O Custo do noso Tempo

Filosofía a Pé de Rúa (FPR) ten como obxectivo principal a divulgación da Filosofía por distintas canles, sendo o medio audiovisual, os artigos de divulgación e os debates públicos as principais vías de comunicación. A idea do proxecto está baseada na crenza firme de que a filosofía é unha ferramenta crítica e de transformación social que pode contribuir ás inquedanzas e problemas da comunidade. Para iso, quenes facemos FPR cremos que é importante sacar a filosofía das paredes da academia e facelas chegar a un público alleo á disciplina en cuestión. Tanto a filosofía mesma, como a interactividade desta coas distintas Ciencias e as Artes, poden proporcionar puntos de vista de interese social en termos de progreso e convivencia.


Ángela Villamuelas Castro

“O tempo é ouro”. E tanto que o é. Esta máxima que tan común se foi facendo co paso dos anos, esconde unha realidade na que, se nos paramos a pensar, pode incluso inundarnos a vertixe.

Coa chegada do capitalismo, a sociedade experimentou progresivamente unha aceleración de todos os seus ámbitos, incrementado, como consecuencia, a velocidade do noso ritmo de vida. Desta forma, fomos introducindo no noso día a día unha dinámica de realizar todo no menor tempo posíbel, baixo a presión da falla de tempo. Nas sociedades de mercado é difícil concibir nada á marxe da economía, o cal extrapólase inevitábelmente ao tempo e nos fai xestionar o que facemos en base á economización desta unidade de medida que tan común e ambigua resúltanos á vez.

Consumo a tempo completo

Todo está articulado para que xa non sexamos donos e donas do noso propio tempo. Ao final acabamos sumerxidos nunha espiral de recibir e enviar información de forma continuada, na que invertimos gran parte das nosas horas prácticamente sen decatarnos. Pero non é só iso, senón que o capitalismo conseguiu lograr aquilo que poderíamos chamar mercantilización do tempo de ocio. E uso “tempo de ocio” en vez de “tempo libre”, porque é bastante cuestionábel que poidamos calificar como libre o tempo que nos queda cando non estamos traballando ou estudando.

Por un lado, está a parte na que directamente non cambiamos de actividade ao saír de traballar, senón que adicamos ese suposto tempo de ocio que temos, para continuar avanzando en cousas do traballo. A distinción entre tempo laboral e non-laboral extinguiuse: o tempo de traballo absorbeu en moitos casos o tempo que nos quedaba para vivir.

Por outro lado, tras conseguir que aceptemos como ideal unha xornada de oito horas diarias, o capitalismo sumouse o triunfo de facer que, despois do traballo ou no noso período vacacional, sigamos consumindo. E existe un problema engadido, porque non só se trata de xente botando horas de máis nos seus postos laborais para así ter máis diñeiro que poder gastar en cousas que, en última instancia, nin sequera terá tempo de disfrutar; tamén se trata de aqueles casos nos que esas horas de máis no traballo non son para luxos, nin vacacións, nin obxectos materiais que poder aparentemente degustar ao chegar a casa despois dese cómputo de horas idílico, senón que todo ese tempo extra vai ser adicado únicamente a subsistir. Todo isto tradúcese en que esa xornada de oito horas xa non é que sexa idílica, é que acada a categoría de ficticia. Ficticia porque, en primeiro lugar, cada vez vese menos que realmente as xornadas laborais sexan de oito horas; e, en segundo lugar, porque cas expectativas de vida que nos xera o propio sistema, é inviábel que a maior parte da poboación poida satisfacelas sen ter que recurrir a unha ampliación de horario no seu posto de traballo. Neste sentido, o filósofo Michell Foucault explica como se establecen tamén unha serie de pautas, ritmos e repeticións, incluíndo o ámbito educativo, co fin de lograr unha maior “calidade”1 ao tempo que se está empregando. Ademais, a través desta seriación do tempo, quen ten o poder “garantiza, na forma de continuidade e da coerción, un crecemento, unha observación, unha calificación”2 ; engadindo a este análise a seguinte idea:

“Toda unha fiscalización da duración por parte do poder: posibilidade de control detallado e dunha intervención puntual -de diferenciación, de corrección, de depuración, de eliminación- en cada momento do tempo; posibilidade de carácter, e polo tanto de utilizar aos individuos segundo o nivel que teñen nas series que recorren”3 .

Todo isto pon de manifesto unha relación de poder máis que está vixente nas sociedades occidentais actuais. Controlar o tempo é unha forma máis de dominación e, nese caso, pode que unha das máis sutís, o cal a convirte en potencialmente perigosa. Neste sentido, como non podería ser doutro xeito, as clases baixas son as principais vítimas, e isto conleva que os privilexiados queiran seguir alimentando eses privilexios e inxenien para que, a toda costa, a situación permaneza como está na medida do posíbel. É así como nacen e se expanden costumes nocivos entre os máis desfavorecidos, de tal forma que pasen a ser eles mesmos quen alimenten e perpetúen a súa propia opresión.

Ubicación de locais de dúas cadenas de casas de apostas importantes a nivel nacional (Codere e Luckia respectivamente) en Galiza e España. Fonte: shorturl.at/iyCEG.

A heroína dos anos oitenta volve agora disfrazada de casas de apostas instaladas estratéxicamente en barrios obreiros. Xerando novas adiccións, consumindo o tempo e diñeiro de aqueles que máis teñen que perder4 . A todo isto súmase un mecanismo co que nos seus tempos a heroína non contaba, ou polo menos non de maneira tan potente: a publicidade. No bombardeo constante de información ao que estamos sometidos e sometidas, inclúense anuncios de diversas casas de apostas, que ademáis brindan servicios de todo tipo. Podes apostar indo ao local de debaixo da túa casa mentres tomas algo cos amigos ou, se o prefires, dende a comodidade do teu móbil e o teu sofá. Dispoñibilidade completa para a adicción que o sistema creou para ti e que che consume máis do que ti consumes en ela sen que nin sequera o percibas. De tal maneira que “non só se dispón do espíritu ao seu propio tráfico e compraventa no mercado, reproducindo así, el mesmo, as categorías sociais dominantes, senón que, ademais, vaise asemellando obxectivamente ao dominante incluso nos casos en que, subxectivamente, non chega a convertirse en mercancía”5 . 

Expropiándonos anos de vida

Hai unha opinión máis ou menos xeneralizada acerca do valioso que é o tempo. O problema vén cando realmente non hai unha conciencia plena do verdaderamente valioso que este é. Do mesmo xeito que o empresario se enriquece económicamente a cosa do traballo do seu empregado ou empregada, o tempo que consiga arrebatarlle a dita persoa é tempo que ganará el para a súa vida. A idea de que o tempo é relativo en analoxía coa plusvalía, pois se ben a priori un día ten 24 horas para todas as persoas e seres do planeta, aplicando estes cálculos temos como resultado que o empresario vai poder sumar ás súas horas do día habituais, ás que lle quite aos seus traballadores.

Así mesmo, a redución completa do tempo que dispoñemos trae como consecuencia o empobrecemento das nosas relacións persoais, así como a nosa saúde mental. Se ao xa imperante culto á individualidade lle sumamos esta restrición temporal que vimos comentando, quédanos como resultado que as horas do noso día adicadas a relacionarnos con aquelas persoas que son importantes para nós, van ser incríbelmente escasas. Ademais, engádese o hándicap de que, case con seguridade, esas poucas horas que logremos sacar para adicarllas ao noso entorno e a nós mesmos, veránse afectadas polo desgaste físico e psicolóxico que conleva seguir este ritmo de vida imposto. Nesta liña, cabe reivindicar tamén a posición á que quedou relegada a saúde mental das persoas. Mentres poidamos rendir físicamente, o estado psicolóxico dos individuos pasa a un segundo plano. Deste xeito, paulatinamente foron instaurándose ideas tan preocupantes como que dormir, por exemplo, é unha pérdida de tempo. Isto ilustra á perfección a evolución que estamos experimentando como sociedade e o camiño cara o cal nos estamos dirixindo6 .

Falamos da expropiación do noso tempo, de non ter unha capacidade de decisión real sobre como queremos organizar a nosa vida, de como pouco a pouco o tempo foi convertíndose na verdadeira moeda de cambio. Por este motivo, deberíamos pararnos a reflexionar sobre a importancia de saber parar, de ralentizarnos, de observar con cautela o que nos rodea e en que estado se atopa a xente do noso entorno e nós mesmos. Sobre todo, deberíamos pararnos a pensar nas consecuencias nas que todo isto pode derivar e, polo menos, ser algo máis conscientes dos custos que as dinámicas instauradas no noso estilo de vida van xerar. Aínda que, iso si, tendo claro que a verdadeira responsabilidade de todo isto non recae no individuo, senón nas estructuras e institucións de poder que brinda o propio sistema.

*Foto de portada:  Carl Raw en https://unsplash.com/es/fotos/fzJPPfBhZ38 

Notas ao pé

  1. Neste caso, emprégase “calidade” nun sentido irónico, referido a como a partir dos instrumentos mencionados, o propio sistema condiciona ás persoas a funcionar dun xeito rentábel para el mesmo. []
  2. Michelle FOUCAULT: Vigilar y castigar: nacimiento de la prisión. Madrid, Biblioteca Nueva, 2012, p.165. []
  3. Ibid., p.164. []
  4. Rodrigo BRIÓN INSUA “En Galicia es muy fácil apostar siendo menor de edad o mientras se recibe tratamiento de ludopatía”, GaliciaPress, (2020) https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1834523/galicia-muy-facil-apostar-siendo-menor-edad-mientras-recibe-tratamiento-ludopatia. []
  5. Theodor ADORNO: Prismas: la crítica de la cultura y la sociedad. Barcelona, Ediciones Ariel, 1962, p.12. []
  6. Neste sentido, pode resultar interesante o concepto de “filosofía práctica do instante”, desenvolto en: Luciano CONCHEIROS: Contra el tiempo: filosofía práctica del instante. Barcelona, Editorial Anagrama, 2016. []
Máis artigos

Madrid, 1998. Estudante de último curso do Grado de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Os meus intereses están vencellados principalmente ao estudo do xénero e da filosofía moral.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade