Dende este sábado 4 está aberta na Coruña a mostra sobre Peter Lindbergh. Co título Untold Stories esta exposición está concibida segundo os propios parámetros do fotógrafo respecto a sua carreira e obra. O seu nome aparece como comisario da mesma, e o seu selo nótase. A montaxe é impecable e vese nela a estética que caracteriza a sua fotografía. Nese sentido, trátase dunha exposición completa no senso mais absoluto do termo, porque o equipo responsable -Kunstpalast en colaboración con Peter Lindbergh Studio- mais que impoñer a sua idea respecto o ideado por Lindbergh, guíase por el. O certo é que dende a entrada até a saída a exposición resulta un visionado a tódolos niveis que traslada exactamente o que foi este home e o que significa a sua obra fotográfica dentro do mundo da imaxe, da creatividade, da moda e da linguaxe visual contemporánea.
A exposición foi situada na zona industrial da cidade, unha localización nada gratuita. No 2012, ao propio Lindbergh a Coruña lembráballe, coa sua atmósfera gris e coa maquinaria tecnloxica do porto de fondo, o Ruhr ondre medrara. Iso converte a propia urbe nun escenario lindberghiano. A partir deste punto é preciso comprender que a exposición foi situada xunto a edificación de cementos (fig. 1). A primeira vista que se ten desta exposición nada ten que ver coa fria maxestade das construccións académicas decimonónicas. As fotografías de Lindbergh concentran o foco en paisaxes vastas, onde a maquinaria, os barcos envellecidos e as cidades serven de marco. E estas arquitecturas reflicten esa mesma sensibilidade.
Así pois o que da a benvida, antes de nada, é a nave de cemento e cristal na cal están levantados tres grandes contedores. É aquí onde está marcado o primeiro punto da exposición como tal, servindo esta nave o mesmo tempo de cafetería e lugar onde atopar material relacionado coa mostra: dende o precioso catálogo ata fotografías lendarias. O certo é que toda a concepción, a cargo da arquitecta Elsa Urquijo, resulta o equilibrio perfecto entre a reutilización con vistas a exposicións e a súa significación orixinal. Tamén é un detalle a apreciar o folleto que acompaña os visitantes, pois se por unha cara serve de guía do itinario, pola outra serve de cartaz o servizo de quen o leva consigo.
O segundo punto atópase na galería aberta situada a partir da nave. Cos seus textos escritos por distintas persoas, serven para introducir os espectadores a figura de Lindbergh dende distintos ollos. Xa o primeiro texto da galería deixa claro cal é o epicentro da sua fotografía: BELEZA CRÚA (RAW BEAUTY) (fig. 2). Coa cor negra como ton imperante, as suas letras minimalistas en neón e os grandes contenedores de fondo, esta pasarela-galería encárgase de facer unha primeira presentación. Pese a impresión dura que poida resultar nun ambiente tan mecánico, existe unha fonda humanidade que flota na forma de entender os espazos. Quérese dicir con isto que as persoas, tal como está concibida a entrada da exposición, páranse ou móvense indo a aquilo que desexen ver, estudar, ver ou comentar. Todo isto estando situadas a beira do mar nun espazo aberto. Aquilo que podería resultar solitario de forma despiada, resulta liberador e matiza a primeira impresión da galería.
A mostra per se está dividida en tres partes. O primeiro capítulo está concentrado nunha filmación con Lindbergh falando, dirixindo, fotografando e traballando en distintos aspectos da producción na que estaba ocupado. O seu visionado resulta moi efectivo despois de pasar a entrada, que resulta un cubo de paredes escuras iluminado por luz cenital. Onde está a filmación, están cada unha das paredes ocupadas por pantallas que ocupan a totalidade de cada lado. O mais interesante é que cada proxección está combinada coas demais de tal maneira que crea un ritmo de luces e sombras entre elas, incluíndo ademais son neste xogo de claroscuros. Tan boa dinámica vese ademais acentuada coa iluminación pensada para os bordes do longo banco e os baixos de cada pantalla: unha liña de luz dourada, que lle da un toque de contraste que aporta calidez ao minimalismo da escenificación deste primeiro apartado.
O segundo capítulo está ocupado polo groso das fotografías de Lindbergh. Aquí poden atoparse espazos onde as fotografías están directamente impresas e pegadas as paredes (fig. 3). Distánciase da habitual exposición de obra con marco e cristal para levar a mostra algo que a miúdo aparece nas fachadas das rúas. (Non é de estrañar que o soporte no que foron impresas foi en papel de póster de traseira azul). A parte mais clásica atópase no centro, onde as fotografías si que aparecen con marcos de madeira escura, e remata este capítulo cunha combinación de ambos formatos. As imaxes incluídas mostran rostros, mans e pernas en primeiros planos con grupos de persoas en grandes planos (fig. 4). Algunhas das fotografías vense inspiradas no teatro e outras semellan fotogramas de musicais e de filmes, mesmo históricos como Berlín. Sinfonía dunha grande cidade (1927, Walter Ruttman) ou na liña de direccións fotográficas da cinematografía como a Josef Von Stemberg.
Tamén noutros casos aparecen referencias a pintura -sobre todo a grandeza solitaria de figuras en praias tal como as plasmaba Friedrich-. (Non debe esquecer que o fotografo estudara na Academia de Arte de Berlín e na Escola Superior de Belas Artes de Krefeld) (fig. 5). As citas tamén son da propia historia da fotografía -existen imaxes dignas de ser herdeiras das imaxes industriais que captara Margaret Bourke-White nos anos 30 e do surrealismo nas rúas de París de Brassaï-. As modelos ben poden traer os anos 20 cos seus ollos expresionistas rodeados de sombras tanto como aparecen os anos 90 da man de grandes modelos como Naomi Campbell. Lindbergh tamén trouxo as fotografías tomadas entre o 2010 e o 2018. Como fotógrafo do ámbito da moda a sua percepción das modelos nada ten ver con mulleres coa forma de bonecas. Aparecen con brillos na pel, cansas, incisivas ou atentas. Sobre todo existe nelas unha presenza, unha actitude consciente e viva.
O terceiro capítulo está adicado a unha videoinstalación. Con este derradeiro punto a exposición, que da liberdade para moverse segundo se queira, permite completar a elipse do percorrido. As imaxes están, ademais, caracterizadas por outra cuestión: non existen textos expositivos. (O fotógrafo tiña moi claro que desexaba algo visual que narrara por si mesmo a historia). Coa distribución de xogos a pares de fotografías de notables dimensións, iluminadas por teitos traslúcidos que bañan o total do espazo, os interiores aparecen tan ben combinados espacialmente que realza a beleza propia da montaxe expositiva. A mostra estará aberta ata o 28 de Febreiro do 2022. Se alguén quere aprender dunha exposición ben concibida, ten nesta mostra unha oportunidade imperdible.