María Núñez Cobas
“Le dije a un compañero que este fenómeno de las mujeres en la Revolución era una Revolución dentro de otra Revolución. Y si a nosotros nos preguntan qué es lo más revolucionario que está haciendo la Revolución, responderíamos que lo más revolucionario que está haciendo la Revolución es precisamente esto. Es decir, la Revolución que está teniendo lugar en las mujeres de nuestro país” (Fidel Castro Ruz1, 1966)
O ano 1959 quedo sinalado na Historia como a data na que a Revolución Cubana triunfou; anos atrás organizárase o Movimiento 26 de Julio, que realizara algunhas accións contra o poder instaurado mais non triunfaran. Este movemento vai gañando apoios e xa no 1957 organízase unha guerrilla, conformando o Ejército Rebelde. A historiografía centra o foco de atención nas figuras revolucionarias masculinas, mais o triunfo da Revolución non foi obra deles soamente senón que o apoio cidadán tivo moito que ver no bo artellamento da Revolución. Dentro deste, as mulleres xogaron un papel importante, incluso participaron do Ejército Rebelde; conformaron un peletón feminino que recibiu o nome de Pelotón Mariana Grajales, en honor á independentista cubana que participara na Guerra de los Diez Años e que pasaría a se converter nun referente feminino en Cuba. “Las Marianas” eran un pelotón de mulleres con ideoloxía nacionalista que apostaban pola vía revolucionaria para mudar o poder establecido; moitas delas levaban contribuíndo á loita insurrecta dende facía anos.
Nun primeiro momento, algúns dos guerrilleiros non aceptaban a proposta de Fidel para a creación do pelotón. “El espectro de las mujeres combatientes continuó siendo una perspectiva aterradora para muchos hombres. Tanto desde el punto de vista físico como desde el militar, amenazaba la idea de su propia virilidad”.2 Non obstante, acabarán por integralas nas súas filas. Antes de combater, as mulleres actuaron como enlaces transportando munición, armas, mensaxería e en postos auxiliares como enfermeiras, algo moi vencellado ao rol de xénero imposto. O seu primeiro combate tivo lugar en setembro de 1958, o Combate de Cerro Pelado: “supieron enfrentar los prejuicios machistas de la época al reclamar el derecho de enfrentar al régimen sanguinario de Fulgencio Batista y como miembros del Ejército Rebelde tener el derecho a empuñar las armas y combatir al enemigo en la primera línea de combate”.3
As mulleres revolucionarias cubanas apoiaron dende os inicios a vía insurrecta para derrocar ao poder; é dicir, integraron as filas da guerrilla crendo na loita armada como camiño para mudar o presente do país e, como xa se mencionou, algunhas delas participaran do movemento dende o comezo. Así, destacaremos a Celia Sánchez, primeira muller combatente do Ejército Rebelde que, xunto a Fidel, creou o pelotón de mulleres. Por outra banda, Vilma Espín comezou a tomar contacto cos problemas sociais na universidade, onde participa do movemento estudantil; posteriormente pasará a integrar o Ejército Rebelde xunto con “Teté” Puebla e Edemis Tamayo Núñez, coñecida co alcume de “La Gallega”. Segundo esta última, “aunque éramos mujeres nada impedía que pasáramos hambre, sueño y cansancio. Al igual que los hombres, realizábamos guardias y caminatas”.4
Tralo triunfo da Revolución, todas estas mulleres ocuparon postos de mando dentro do Goberno Revolucionario. Así pois, Vilma Espín fundou a Federación de Mujeres Cubanas. Celia Sánchez foi membro do Comité Central do Partido Comunista e secretaria do Consello de Estado e Consello de Ministros; tamén creou a Oficina de Asuntos Históricos para salvagardar a memoria da Revolución. “Teté” Puebla chegou a ser xeneral de brigada nas Fuerzas Armadas Revolucionarias. Edemis ocupou postos en diversos ministerios e colaborou na fundación de hospitais rurais. Podemos ver que a súa contribución non rematou nos combates, senón que deron as súas vidas á Revolución e á consolidación desta. Igualmente, podemos mencionar outras figuras como Isabel Rielo, Olga Guevara ou Haydée Santamaría, guerrilleira de orixe galega que xa participara do asalto ao Cuartel Moncada.
Esta Revolución comeza tendo un carácter nacionalista e non será ata os sesenta cando se declare socialista. En canto á muller, teorías de corte socialista promulgaban que a familia reproducía ao capitalismo; as familias precisaban de descendentes para manter a propiedade privada, o que sitúa á muller nun plano de subordinación ao estar bioloxicamente preparada para ter descendencia, cun rol socialmente imposto que lle atribúe as dotes de coidadora. A abolición da propiedade privada ceibaría tamén á muller: “con el socialismo la situación de la mujer debería mejorar, porque en esta etapa de transición hacia el comunismo la propiedad privada debería estar ya abolida y no habría yugo que mantuviera a la mujer subordinada y en inferior posición social”.5 O sistema cubano tiña as súas particularidades con respecto a estas teorías; nel, a familia constituía o pilar da sociedade mais a entrada da muller no sistema laboral e educativo contribuiría á súa emancipación.
Deste xeito, unha das premisas do goberno foi a de introducir ás mulleres, non só no mundo laboral, senón tamén en postos de mando e carreiras universitarias de todos os eidos. Mediante a coñecida como “Campaña de Alfabetización” moitas mulleres foron alfabetizadas e outras tiveron acceso a estudos superiores. “Con la campaña se redujo el porcentaje de analfabetos en Cuba a un 3,9%, uno de los más bajos del mundo”.6 Así, nos anos setenta a participación das mulleres dentro das institucións, organizacións e no partido era importante e seguiu aumentando.7
Xa na década dos noventa, o 98% das mulleres adultas estaban alfabetizadas segundo datos da UNESCO.8 Estas políticas extrapoláronse tamén ao ámbito familiar: “en 1975, el Código de la Familia declaró la igualdad en el hogar y en el centro de trabajo”.9 Aínda que o aborto era, e é, legal en Cuba e as mulleres teñen capacidade de decidir sobre os seus corpos, o único que freaba a súa incorporación ao mundo laboral era a idea de veneración da familia dentro da sociedade. Este condenaba indirectamente á muller ao rol socialmente imposto de coidadora e nao. Malia estes puntos febles, as mulleres cubanas crearon, como se sinala ao comezo, unha Revolución dentro da Revolución; participando desta e abríndose camiño, acadando unha emancipación feminina a través da propia emancipación social.
Bibliografía
Aníbal ROSARIO LEBRÓN (n. d.). “La Revolución dentro de la Revolución: una mirada a la situación de la mujer en la Cuba socialista”. Recuperado de: http://ssrn.com/abstract=1752584
Joanna BOURKE. Sed de sangre: Historia íntima del combate cuerpo a cuerpo en las guerras del siglo XX. Barcelona, Crítica, 2008.
Marifeli PÉREZ-STABLE. La revolución Cubana. Orígenes, desarrollo y legado. New York, Oxford University Press, 1993.
Noemí RIVERA DE JESÚS. “La participación de ser mujeres en la Revolución Cubana, 1956-1959”. Jaén, IX Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres (15 al 31 de octubre de 2017), 2017. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6202337
Fíos web
Edemis Tamayo Núñez. EcuRed. https://www.ecured.cu/Edemis_Tamayo_N%C3%BA%C3%B1ez
Las marianas. EcuRed. https://www.ecured.cu/Las_Marianas
Banco Mundial, tasa del alfabetización. https://datos.bancomundial.org/indicator/SE.ADT.1524.LT.FE.ZS?end=2018&locations=8S-Z7-ZJ-CU&start=1974&view=chart
Notas
- Discurso pronunciado por Fidel, presidente da República de Cuba, na clausura da V Plenaria Nacional da FMC no estadio “Sandino” de Santa Clara. 9 de decembro de 1966 [↩]
- Bourke, J. (2008), p. 329 [↩]
- Las marianas. EcuRed. Recuperado de https://www.ecured.cu/Las_Marianas [↩]
- Edemis Tamayo. EcuRed. Recuperado de: https://www.ecured.cu/Edemis_Tamayo_N%C3%BA%C3%B1ez [↩]
- Rosario Lebrón, A. (n. d. ), p. 8 [↩]
- Rosario Lebrón, A. (n. d.), p. 28 [↩]
- Pérez, M. (1993), p. 234 [↩]
- Tasa de alfabetización, mulleres novas (% de mulleres entre 15 e 24 anos) – Asia do Sur, Europa & Asia Central, América Latina e o Caribe, Cuba. Recuperado o 28 de febreiro de 2020 do Banco Mundial: https://datos.bancomundial.org/indicator/SE.ADT.1524.LT.FE.ZS?end=2018&locations=8S-Z7-ZJ-CU&start=1974&view=chart [↩]
- Pérez-Stable, M. (1993), p. 241 [↩]