As orixes do foot-ball en Ribadavia (1910-1923)

O rural galego do primeiro terzo do século XX caracterizouse pola chegada de ideoloxías e modos de vida que, daquela, poderían ser consideradas urbanas. Estas influencias foron monopolizadas por unhas elites liberais emerxentes que procuraban desprazar ao poder tradicional practicando un discurso rexeneracionista. Esta dinámica está presente na expansión de elementos orixinarios das cidades no mundo rural: tanto as ideoloxías proletarias (socialismo, anarquismo) como novas dinámicas asociativas vinculadas ao foot-ball. Nun inicio, esta praxe estivo capitalizada pola burguesía ilustrada das principais vilas de Galicia e foi rexeitada polas elites da Restauración, a igrexa e os galeguistas que, como afirma Raúl Soutelo, pertencían á mesma elite social que o conservadurismo ourensán (Soutelo, 1999: 141).

En Ribadavia, o xornal El Noticiero del Avia culpa aos veciños Alfredo Ellacuriaga e Rosendo González de ser os causantes de que la afición al deporte de moda prendiese en esta villa1. Ambos, como boa parte dos protagonistas vinculados ás primeiras sociedades deportivas da vila, pertencían á pequena burguesía local. Os estudos clásicos sobre o agrarismo afirman que foi a burguesía urbana quen introduciu as ideas rexeneracionistas no rural. Secasí, asociadas a estas tamén se introduciron novas costumes dos centros urbanos, incluído o fútbol. É evidente, polo ranto, que a rexeneración do agro e a praxe futbolística foron os dous ascensores elixidos pola burguesía ilustrada para medrar como clase social.

O deporte en Ribadavia estaba presente dende finais do século XIX, fundándose na capital comarcal a sociedade Sport Velocipédico (Prado Conde e Llana Rodríguez, 2008). Co cambio de século percíbense algúns intentos por formar equipos de fútbol, aínda que sen constancia temporal. De feito, a por entón revista deportiva catalana El Mundo Deportivo acusa a Ourense de ser unha provincia onde radica el desierto cerca del indeferentismo e onde no se ha desarrollado completamente la afición, a diferencia dos núcleos urbanos da Coruña e Vigo, así como vilas costeiras como Vilagarcía de Arousa2.

Título de socio fundador do Avia F.C. Fonte: maquians.blogspot.com

O primeiro team do que se ten constancia no Ribeiro é o Avia Foot-ball Club, fundado no outono de 19103. Esta sociedade, como as semellantes fundadas coetáneamente noutras vilas próximas como Ponteareas ou O Carballiño, tiñan ao fútbol como unha actividade coetánea á organización de bailes, espectáculos teatrais e concertos musicais dirixidos ás elites locais. Os mozos liberais que impulsaron o Avia F.C. tamén contribuiron a insertar outros elementos dos “tempos modernos” na capital comarcal. Camilo Vázquez, presidente da sociedade e fundador dos scouts de Ribadavia, foi o organizador do espectáculo de aviación realizado polo coñecido José Piñeiro no campo de San Cristovo. Espectáculo que, como é lóxico, incluía un match de foot-ball4. Como afirman Pujadas e Santacana, os mozos organizadores das sociedades deportivas eran tamén practicantes, demostrando un alto grao de compromiso coa entidade en cuestión dende un primeiro momento (Pujadas e Santacana, 2003: 511).

Espectáculo do aviador Piñeiro en Ribadavia. Fonte: Vida Gallega (20-9-1913), p. 9

Tras unha vida de catro anos na que o Avia F.C. participou no “campeonato foot-ball provincial”, a sociedade desfíxose na primavera do 1914. Nos próximos anos, o fútbol comeza a aparecer nos programas das Festas do Portal, organizándose partidos na Alameda e na Praza Maior de Ribadavia5.

Por entón, fúndase en Ribadavia o Unión F.C., sociedade deportiva que representa á perfección o tránsito do fútbol como un deporte elitista a unha práctica de masas. A finais da segunda década do s. XX, os poderes políticos comezaron a utilizar ao fútbol como unha ferramenta para aumentar o seu capital social e mellorar a súa imaxe cara unhas masas cada vez máis “deportivizadas”. José Estévez Carrera, deputado conservador polo partido xudicial de Ribadavia, integrouse na vida deportiva local dende 1918. Incluso se pode ler na prensa que o Unión F.C. cuenta con la protección del insuperable diputado D. José Estévez Carrera6. O aspecto máis relevante da súa relación co fútbol é a organización, en setembro daquel ano, da “Copa Estévez Carrera”. É curioso como desputar a Copa Estévez Carrera se converteu nun motivo de desputa entre os teams ourensáns Unión Deportiva e Orense Sporting Club, que finalmente acordan xogar un partido para decidir cal participará no torneo. É posible que o prestixio e a intrínseca carga ideolóxica que aportaba o participar na copa organizada polo deputado ribadaviense fose a orixe desa desputa.

Leiro Sporting Club. Vida Gallega (30-5-1919), p. 20

A partir dos anos 20, a popularización do fútbol é evidente. Rexístrase o primeiro equipo do Ribeiro fóra de Ribadavia, o Leiro Sporting Club, e a finais desa década núcleos poboacionais da comarca como Cortegada ou Melón xa contarían con equipos de fútbol propios. A praxe futbolística expandiuse e comezaron a xurdir novos deportes coma o tennis que, como sucedera co fútbol a comezos do século, foron empregados polas elites como ferramenta de distinción social.

Notas

  1. El Noticiero del Avia (8-2-1925), p. 2
  2. El Mundo Deportivo (7-6-1906), p. 3
  3. El Noticero del Avia (22-10-1910), p. 1
  4. La Región (9-5-1913), p. 2
  5. El Ribadaviense (11-8-1917), p. 7 e El Ribadaviense (15-9-1917), p. 3
  6. El Noticiero del Avia (21-7-1918), p. 3

Bibliografía

Santiago PRADO CONDE e César LLANA RODRÍGUEZ: Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses VI. O deporte. Museo Etnolóxico de Ribadavia, 2008.

Xavier PUJADAS e Carles Santacana: “El club deportivo como marco de sociabilidad en España. Una visión histórica (1850-1975)”, Hispania, vol. 214, 2003, pp. 502-522.

Raúl SOUTELO VÁZQUEZ: Os intelectuais do agrarismo. Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 1999.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *