Neste artigo, analizarei dous dos argumentos máis importantes para rexeitar o especismo, é dicir, a idea de que só debemos considerar moralmente a aqueles individuos que pertencen á especie homo sapiens: o Argumento da Relevancia e o Argumento da Superposición de Especies. Para realizar esta análise, o artigo estará estruturado do seguinte modo: a primeira sección expoñerá brevemente os argumentos ofrecidos para defender o especismo. A segunda sección analizará o Argumento da Relevancia. A terceira sección examinará o Argumento da Superposición de Especies. A cuarta sección concluirá.
Argumentos a favor do especismo
Existen catro tipo de argumentos en favor do especismo. De acordo co: Argumento Definicional: o especismo é correcto por defecto.
Este tipo de argumento non parece axeitado. Aquelas persoas que cuestionen o especismo non terán ningunha razón para aceptalo.
De acordo co: Argumento das Calidades Non Empíricas: os humanos merecen unha maior consideración moral que os animais non humanos porque posúen certas calidades que non poden ser probadas empiricamente.
Este tipo de argumento, igual que o anterior, carece de solidez. Dado que estas calidades non poden ser probadas empiricamente, non hai seguridade de que o especismo sexa correcto.
De acordo co: Argumento das Calidades Empíricas: os humanos merecen unha maior consideración moral que os animais non humanos porque posúen certas calidades que poden ser probadas empiricamente.
Este argumento é un dos máis relevantes na defensa do especismo porque hai evidencias de que algúns humanos, a diferenza dos animais non humanos, posúen algunhas destas calidades.
De acordo co: Argumento das Relacións Especiais: os humanos merecen maior consideración moral porque manteñen certas relacións especiais que non manteñen con outros animais non humanos.
Este argumento tamén é utilizado con frecuencia para defender o especismo. Non obstante, ao igual que o Argumento das calidades empíricas, é considerabelmente problemático. Dado que estes argumentos son problemáticos, nas seguintes seccións examinaremos as principais réplicas a estes argumentos.
O Argumento da Relevancia
De acordo co: Argumento da Relevancia: un criterio só está xustificado se está baseado en factores que sexan moralmente importantes.
O Argumento da Relevancia postula unha idea sinxela, que talvez sexa máis fácil de comprender cun exemplo. Imaxinemos que nun país calquera se decide que só poderán acceder ao sistema sanitario quen posúan un permiso de conducir. A maioría de nós consideraría esta medida inxustificada. Isto débese a que o factor importante para dirimir quen debe recibir atención sanitaria non é posuír un permiso de conducir, senón requirir esta atención. Do mesmo modo, á hora de examinar o problema da consideración moral dos animais non humanos, un dos factores máis importantes é se estes animais poden resultar beneficiados ou danados, xa que este é o mesmo criterio que aplicamos no caso dos humanos. De acordo co Argumento da relevancia, polo tanto, a consideración moral outorgada os animais non humanos non pode ser nula.
O Argumento da superposición de especies
De acordo co: Argumento das Calidades Empíricas e o Argumento das Relacións Especiais, hai criterios que nos permiten outorgalles consideración moral soamente os humanos. Esta idea, porén, é moi contraintuitiva. Para ver o porqué examinemos o Argumento da Superposición de Especies: non existe ningún criterio moral relevante que separe todos os membros da especie homo sapiens dos animais non humanos.
Consideremos, por exemplo, a suposta intelixencia superior dos humanos. Moitos humanos son máis intelixentes que os animais non humanos. Porén, outros moitos non o son. Non obstante, a maioría non aceptaría que estes humanos merezan unha consideración moral menor. O mesmo ocorre no caso do Argumento das Relacións Especiais. Moitos humanos non poden manter relacións especiais con outros humanos. Non obstante, a maioría non cre que merezan unha consideración moral menor. O único criterio que separa todos os humanos dos animais non humanos é a pertenza a unha especie. Porén, este é un criterio puramente taxonómico que carece de relevancia moral.
Así pois, o Argumento da Superposición de Especies complementa o Argumento da Relevancia da seguinte forma: de acordo co Argumento da Relevancia, un criterio básico para a consideración moral é o poder resultar danada e beneficiada. De acordo co Argumento da Superposición de Especies, ningún criterio moral relevante separa todos os humanos dos animais non humanos. Estes dous argumentos dificultan soster unha posición especista consistente, satisfactoria e intuitiva sen apelar a argumentos puramente definitorios
Moita xente cre que os animais non humanos non deben ser considerados moralmente. Porén, de acordo co Argumento da Relevancia, tal idea non é plausíbel, xa que un requisito básico para a consideración moral é que un individuo poida resultar danado e beneficiado. Así mesmo, de acordo co Argumento da Superposición de Especies, non existe ningún criterio moralmente relevante que separe todos os membros da especie homo sapiens dos animais non humanos. Por conseguinte, calquera dos requisitos para a consideración moral postulado a través do Argumento das Calidades Empíricas ou do Argumento das Relacións Especiais non servirá para defender o especismo.
Referencias
Óscar HORTA ÁLVAREZ: “The Scope of the Argument from Species Overlap”, Journal of Applied Philosophy, 31 (2014), pp. 142-154.
Óscar HORTA ÁLVAREZ: “Moral Considerability and the Argument from Relevance”, Journal of Agricultural and Environmental Ethics, 31 (2018), pp. 369-388.
Santiso (Pontevedra), 1995. Cursei o grao en Filosofía na USC e o máster en Filosofía: coñecemento e cidadanía na mesma universidade. Traballo na área de filosofía moral, centrándome na área de ética das poboacións mais tamén noutras áreas afíns como as da ética animal e a teoría da decisión, nas que realizarei publiacións no futuro.