O Entroido. Sátira, disfraces e inversión.

Lucas Sánchez Taboada

Que será que cando chega

cunha ledicia sen par,

a xente tápase a cara

e logo ponse a bailar?

O Entroido!!!

Tradicionalmente, o Entroido posúe unha dobre vertente temática: unha parte festiva, relacionada cos excesos, as máscaras, os cánticos, as danzas etc.; e outra gastronómica, sendo habitual realizar grandes festíns nos que se adoita servir carne de porco, debido á antiga disposición eclesiástica que prohibía comer carne e a celebración de festexos nos corenta días posteriores, gardándose rigorosa pertinencia e abstinencia. Por unha banda, en canto ao seu aspecto gastronómico, o porco sacrificado denomínase achegote -porco cebado en poucos meses-, sendo tradicional comer a cacheira e o rabo, acompañados de chourizos. Tamén é costume preparar torresmos, filloas, orellas e cociñar o estómago do porco recheo de carne, o que se coñece como botelo. Pola súa vez, nas localidades pontevedresas de Cotobade e Cercedo, un prato característico do Entroido é a vincha. Así mesmo, en moitas localidades da Galiza, prepárase a chamada “bica de Entroido”, unha especie de biscoito elaborado con ovos, fariña de trigo, manteiga e azucre. Na provincia de Ourense, conviven varios tipos de bica, como a de Trives, a de Castro Caldelas ou a de Laza. Todas elas caracterízanse por non usaren fermento químico e polo tanto, a súa textura é distinta á dun biscoito tradicional, sendo máis compacta e semellante ao pan.

Na actualidade, na ampla maioría de localidades galegas, o Entroido celébrase con disfraces, bailes, desfiles e comparsas. Unha das celebracións máis tradicionais consérvase na provincia de Ourense, en lugares como Laza, Xinzo de Limia ou Verín, onde perduran un dos costumes máis peculiares e antigos desta festa, de gran interese patrimonial, cultural e turístico: os cigarróns ou peliqueiros, persoas disfrazadas que van gastando bromas e azoutando aos peóns. Entre os diversos elementos que compoñen o seu singular atavío, destacan as máscaras de madeira, os calzóns, a chaquetade toureiro e un groso cinto do que colgan seis chocallos. Non obstante, o que máis chama a atención do seu disfrace é o seu pucho de gran tamaño, decorado con motivos animais e con representacións do sol e da lúa.

Outra tradición semellante atopámola en Vigo cos chamados merdeiros, personaxes creados polos mariñeiros para ridiculizar os agricultores que acudían dende as parroquias rurais ao porto pesqueiro do Berbés para recoller o peixe putrefacto, co que fertilizaban os seus campos, e baleirar os pozos negros da cidade. Distínguense por levar na súa indumentaria un colete en cuxas costas tamén figuran representacións do sol e da lúa, ademais dun pucho adornado cunha fita verde ou vermella -que simboliza a cabeza e a cola dun galo ou dunha galiña- e follas de leituga coas que baten nos viandantes.

Pola súa banda, a bisbarra do Ulla posúe un orixinal Entroido que se celebra nas proximidades de Santiago de Compostela. Ten a súa orixe na primeira metade do século XIX, nos enfrontamentos bélicos locais ocorridos durante este período, como a ocupación napoleónica, o levantamento de Solís ou as guerras carlistas. Os xenerais da Ulla é o espectáculo máis destacado deste Entroido. Disfrazados con vistosos adornos e vestimentas militares semellantes ás da época, van montados dacabalo percorrendo as diferentes parroquias ao longo do día, acompañados doutros personaxes, como os correos e abandeirados, ademais de diferentes coros e comparsas. Os xenerais rematan o seu percorrido escenificando un atranque ou alto, é dicir, un enfrontamento dialéctico, por parellas, que resulta ser unha sátira dos asuntos de actualidade acontecidos durante o ano. En 2013, debido ao seu crecente interese cultural nos últimos anos, foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.

Tamén resulta de interese destacar a Momada de Cotobade, celebración que hoxe en día se pretende recuperar dende diversas iniciativas locais. Consistía nun desfiles, composto por diferentes máscaras, que percorría as aldeas da zona. Así mesmo, outra tradición que practicamente se perdeu é a das farsas e os sermóns. As farsas eran unha especie de representación teatrais que se acompañaban de desfiles, nos que moitas veces aparecían representados, de xeito antropomórfico, o Entroido, ao que se lle gababa o seu bo comer e beber, e a coresma, á que se lle reprochaba non conceder nunca unha porción de carne. Pola súa banda, os sermóns adoitábanse pronunciar dende un balcón e facían referencia a feitos, costumes e modas consideradas censurables.

Por último, adoita ser habitual que moitos desfiles de máscaras estean presididos por un boneco chamado meco, que é queimado o mércores de cinza sinalando o fin de festa. Esta costume é tradicional en moitas localidades galegas, como Santiago de Compostela, Vigo, Allariz… Noutras, como Ourense, Ferrol, Marín… celébrase un ritual semellante, o enterro da sardiña, que representa o enterro da diversión e a felicidade. Nel, anos atrás, era frecuente que a xente saíse pola noite envolta en sabas e portando botafumeiros de lata, nos que se metían a arder zapatos vellos ou gomas de pneumáticos para provocar un cheiro intenso.

Adeus Meco, adeus Entroido.

Fotografía de portada: Wikimedia Commons

REFERENCIAS

Arca Caldas, O., O Entroido no Ulla: media séculos dos xenerais estradenses, Deputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra, 1995.

Casteleiro Santos, J. L.; García Seoane; M., Galicia inmaterial, Galicia máxica, Hércules ed., A Coruña, 2018.

Soto, J., Guía secreta de Galicia, Al-Borak, Madrid, 1976.

Vila Pernas, M., A cociña do Entroido e San Xoán, Xerais, Vigo, 2006.

Máis artigos

Gomariz, 1994. Graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudei o mestrado de Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. As miñas liñas de investigación actuais versan sobre historia e arte na Comarca do Ribeiro, así coma estudos iconográficos adicados en especial á arte marxinal.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade