Emigración, futuro e odio

Martín Graña Pérez

Estes días estamos vivindo unha crise humanitaria terrible na fronteira entre Ceuta e Marrocos. No muro entre África e Europa, o primeiro e o último mundo. Como a historia nos ensinou, cando se dan conflitos políticos e diplomáticos entre Estados, os primeiros damnificados sempre son os mesmos; os desposuídos, os pobres da terra. Asistimos atónitos a utilización obscena por parte do réxime alauita dos seus cidadáns e outros habitantes como catapulta humana, munición de carne e óso. E como se dun partido de tenis se tratase, as autoridades españolas devolven inmediatamente a calquera persoa que veña buscando un mundo mellor e un futuro, algo máis, esperanzador. Sen ter en conta o ilegal das coñecidas como “devolucións en quente”, tema co que poderíamos escribir outro artigo.

Desde os sectores máis pegados a Adolfo, o austríaco, vemos como se están vertendo unha serie de mensaxes de odio e mentira. Hai quen nos fala de “invasión”, de “conquista”. Sorpréndeme que esta xente tan afeccionada a “batalliñas” históricas do seu benquerido “Imperio Español” e a historia militar, a máis pracenteira das historias en canto a como a desfrutan os que a crean e a estudan, un auténtico exercicio de onanismo patriótico, sexan quen de chamarlle a esta fuxida desesperada de nenos: “invasión”. Eles, coñecedores das máis espectaculares e valentes tácticas de combate, Pirri de tal e Fulano de cal contra corenta e oito mil ingleses nunha colonia americana, os últimos dunha illa perdida no Pacífico, blablabla…

Os migrantes e a inmigración, pese a quen lle pese, son o único futuro que temos se queremos manter un retiro digno con pensións públicas ou uns servizos básicos. De momento, por sorte, non podemos obrigar as mulleres a ter fillas (mal que lle pese aos fundadores de Gilead), a taxa de natalidade está ao mínimo e a nosa pirámide de poboación cada vez está máis ancheada polo pico. Non fai falla ser demógrafo para darse conta de que o aporte de poboación nova en idade de traballar que contribúa ao mantemento de todos os servizos aos que hoxe temos acceso pode vir en parte de migrantes estranxeiros. Ao tempo que se levan a cabo políticas para fixar a poboación nativa e se evita que estes migren a outros lugares inda máis ao norte. Inmigración e futuro digno para os de aquí, non hai outra.

Hai xente que vive do odio, que o crea e o alimenta. Cando o odio ten fame comeza a tragar como un xigante sen fondo, insaciable. O envelenamento da sociedade acaba levando á sinalización do diferente e do débil poñendo a uns, os bos e rectos, contra o diferente, malvado e corruptor. Hai que ter moito coidado en deixar que se cree un “diferente” porque en calquera momento ese diferente podes chegar a ser ti. Hoxe é a nena que vén de África, mañá pode ser o que non vai a misa recibir a hostia. Acollamos a xente cos brazos abertos, como a voluntaria da Cruz Vermella, e construamos xuntos un futuro mellor fuxindo do odio.

Fotografía de portada: Miko Guziuk, unsplash

Máis artigos

Ribadeo, 1996. Son graduado en Historia pola Universidade de Santiago de
Compostela cunha estancia dun curso na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente estou cursando o grao de Dereito na Universidad Nacional de Educación a Distancia. Os meus campos de estudo céntranse na historia de Ribadeo e a súa área desde o século XVII ata a actualidade e as dinámicas e historia económica occidental desde a conformación do capitalismo mercantil.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

1 comentario en “Emigración, futuro e odio”

Deixa un comentario

Publicidade