiras a mans da Policía[4].
A presenza territorial da AN-PG deixarase ver especialmente nas principais cidades e vilas, aínda que tamén penetrarán nalgunhas áreas rurais e semiurbanas nas que non estaba presente o Partido Comunista de Galicia (PCG, filial do PCE). A AN-PG gozou de gran capacidade de mobilización (como nos 25 de xullo, Día da Patria Galega), contribuíu a artellar o sindicalismo nacionalista agrario e obreiro e tamén participou na fundación de asociacións culturais vencelladas á súa Fronte Cultural. Porén, tamén tivo que facer fronte a tensións no seu seo, xa que o PSG tamén participaba na AN-PG e acusou á UPG de dirixismo político dentro da organización suprapartidaria, o que se materializou nunha escisión no ano 1976 que deu pe á Asemblea Popular Galega (APG), formada por expulsados da UPG e a maioría dos militantes do PSG, aínda que a súa vida foi breve e disolveuse a finais do 1977[5].
O Consello de Forzas Políticas Galegas
O nacionalismo foi quen de articular unha plataforma de oposición ao réxime. Como a Platajunta, cuxa equivalencia galega era a Táboa Democrática de Galicia, o nacionalismo galego creará, a iniciativa da UPG, o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) en xaneiro de 1976. Mentres a Táboa reclamaba a volta do Estatuto do 36, o Consello defendía o dereito de autodeterminación e a creba democrática. Todo isto viuse plasmado en dous documentos: as Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal e as Medidas económicas para un programa de governo provisional galego. A intención desta plataforma era establecer unha serie de condicións de igualdade para a negociación no caso de participar nun pacto federal español. De todos xeitos, o Consello tivo unha vida breve e se disolveu en novembro dese mesmo ano por tensións internas[6].
En resumo
As principais organizacións nacionalistas cando morreu Franco eran a UPG e o PSG. Porén, foi realmente a primeira a que maior iniciativa e maior capacidade de influencia tivo. Proba disto foi o impulso da AN-PG e do CFPG, aínda que en ambos tamén participaba a formación socialdemócrata. Finalmente, o CFPG conseguiu que o nacionalismo galego confluíse nunha proposta común ante a inminencia dun novo réxime, pero a súa curta vida lastrou calquera posibilidade de influencia.
*A imaxe de portada correspóndese co encabezado das Bases Constitucionais do CFPG (1976)
[1] Beramendi e Núñez Seixas, 1996, p. 240.
[2] As tres tendencias sinaladas atopámolas explicadas en Núñez Seixas, 2015, pp. 81-95.
[3] Ibid., pp. 240-241.
[4] Núñez Seixas, 2015, p. 82.
[5] Beramendi e Núñez Seixas, 1996, pp. 244-248.
[6] Ibid., 1996, pp. 242-245.
BIBLIOGRAFÍA
Beramendi, J. e Núñez Seixas, X.M. (1996). O nacionalismo galego. Vigo: Edicións A Nosa Terra.
Núñez Seixas, X.M. (2015). “¿Colonia o champú? El nacionalismo gallego en la transición democrática” en Historia del presente. Nº 25, pp. 81-95.
Redondela, 1996. Graduado en Historia (2018), máster en Historia Contemporánea (2019) e máster en Profesorado (2020) pola USC. Tiven a sorte de publicar algúns artigos sobre a Transición dende o punto de vista municipal e local, tema ao cal dediquei as investigacións que realicei ata o momento, especialmente para Redondela. Actualmente oposito a profesor de Xeografía e Historia e xestiono, xunto á miña familia, o proxecto de recuperación da vida e a obra do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó.