Carlos Quivén Sánchez
Nos últimos anos, de xeito notable, a Transición vén sendo parte da guerra de relatos do discurso político en España. A discusión radica na propia natureza do proceso e a lexitimidade que outorga este a actual democracia, co papel sacrosanto da Constitución do 1978 e a consolidación da institución monárquica.
Os argumentos basculan entre o enxalzamento acrítico que concede ese manido carácter modélico á Transición, na que os españois déronse a man como irmáns deixando atrás as súas diferenzas do pasado e comezaron a camiñar unidos, elixiron uns gobernantes que rubricaron un marco legal común e, dun día para outro, a democracia chegou, e a emenda á totalidade do proceso transicional cheo de traizóns e desfeitas que dan lugar ao actual «Réxime do 78». Ambas posicións inciden e confrontar dúas ideas de país distinta, a dos chamados «constitucionalistas» e a dos «rupturistas», pero carecen da necesaria vontade necesaria de construír un relato con todos os matices precisos e axeitados dun proceso histórico, como todos, complexo que non sirva como arma discursiva para lograr o ansiado voto.
O libro obxecto da presente recesión vén a verter un pouco de luz sobre todo o que foi o proceso da Transición nun territorio tan esquecido como Galicia neste sentido. Galicia en transición (Sílex, 2019) é unha obra de recente publicación dirixida polo historiador ourensán Julio Prada Rodríguez na que xunta investigadoras e investigadores do país co obxectivo de analizar este período tan convulso e ateigado de ocos aínda sen cubrir.
O gran interese deste traballo colectivo é a diversidade de enfoques dende os que abordan a Transición cunha intencionalidade partillada: abandonar o tradicional análise dende as elites políticas e pór o foco sobre a conflitividade social e a construción da democracia dende abaixo, coa cidadanía galega como protagonista. A obra, escrita en castelán, pretende, con toda probabilidade, ser cando menos un referente na historiografía galega e un aporte aos traballos que se veñen facendo sobre a materia dende distintos territorios do Estado (estudos rexionais) por diversos autores e autoras e grupos de investigación nas últimas décadas.
O contido do libro está articulado a través de dez capítulos que abordan perspectivas diversas e que conceden esa visión complexa da Transición en Galicia. Un dos aspectos a salientar destes traballos é que cuestionan o marco temporal tradicional, que viña sendo, grosso modo, desde a morte de Franco no 1975 até a 1978 cando foi referendada a Constitución ou 1982 coa vitoria do PSOE. As e os investigadores analizan, pois, o período cuestionando ese marco na medida en que non se poden deixar atrás na análise da Transición feitos que aconteceron nos anos sesenta, por exemplo, ou posteriormente xa ben entrada a década dos oitenta. Tal é o caso do movemento estudantil, o asociacionismo labrego ou as loitas contra a reconversión industrial. Todos estes feitos non collen dentro desa periodización clásica e son necesarios para comprender os cambios que tiveron lugar nese momento.
Outro elemento a destacar dos traballos que se recollen neste libro é o papel da cidadanía galega na construción dunha cultura democrática. A explicación da Transición como un proceso planificado e dado dende as elites a un pobo que o acepta de xeito pasivo entra en contradición coas evidencias que o análise histórico, facendo uso dunha metodoloxía axeitada, ten desmontado. O grao de compromiso e organización da sociedade civil galega, que fixo de motor do cambio, é maior do que se pensa, máis aínda se non nos quedamos na mera análise de resultados electorais.
Así o demostran José Ramón Rodríguez Lago no seu capítulo sobre o clero que pugnou polo cambio no cerne dunha Igrexa que se resistía a adaptar a súa institución aos novos tempos; Emilio Grandío Seoane, coa loita sindical en Bazán que chegou a paralizar unha cidade como Ferrol e da que se facía eco o Foreign Office británico; Diego Gómez-Aller Andrés, co repertorio de acción colectiva despregado nos anos oitenta polos traballadores da industria galega ante a reconversión levada a cabo polo goberno socialista; Alba Díaz-Geada, cas labregas e labregos que aprenderon na escola democrática que eran as asociacións de loita campesiñas ao longo de todo o século XX; Ricardo Gurriarán, co estudantado galego que se mobilizou nas rúas mesmo antes que os franceses; Francisco Xavier Redondo Abal, cos centos de xulgados polo Tribunal de Orden Público por actos de resistencia cotiá ou de baixa intensidade como facer pintadas nun muro ou maldicir ao réxime franquista en plena rúa; María Concepción Álvarez Gómez e Enya Antelo, coas mulleres que se organizaron e puxeron en cuestión os roles que lles foran asignados, así como a desmitificación do matriarcado galego e a reivindicación de postos relevantes na toma de decisións no partidos políticos ou nas institucións. Sumamos o capítulo de Julio Ponce Alberca, co estudo dos gobernadores civís das provincias galegas durante este período que, ao contrario do que se poida pensar, houbo máis cambios que continuidades nun momento de transición institucional.
Todos estes ámbitos, en definitiva, son os que non só son precisos incorporar ao estudo da Historia, senón tamén ao relato público da Transición. Obviar a conflitividade e presentalo como un momento glorioso do noso pasado sen ter en conta todos os matices non fai outra cousa que crear un marco de inmobilismo e sacralización das institucións. Superar ese marco, coas ferramentas metodolóxicas que outorga a historiografía é o camiño a seguir. E esta obra transita na dirección axeitada.
Bibliografía
Prada Rodríguez, Julio (dir.). Galicia en transición. Madrid: Sílex, 2019.
O Barco de Valdeorras, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursei o Mestrado en Historia Contemporánea na mesma universidade e o Mestrado en Formación do Profesorado de Ensino Secundario na UVigo. As liñas de investigación polas que me intereso son a conflitividade social, a acción colectiva e a violencia nas súas diversas expresións. Asemade, teño interese polo período de entreguerras e o ascenso dos fascismos en Europa.
- Carlos Quivén Sánchezhttps://www.mazarelos.gal/author/carlosquiven/
- Carlos Quivén Sánchezhttps://www.mazarelos.gal/author/carlosquiven/
- Carlos Quivén Sánchezhttps://www.mazarelos.gal/author/carlosquiven/
- Carlos Quivén Sánchezhttps://www.mazarelos.gal/author/carlosquiven/