Comezo e fin: Galiza

A pasada fin de semana, Arxentina convertíase en campioa do mundo por terceira vez na súa historia. Despois dun comezo dubidoso cheo de nervios e incerteza, o combinado arxentino conseguiu ir de menos a máis e acabou derrotando a todopoderosa Francia despois dunha final memorable que quedará marcada na historia dos mundiais, como a infamia da sede escollida polo fondo e forma. Este acontecemento toca de cheo ao noso país. Galiza e Arxentina, a quinta provincia. Unha historia unida pola emigración de tantos galegos e galegas que foron acollidas e fixeron vida nese lugar do sur de América.

Os galegos foron configurando a Arxentina de hoxe até o punto de que os españois son coñecidos na Arxentina como gallegos. Nesa historia de ida e de volta atopamos ao seleccionador arxentino, Lionel Scaloni, que chegou ao Deportivo no ano 1998 con tan só 20 anos e que rematou por converterse en lenda viva do deportivismo atravesando a súa etapa máis gloriosa.

O luns, todos os xornais do mundo abrían coa nova do título obtido pola Arxentina. E aquí, en Galiza, tiñamos motivos para estar orgullosos. O ideólogo da gañadora tiña un pasado importante no noso país e exhibíao sen medo. Mentres gañaba a final da copa do mundo a súa imaxe de portada da súa conta de Twitter era unha captura de Riazor. Inda así, o que máis me fixo pensar foi unha nova de El Progreso onde se contaba unha anécdota de Scaloni no ano 2002, cando saíu unha noite por Sarria e acabou pinchando nun local1. E isto trasladoume a outra que se publicou co gallo da morte do astro Diego Maradona. Resulta que Maradona era de Ribadeo2.

Non se queda aquí a influencia galega no mundo latinoamericano. Coa morte de Fidel Castro, ascenso de Raúl e relevo de Díaz-Canel tamén se publicaba unha nova na que se falaba das conexións dos líderes cubanos coa Mariña e occidente asturiano3. A masiva emigración galega debía acabar resultando en liderados con pasado galego. E neste caso quero aproveitar para felicitar e ter un recordo para o xornalista Martín Fernández Vizoso, autor dun artigo semanal e varios libros coñecidos como Memoria de Mariñáns, nos que trata basicamente da pegada da emigración galega, desde A Mariña, na historia e desenvolvemento latinoamericano.

Todas estas formas de unir grandes figuras a ámbitos locais ou pequenos paréceme un bonito intento de humanizalos en momentos de endeusamento. Coa morte ou con grandes conquistas sempre tendemos a engrandecer ou a esaxerar as persoas que as levaron a cabo. No noso caso, tendemos a contar anécdotas que os fan máis “pequenos”. E enténdaseme “pequeno” como “cotián” ou “familiar”. Que Scaloni gañou un mundial? Recordade a noite que se emborrachou e acabou pinchando nun garito de Sarria. Morreu Maradona, o máis grande da historia do fútbol? A súa orixe está na parroquia de Arante, en Ribadeo. Que se prepare Messi cando lle chegue o retiro ou a última viaxe. Todo se reduce a iso. O comezo e o final en Galiza.

Imaxe de cabeceira: Unsplash

1 Redacción: “La noche sarriana de Scaloni”, El Progreso (20/12/22). Dispoñible en: https://www.elprogreso.es/articulo/sarria/noche-sarriana-scaloni/202212201045471626174.html (consultado o 20/12/2022).

2 La Voz de Galicia: “Los vínculos entre Galicia y Maradona”, La Voz de Galicia (26/11/20). Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deportes/2020/11/25/mil-vinculos-maradona-galicia/00031606324257469561771.htm (consultado o 20/12/2022).

3 Martín FERNÁNDEZ: “Díaz-Canel, otro presidente de un país americano descendiente de emigrantes”, La Voz de Galicia (22/04/18). Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/04/22/diaz-canel-presidente-pais-americano-descendiente-emigrantes/0003_201804X22C5994.htm (consultado o 20/12/2022).

Máis artigos

Ribadeo, 1996. Son graduado en Historia pola Universidade de Santiago de
Compostela cunha estancia dun curso na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente estou cursando o grao de Dereito na Universidad Nacional de Educación a Distancia. Os meus campos de estudo céntranse na historia de Ribadeo e a súa área desde o século XVII ata a actualidade e as dinámicas e historia económica occidental desde a conformación do capitalismo mercantil.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

1 comentario en “Comezo e fin: Galiza”

Deixa un comentario

Publicidade