Di a lenda que entre os anos 820 e 830 d.C. un ermitán chamado Paio viu unha choiva de estrelas que descendía sobre un campo. Ao achegarse descubriu un antigo mausoleo e non dubidou en informar rapidamente ao bispo Teodomiro de Iria Flavia (actual Padrón). Tras tres días de meditación e xaxún, o bispo tivo unha revelación: estaba ante os restos do Apóstolo Santiago e dous dos seus discípulos. Comunicoullo rapidamente ao rei Afonso II, e este mandou construír unha pequena igrexa ao redor da tumba. Nacía así o fenómeno xacobeo que, con moitas diferenzas, chega ata a actualidade.
A revista británica Antiquity publicou onte un estudo con acento galego. Traducido, leva por título Desvelar o bispo Teodomiro de Iria Flavia? Un intento de identificar o descubridor da tumba de Santiago mediante análises osteolóxicas e biomoleculares. Está asinado por nove persoas, dúas das cales son galegas: Ricardo Rodríguez-Varela e o investigador principal do proxecto, Patxi Pérez-Ramallo (Santiago de Compostela, 1988). El é bioarqueólogo e actualmente investigador posdoutoral na Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Noruega (NTNU). Alí xa comezou o curso académico, polo que nos atende por teléfono desde Trondheim.
Acabades de descubrir ti e o teu equipo que os presuntos restos de Teodomiro son efectivamente dese bispo. Como te sintes?
Pois a nivel científico é moi relevante e significativo que puidésemos identificar un individuo tan antigo. É a identificación de maior antigüidade da Península Ibérica e unha das máis antigas da Europa continental. Nese aspecto estou satisfeito. Ademais creo que fixemos un modelo bastante bo, que pode ser aplicable en futuras investigacións. Na parte xenética, tamén é a primeira vez que se obtén ADN dun individuo desta cronoloxía nesta parte da Península Ibérica. Vai ter repercusión porque vai servir como modelo comparativo para futuras publicacións pero, sobre todo, para comparar co ADN actual.
É a identificación de maior antigüidade da Península Ibérica e unha das máis antigas da Europa continental
Hai uns anos tivo bastante repercusión un estudo do equipo de [Ángel] Carracedo sobre ADN contemporáneo. El observou que no ADN das persoas que analizaron no que hoxe é Galicia había un compoñente norteafricano bastante alto. Curiosamente, no caso de Teodomiro tamén o atopamos. Non é un compoñente de primeira xeración, é dicir, non é del, pero tampouco dos seus pais ou avós, senón seguramente sexa de terceira ou cuarta xeración. Tendo en conta a cronoloxía de Teodomiro, estariamos xusto no momento de chegada do Califato Omeia á Peninsula Ibérica. Polo tanto podería ser unha mestura de elites político-relixiosas, sociais… coas novas clases altas. Mesmo podería ser anterior e corresponder ás elites hispanovisigodas. Tendo en conta que o norte da África pertencía a ese reino podería ser resultado dun proceso migratorio de mestizaxe co sur peninsular, cunha posterior migración cara ao norte tras a chegada da nova realidade política cos líderes musulmáns. Quedan moitas cuestións por resolver, pero é moi interesante e dános moitas pistas.
E logo no ámbito persoal destacaría a relevancia de Teodomiro. Loxicamente estamos falando dunha persoa de hai 1.200 anos, cunha realidade social e política completamente diferente. Esta persoa, inconscientemente —porque non creo que o planificase—, foi o xerme de Santiago como primeira cidade medieval galega. Posteriormente foi tamén o xerme do camiño de Santiago e tivo unha influencia enorme na cultura galega. Non esquezamos que o Día Nacional de Galicia é o Dia do Apóstolo Santiago. É dicir, marcou a identidade de Galicia, para ben ou para mal, e Santiago incluso é “Patrón de las Españas”! Personalmente, ao tratarse dun personaxe histórico tan relevante e, como galego, sinto orgullo e tamén que achegamos un gran de area a algo moi importante.
No 1955 Manuel Chamoso Lamas atopou a lauda do sartego de Teodomiro e en 2014 a Fundación Catedral decidiu iniciar o proxecto para tratar de confirmar a veracidade dos restos. Como chegou ata ti e os teus compañeiros este proxecto?
Si, Chamoso Lamas atopou a tapa do sartego. Temos que ter en conta que en Santiago primeiro fíxose unha pequena igrexa, con Afonso II; logo outra aínda máis grande, que era a basílica, a medio camiño entre igrexa e catedral; e finalmente construíuse a catedral. Este proceso conleva un movemento continuado de tumbas. Vímolo en anteriores investigacións na necrópole da Catedral de Santiago. Con Teodomiro pasou o mesmo. Seguramente cando fixeron o chan da catedral elevaron a súa lauda para indicar que estaba alí; despois puxeron unha tea de recheo e debaixo desta había unha lauda sen inscrición dentro da cal apareceron os restos. Estaban en segunda posición, ou sexa, que non estaban como foran enterrados orixinalmente. Movéronos e puxéronos aí intencionadamente. En 1950 uns dixeron que parecía un home ancían, outros cara aos 80 dixeron “non, parece unha muller e parece outra tumba”. Houbo debate.
Na miña tese doutoral estudei a necrópole e o Camiño de Santiago, polo que na catedral sabían de nós. Coa restauración do templo [iniciada en 2014] tiñan que mover os restos de Teodomiro e de feito puxeron a lauda nun sitio novo, moito máis bonito. Foi entón a propia Fundación da catedral, con Daniel Lorenzo á cabeza, quen propuxo a investigación. Loxicamente, se che ofrecen ese caramelo, cóllelo. Querían saber dunha vez por todas se eran ou non os restos de Teodomiro, e así comezou todo isto.
Empregastes tecnoloxías diferentes como a osteoarqueoloxía, datación por radiocarbono, isótopos estables e análises de ADN antigo. Como foi o proceso?
Efectivamente, fixemos un combinado de todas as analíticas. Primeiro comezamos pola osteolóxica, que é unha revisión dos ósos e o seu estado de conservación, co obxectivo de estimar a idade, o sexo e o demais. Os ósos de Teodomiro eran súper fráxiles. Pensei “este home non traballou nunca”, e efectivamente, non se apreciaba actividade física, seguramente fora só intelectual. Despois fixemos o ADN para verificar que era home, porque coa análise osteolóxica non estabamos seguros ao estar tan incompleto. O ADN confirmou que era home e o siguiente paso foi a datación de carbono 14, que ten que cadrar máis ou menos. Saíunos que era aproximadamente do ano 820, e Teodomiro morreu no 847. Nestas análises 27 anos non son nada, hai unha serie de factores que poden influír na datación para que pareza máis antiga do que é.
Utilizamos tamén técnicas de isótopos estables. Non quero aburrir, pero todo o que comes, de onde es… queda rexistrado nos teus ósos. A través destas análises podes detectar se unha persoa era local ou non e incluso podemos intuír máis ou menos de onde procedía. Cando fixen os estudos en Santiago, xa establecemos os valores locais dos distintos corpos. Sabíamos quen era de Santiago e quen non. Teodomiro xusto caía no límite. Podía ser ou non. Os datos indícannos que era dun lugar próximo á costa. Hai que recordar que o río Ulla era navegable, polo cal até Iria Flavia chegaban os barcos desde a ría, así que coincidiría perfectamente. A última parte foi a dieta, que indica o status social do individuo: se é rico, se é pobre… e permite comparalo con outros. Sabiamos que non era un campesiño, unha persoa do ámbito máis popular, senón que era alguén que comía mellor, pero con limitacións, posiblemente respondendo á vida relixiosa que debía ter. Seguramente pertenceu, como moitos bispos daquel entón, a algunha regra monástica. Controlaba un pouco o exceso de consumo de carne e demais. En resume, vas sumando pezas e é como un crebacabezas no que acaba encaixando todo.
Non ten nada que ver coa tecnoloxía que puideron empregar nos anos 50…
Non, non. É moi fácil dicir “mira como se equivocaron nos 50” pero de feito non se equivocaron tanto. Tiveron as mesmas dúbidas que eu cando cando me enfrontei ao uso de novas técnicas osteolóxicas para facer a estimación. O que pasa é que nós contamos con ferramentas que antes non se tiñan. Hoxe en día, con medio gramo de óso podes facer unha datación, podes facer unha análise de xenética que fornece de moitísima información.
No proxecto participastes persoas enmarcadas na arqueoloxía, xeoantropoloxía, paleoxenética ou etnoloxía. Esta transversalidade é unha vantaxe ou require superar moitos retos?
Para min, unha vantaxe. É loxico que tes que saber traballar en equipo. Ten que haber alguén que leve a batuta e que saiba como se ten que facer o proxecto, pero é enriquecedor traballar con perfís tan variados e internacionais, xa que non deixas de aprender. Foi algo que me achegou a profesionalidade. Decidimos que nunca sairía nada relativo á investigación ata que houbera unha publicación por pares con revisión externa, que é como fixemos.
Se a Igrexa o permitise nalgún momento, sería posible desenvolver un proceso similar cos supostos restos do Apóstolo Santiago?
O problema do Apóstolo é que, de entrada, son tres individuos. Eu aínda non sei como vai responder o público a esta investigación. Mesmo pode haber críticos que nin lean o artigo. O problema de estudar algo así é que se mestura coa fe e a relixión. Aínda por riba, só o Papa pode permitir a apertura do Apóstolo. Ademais, é moi difícil “matar” o simbolismo do que iso representa, como pasou coa saba santa: fíxose unha datación e demostrouse que era falsa, de época medieval, pero a día de hoxe segue habendo publicacións científicas a favor e en contra da súa veracidade, e a xente sigue indo alí! Entón, pode ser interesante polo tema do morbo? Si. Pero se xa temos problemas coa identificación de Teodomiro, que é un personaxe que non debería dar tanto, imaxina unha suposta persoa de Palestina. Con que comparas, como demostras, que fas?
O problema do Apóstolo é que, de entrada, son tres individuos. Aínda por riba, só o Papa pode permitir a apertura dos restos, e en Roma hai anos que non queren falar do tema das reliquias
Aínda así, vese que a Igrexa mostra algún interese, como demostra a túa investigación
Si, é chamativo pero penso que hai un antes e un despois tralo accidente do Códice Calixtino. Púxose xente nova e houbo un cambio de dirección na Fundación da catedral. Hai moita máis profesionalidade, apertura e inclinación cara á ciencia. Persoalmente notei ese cambio, hai que recoñecelo. Eles nunca din “non podes estudalo”, senón que “o problema é que isto non é competencia nosa, senón do papado”, e en Roma hai anos que non queren falar do tema das reliquias . Son sorprendentemente máis abertos do que parece.
O Camiño de Santiago é un dos temas que máis interese histórico espertan entre a poboación. Como podemos separar o tópico do académico na súa divulgación?
O problema dende a miña rama, que é a arqueoloxía, é que nós somos unha ciencia social. Para que eu poida investigar ten que haber moita xente rompendo as costas e pagando impostos, e a miña función última ten que ser a social. Que quero dicir? As investigacións teñen que ter unha divulgación, un impacto. Hoxe en día mestúrase a divulgación coas noticias curtas, morbosas e polémicas para atraer canta máis xente mellor. É algo que custa facer. Nótoo incluso co noso artigo, coa diferenza entre a nota de prensa e o que sae publicado. Cada un busca atraer o seu público á súa maneira.
Respecto ao Camiño de Santiago, hai tempo que se está desvirtuando. Estase convertendo nun destino de vacacións en detrimento do seu significado cultural ou relixioso anterior. Estase perdendo un compoñente cultural moi rico.
Ti traballas na Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Noruega (NTNU). En que se parece a realidade arqueolóxica de aquí e de alá no referido a condicións laborais ou financiamento público?
Boa pregunta. Eu creo que o Estado español inviste en ciencia moito máis do que pensamos, e iso vese na cantidade de publicacións científicas que ten España cada ano. É un sitio moi forte aínda que quizais podía estar mellor e mellor redistribuído. Tamén é un país que se ofrece a colaboracións internacionais. Se comparas con Noruega, España está mellor pero tamén porque ten moitísimo máis patrimonio. Iso si, se comparas con Alemaña si que notas diferencia. Cando estiven no Max Planck Institute víase unha capacidade de investigación moi grande. Pero claro, estamos falando dunha institución que de media gaña un premio Nobel ao ano.
Si que é certo que é chamativo que ás veces ves que para cousas do Camiño de Santiago hai moito financiamento, moitos cartos, e non obstante cando se pode xerar cultura, algo que poda atraer turistas, exposicións ou estas investigacións que estamos realizando, aí non se ven os cartos. Ou non sabemos preguntar, ou non saben eles ofrecerse. Algo falla. As miñas investigacións nunca se realizaron con fondos galegos, sempre foron externos ou privados. Ao mellor o problema é meu, non o sei. Esta investigación finaciouse enteiramente con fondos de institucións foráneas, principalmente a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Noruega, o Max Planck Institute e a Universidade de Estocolmo.
Redondela, 1996. Graduado en Historia (2018), máster en Historia Contemporánea (2019) e máster en Profesorado (2020) pola USC. Tiven a sorte de publicar algúns artigos sobre a Transición dende o punto de vista municipal e local, tema ao cal dediquei as investigacións que realicei ata o momento, especialmente para Redondela. Actualmente oposito a profesor de Xeografía e Historia e xestiono, xunto á miña familia, o proxecto de recuperación da vida e a obra do escultor lugués Luis Ferreiro Peinó.