O barrio Alto de Lisboa, punto neurálxico da maioría de xornais portugueses do século XIX, como a sede do emblemático Diario de Noticias, aínda garda esa esencia xornalística e curiosa que parecía case perdida polos seus éxodos cara a periferia da capital portuguesa. Hai unha aura dese nostálxico gremio da información mais as rotativas e a tinta mudaron cara os micrófonos e o son. Neste barrio localízase o podcast de xornalismo de investigación, Fumaça. Este novo medio naceu no 2016 co fin de desenvolver audiodocumentais de longa duración co fin de resolver as preguntas que se formulan arredor dos temas que definen a actualidade pero que non aparecen as portadas dos xornais.