As orixes da Catedral de Ourense: San Martiño de Tours

Andrea Montes González

A catedral ourensá supón para a cidade unhas das maiores atraccións turísticas pola súa cabeceira, a súa fachada occidental e, sobre todo, polo seu rico Pórtico do Paraíso. Non obstante, as súas paredes gardan segredos, vivencias e lendas que fan deste templo un lugar marabilloso. Unha destas lendas é sobre a súa orixe como catedral da cidade, historia vencellada ao famoso santo San Martiño de Tours.

No século VI, Galicia atopábase dominada polos suevos, un pobo practicante da tradición arriana que estaba dirixido por Carriarico. San Martiño de Tours, bispo no século IV d.C. procedente de Panonia, é famoso polos numerosos milagres que levou a cabo, ademais da evanxelización e a súa loita contra os costumes pagáns. Esta fama prolongouse pola cristiandade nos séculos e no territorio, chegando aos ouvidos de Carriarico, quen tiña un fillo moi enfermo.

Ante o coñecemento deste santo tan milagreiro, o rei suevo promete que se o seu fillo curaba grazas á intercesión de San Martiño, converteríase ao catolicismo. Por tanto, Carriarico envía embaixadores con “ricas ofrendas” a visitar o sepulcro do santo co fin de implorar saúde para o seu fillo e tamén a recoller algunha reliquia que puidese salvalo, tal como dicía a tradición1. A misión fracasa, xa que os encargados de recoller as reliquias volven coas mans baleiras; sen embargo, a fe do rei suevo non se debilita, mais manda construír unha catedral nova2 na cidade da súa residencia, que segundo Manuel Sánchez Arteaga “(…) a cidade na que aconteceron e na que Carriarico á sazón residía, cidade que Gregorio (de Tours) non nombra, foi a antiga Auria”3.

Ao mesmo tempo que se comeza a construción da catedral, os embaixadores volven en busca de reliquias a Tours, lugar onde se atopa o sepulcro do santo, esta vez con éxito. Segundo palabras de Sánchez Arteaga, estes embaixadores volven a un porto de Galicia, onde atopan a San Martiño de Dumio, un sacerdote de gran instrución e natural de Panonia. Esta personaxe visitara os “Sagrados Lugares” da Palestina4, motivo polo que se pensa que a misión tivo éxito. San Martiño Dumiense únese aos embaixadores camiño á cidade de residencia de Carriarico, rei dos suevos, quen aparece á metade do camiño acompañado do seu fillo completamente curado. Tras este milagre, e totalmente agradecido, o rei suevo Carriarico converteuse do arrianismo ao catolicismo. Seguidamente, vendo a conversión do seu rei, todo o pobo suevo converteuse do mesmo xeito ao catolicismo, sendo este un acontecemento histórico para a Península.

As novas reliquias conseguidas de San Martiño de Tours foron levadas á nova catedral de Ourense, sendo esta consagrada a este santo, ata a actualidade, onde se conservan no presbiterio da Capela Maior. Por tanto, a catedral de Ourense, a chamada Catedral de San Martiño, está dedicada a este santo francés por este acontecemento, célebre en numerosas cidades de Europa, sobre todo no Camiño de Santiago. Sen embargo, vemos que na historia tamén intercede San Martiño de Dumio, un santo moi importante para a cristiandade e para a Península, xa que está moi vencellado aos inicios da Igrexa nesta parte do mundo, sobre todo pola súa evanxelización dos suevos. Por tanto, a catedral leva o nome de dous santos que evanxelizaron un pobo arriano a través da curación do fillo dun rei suevo no século VI.

Esta historia poderiámola considerar fantástica, sen embargo, unha fonte primaria como é o libro De Miraculis Sancti Martini escrito por Gregorio de Tours no século VI d.C. da testimonio deste suceso, atribuíndo ao rei suevo Carriarico a fundación cara ao ano 550 dunha segunda catedral auriense, baixo a advocación de san Martiño5. Estas datas sitúan unha diocese auriense moi lonxeva, xa que non só estamos a falar dunha catedral sueva dedicada a un santo francés no século VI, senón que esta sería unha segunda catedral na cidade de Ourense. Por outra parte, e en canto ás orixes da diocese auriense, Eduardo Carrero Santamaría sitúaa no momento da predicación de Santiago o apóstolo nas terras noroccidentais; e Enrique Flórez, autor da famosa “España Sagrada”, tamén aporta información sobre as orixes desta diocese.

Fonte fotografía de portada: Wikimedia commons

Bibliografía

-Carrero Santamaría, Eduardo. Las catedrales de Galicia durante la Edad Media. Claustros y entorno urbano. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005.

-Sánchez Arteaga, Manuel. Apuntes histórico-artísticos de la Catedral de Orense. Ourense: Deputación de Ourense, 2005.

Notas ao pé

  1. Manuel Sánchez Arteaga, Apuntes histórico-artísticos de la Catedral de Orense (Ourense: Diputación, 2005), 57. []
  2. Existe unha teoría que fala dunha catedral anterior á de San Martiño de Tours, que sería a que hoxe é coñecida como Santa María Nai. []
  3. Manuel Sánchez Arteaga, Apuntes histórico-artísticos de la Catedral de Orense (Ourense: Diputación, 2005), 58. []
  4. Manuel Sánchez Arteaga, Apuntes histórico-artísticos de la Catedral de Orense (Ourense: Diputación, 2005), 58-59. []
  5. Esta información está recollida en: Eduardo Carrero Santamaría, Las catedrales de Galicia durante la Edad Media. Claustros y entorno urbano (A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005), 183-184. []
Máis artigos

Venezuela, 1992. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente cursando o Máster en Valoración, xestión e protección do patrimonio cultural na Universidade de Vigo. Os meus intereses abarcan dende a historia da arte medieval ata a arte urbana, aínda que tamén me interesa a arte en relación coa antropoloxía e o seu reflexo na sociedade.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade