Cartografías Invisibles II: Guía de peregrinación ao purgatorio, Santo André de Teixido

José Manuel Suárez García

Din que vai de morto quen non foi de vivo. Todo porque, ao parecer, se tiña en máis alta estima a Santiago que a André. O dito popular conta que Deus, vendo ao apóstolo triste ―¿ou envexoso?― porque ninguén peregrinaba a un lugar deixado da súa man lle concedeu que para que as almas acadasen o ceo sería requisito ter visitado a ermida de Santo André de Teixido, vivo ou morto.

Miradoiro do Chao do Monte

A visita a aquela aldea das Rías Altas vestiuse cun ritual: o camiño a través das serras que a rodean, pasando por miradoiros habitados por bestas ―terras que ben podían ser os Prados Asfódelos da mitoloxía grega― e amilladoiros nos que quitarse unha pedra de enriba, cantís desde os que contemplar as forzas do mar e do aire bater contra a terra. Xa na aldea, o ritual intensifícase: hai que baixar unha costa cara á ermida, negociar coas vendedoras de rosquillas e de souvenirs e, segundo o manual do peregrino, mercar un sanandresiño, unha figuriña de miga de pan: un santo pola saúde, unha flor polo amor, unha man polos estudos, unha sardiña polo alimento, unha escaleira polo traballo, unha barca polas viaxes, unha pomba pola paz, ou unha coroa do santo para obter a súa protección. Logo debe acudirse á fonte do santo, onde se pide un desexo, se bebe de cada un dos tres canos e se tira unha miga de pan á auga; se flota, bo sinal. Todo este ritual é único, pero parello ao que pode desenvolverse en calquera outro lugar de peregrinación.

Mais hai unha diferencia notable respecto doutros santuarios de peregrinación, e é que a maioría deles se sitúan ao final dun camiño ascendente, cando menos na súa última etapa; a Santo André descéndese. E ao tratarse dunha aldea pequena esta relación de verticalidade faise máis evidente: o campanario e o tellado da capela vense cando xa se está sobre ela; as vendedoras de rosquillas recrimínanlle ao visitante a súa gula: “Todos mercades as rosquillas arriba, a min que estou abaixo nada”. E hai quen aínda baixa aos cantís, a buscar a “herba de namorar”. A Santo André descéndese a non ser que se vaia de morto. Para chegar ao cemiterio hai que baixar toda a aldea e logo hai que subir unha pendente, laboriosa para unhas almas cargadas de pecados.

Santo André de Teixido, a onde vai de morto quen non foi de vivo, aldea perdida nos Prados Asfódelos, sería o lugar ideal para establecer o Purgatorio dun suposto mapa cosmolóxico.

Cemiterio de Santo André de Teixido

*A foto de portada amosa unha vista xeral de Santo André de Teixido dende o cemiterio. Esta e as demais fotografías son do autor.

Máis artigos

Segufe (Coristanco), 1995. Graduado en Historia da Arte (2018) e cun mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico (2019) pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade curso o programa de doutoramento da USC cunha investigación sobre a historia da morte, o necroturismo e a arte funeraria no século XIX. Os meus estudos adoitan relacionarse coa arquitectura e o urbanismo, as mentalidades e a cultura da época contemporánea.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade