Como e onde morrer no Camiño de Santiago: os hospitais para peregrinos durante os séculos XI-XIII (I)

Philip Duncan Webb

Durante a súa época dourada (1050-1300), o máis común era que os peregrinos falecesen co Camiño de Santiago a medio andar1. Chocante, quizais, pero como veremos neste artigo, os hospitais fundados neste período mitigaban o perigo de morte, até certo punto.

É verdade que bastantes vítimas xa tiñan enfermidades cando saían do lar. Ían a Compostela para pedirlle unha curación ao Apóstolo, e semella que moitas non a recibiron. O tifo, as vexigas e o ergotismo eran algunhas das pragas máis mortíferas; desta última ocupábase a Orde de San Antón, cuxos membros xestionaban uns douscentos hospitais para peregrinos aquén e alén dos Pireneos cara a finais do século XII2.

Pero os hospitais cumprían outras fins sociais que eran tan importantes como a medicina, o cal pode parecernos algo estraño hoxe en día. Hai que lembrar que a ciencia médica aínda se atopaba nunha etapa preliminar. Fronte ás lesións e ás doenzas, o galeno non gozaba da posición hexemónica que ten na actualidade, e tiña que competir cos remedios populares, a bruxería e, por suposto, o rezo3. Entón, o hospital medieval non se asociaba unicamente coa medicina, senón que tamén ofrecía servizos de socorro para os pobres, e para moitos peregrinos tería funcións parecidas a un hostal moderno.

En xeral, podemos dicir que a acollida brindada pola maioría dos hospitais sería básica, “não indo muito além da proteção e abrigo contra as intempéries, fogueira, sal, água, candeia, um leito modesto para pernoitar e alguma refeição frugal4. Algunhas fontes indican que os hospitais máis pequenos poñían exactamente doce camas á disposición dos peregrinos, en homenaxe aos doce Apóstolos5.

Respecto da división do traballo, as tarefas médicas e administrativas eran o dominio dos monxes. Os leigos, e sobre todo as leigas, realizaban labores igualmente vitais pero de menos categoría: a alimentación e o recibimento dos peregrinos6. Un interesante ritual, practicado en hospitais como San Miguel de Pamplona, Roncesvalles ou Somport, consistía en lavarlles os pés aos peregrinos cando chegaban. Ao imitaren a Cristo con tal acto de humildade, as encargadas dos hospitais conferíanlle un significado bíblico a un costume que tamén cumpría o obxectivo práctico de manter un nivel mínimo de hixiene e reducir a propagación de enfermidades7.

Á parte desas enfermidades, nas estradas a Compostela axexaban ladróns, asasinos e estafadores. Hai varias historias de peregrinos nas Cantigas de Santa María de Alfonso X, e en todas elas unha intervención divina é necesaria para salvar o viandante dalgunha vexación. O exemplo máis coñecido é a Cantiga 175, na que “Santa Maria livrou de morte ũu mancebo que enforcaron a mui gran torto, e queimaron un herege que llo fezera fazer. Esta canción sobre un peregrino alemán, case executado por mor das falsas acusacións dun pousadeiro, pero rescatado no último momento pola Virxe, é unha versión dun conto que se popularizou na Europa do século XII. A historia ten a función instrutiva de advertirlle ao público sobre a ameaza de toparse con pousadeiros mentiráns que se aproveitan dos peregrinos. Podemos supor que se trata dun perigo que efectivamente se reduciu durante o período, pois estímase que a finais do século XIII habería un hospital cada dez ou doce quilómetros no Camiño Francés — unha infraestrutura extensiva en fiable para a época8.

Tamén había perigos xeográficos que podían atenuarse se un hospital se construíse nun sitio estratéxico. As zonas de alta montaña eran as máis temidas. Na súa topografía das rutas dende Alemaña a Galicia, Hard analiza unha canción popular alemá que, aínda que data do século XV, describe a mesma experiencia angustiosa de cruzar os montes ibéricos que compartirían os peregrinos ao longo da Idade Media. Fala de cinco dos pasos máis notorios: Roncesvalles (Navarra), onde “a todo peregrino que o pasa/rechúmenselle as meixelas”; Somport (na fronteira con Francia) e San Adrián (Euskadi), calquera supervivente dos cales “ben merece o paraíso”; Rabanal (León) e A Faba (O Cebreiro), onde “moitos alemáns […] están enterrados”9. Todos estes pasos tiñan cadanseu hospital, como a Hospedaría de San Xiraldo de Aurillac que Alfonso VI de León fundou en O Cebreiro no 1072 (con doce dormitorios, cada un con doce camas).

Cruzar un río podía ser tan arriscado como cruzar as montañas. Nunha pasaxe da Guía do Peregrino, o quinto libro do Liber Sancti Iacobi do século XII, o autor relata como os barqueiros da vila de San Juan de Sorde cobraban tarifas abusivas aos forasteiros e sobrecargaban as barcas, co resultado de que “la nave vuelca, y los peregrinos se ahogan en las aguas, de lo que se alegran macabremente, porque así se apoderan de los despojos de los náufragos10. Como tal, os lugares onde había pontes convertíanse en puntos neurálxicos porque os peregrinos sabían que alí podían cruzar sen xogarse a vida. Igualmente, eran lugares atractivos para os hospitais porque sempre habería peregrinos que atender. Por exemplo, a arriba mencionada Orde de San Antón tiña un en Puente la Reina (Navarra).

No presente texto falamos das dificultades ás que se afrontaban os peregrinos no período 1050-1300, e como estaban organizados os hospitais que se crearon para responder a elas. No seguinte aporte, consideraremos o perfil e os motivos das persoas que fundaron estes hospitais, amais de ofrecer unhas reflexións xerais acerca do fenómeno estudado.

*A foto de portada: Unspash“.

Notas ao pé

  1. Valdivielso Ausín, B. Aventura y muerte en el Camino de Santiago (Burgos: La Olmeda, 1999), p. 12. []
  2. Nemes, C. “The Medical and Surgical Treatment of the Pilgrims of the Jacobean Roads in Medieval Times: Part 1. The Caminos and the Role of St. Anthony’s Order in Curing Ergotism”, International Congress Series, núm 1242 (2002): 33. []
  3. Gabriel Hilu da Rocha Pinto, P. “O estigma do pecado: a lepra durante a Idade Média”, PHYSIS – Revista de Saúde Coletiva, núm 5 (1995): 135. []
  4. Marques, J. “A Assistência aos Peregrinos, no Norte de Portugal, na Idade Média”, faladoiro impartido no I Congresso Internacional dos Caminhos Portugueses de Santiago de Compostela, 10-12 November 1989: 21. []
  5. Singul, F. O Caminho de Santiago: a peregrinção occidental na Idade Média (Rio de Janeiro: Universidade do Estado do Rio de Janeiro, 1999), 86. []
  6. González Vázquez, M. Las mujeres de la Edad Media y el Camino de Santiago (Santiago de Compostela: Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, 2000), 90. []
  7. Vázquez de Parga, L. José María Lacarra & Juan Uría Ríu, Las peregrinaciones a Santiago de Compostela (Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 1948): 318. []
  8. Schmugge, L. “A peregrinación libéranos” en Seis ensaios sobre o Camiño de Santiago, ed. Vicente Almazán (Vigo: Editorial Galaxia, 1992): 67. []
  9. Hard, G. “Hai cinco montes naquel país” en Seis ensaios sobre o Camiño de Santiago, ed. Vicente Almazán (Vigo: Editorial Galaxia, 1992): 156. []
  10. Valdivielso Ausín,B. Aventura y muerte en el Camino de Santiago (Burgos: La Olmeda, 1999), 23. []

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade